A Inspección de Traballo obriga a empresa do SAF do Porriño a manter os salarios do cadro de persoal
A Inspección de Traballo vén de requirirlle a Sociser, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Porriño, que manteña os contratos do persoal nas mesmas condicións que antes de decretarse o estado de alarma, incluíndo o pago dos salarios devengados a suspensión dos servizos. A empresa pretendía descontar das nóminas o tempo non traballado ou recuperalo cunha bolsa de horas ou con cargo ás vacacións.
O requirimento da Inspección chega pouco despois da denuncia presentada pola representación da CIG no SAF porriñés diante da autoridade laboral para evitar que a empresa cargase sobre as traballadoras/es o custe da crise sanitaria, xa que Sociser pretendía que as horas non traballadas non as cobraran, senón que as devolvesen mediante unha bolsa de horas ou con cargo ás vacacións, a pesar de que a empresa tiña asegurado o cobro íntegro do servizo por parte do Concello.
A Inspección sinálalle á compañía que no seu caso, e ao tratarse dunha empresa contratistas do sector público, non se dan as circunstancias para acollerse ao artigo 22 do Real Decreto Lei 8/2020, relativo ao procedemento extraordinario para suspender os contratos de traballo ou reducir a xornada laboral por causa de forza maior derivada da Covid-19.
Por iso lle advirte que está obrigada a manter os contratos de traballo do persoal adscrito ao SAF a data 14 de marzo nos mesmos termos, mantendo o pago dos salarios devengados durante o período de suspensión dos servizos. Tamén lle recorda que ten a obriga de respectar o dereito de información e consulta dos representantes legais do persoal no referente ás decisións da empresa que afecten ao conxunto das traballadoras/es.
Por último, reclámalle que aporte os recibos de salarios dos meses de marzo e abril, identificando as diferentes situacións dende a suspensión parcial do servizo, nos termos xa comunicados á empresa no requirimento de aportación de documentación remitido o 7 de maio.
Tal e como indican dende a Unión Comarcal da CIG do Porriño, o SAF atópase en servizos mínimos dende a entrada en vigor dende o estado de alarma, e para evitar contaxios suspendéronse moitos servizos nos que as persoas usuarias contaban con familiares, ao tempo que se distribuíron aqueles que eran necesarios para non poñer en risco a máis persoal e persoas usuarias das necesarias. “Esta decisión axudou a que nese primeiro intre de falta de material de protección se puideran ofrecer os servizos con seguridade”, sinalan.
Permiso retribuído
Neste contexto, a representación sindical propuxo a negociación dun permiso retribuído para que as persoas traballadoras que quedaban na casa con motivo da crise sanitaria puidesen cubrir as horas non traballadas.
A empresa non aceptou, e pouco despois comezaron os problemas cos salarios. “A maioría do persoal cobrou as nóminas de abril o 6 de maio; un día antes a empresa, sen negociación previa, citou unha por unha as traballadoras/es nas oficinas do Porriño para que diante de dous xefes decidiran de xeito verbal como ían compensar o tempo non traballado, ofrecéndolle a recuperación das horas non prestadas a conta de vacacións ou coa formación dunha bolsa de horas, ou directamente realizando un desconto da súa nómina”, critican. As que se negaron a aceptar algunha destas propostas recibiron salarios de pouco máis de 100 euros.
Cando percibiron os salarios, comprobaron que lles ingresaran cantidades que non superan os 300 euros, “o que deixa as traballadoras sen ingresos mínimos para afrontar os seus gastos correntes, e impedindo debido a súa mala xestión que teñan acceso ás medidas previstas polo Goberno central”.
Finalmente, dende a CIG sinalan que noutros servizos da comarca xestionados por Sociser nos que a central non conta con representación, como no caso de Salceda de Caselas, está a acontecer exactamente o mesmo, “sendo as persoas traballadoras as que están a soportar o peso desta crise”.