A Inspección de Traballo levanta acta de infracción contra XEAL por non informar ao comité sobre a parada dos fornos
A Inspección de Traballo levantou acta de infracción contra XEAL por non informar ao comité de empresa da parada permanente da produción nos fornos 12 e 21, tal e como obriga o Estatuto das persoas traballadoras.
O informe conclúe que entre o 29 de agosto de 2022 e o 28 de xuño de 2023, a empresa "transgrediu" o dereito do comité a ser informado trimestralmente sobre a situación económica da empresa e aquelas cuestións que afectan a actividade produtiva e ao plan de produción. E iso, lembra o comité, "a pesar de que XEAL xa recibira unha advertencia por parte da Inspección para que cumprira coas súas obrigas legais".
O 16 de xullo de 2022 a empresa parou o forno 22, inicialmente pola parada anual de mantemento que non soe superar os 15 día. Porén pasado este período o forno continúa sen pórse en marcha e sen que a dirección informe á representación do persoal dos motivos. Posteriormente, no mes de setembro do pasado ano, XEAL deixa tamén de producir no forno 12, sen comunicarllo ao comité e sen data para que se retome a actividade.
Para o comité estamos ante unha evidencia máis da mala fe coa que a actúa a dirección da empresa, que dende a súa chegada ao complexo industrial-enerxético "non fixo máis que traballar para desmantelar as factorías, comprometendo a súa viabilidade, ao tempo que pretende potenciar o negocio da produción de electricidade".
Porque non podemos esquecer que XEAL continúa sen presentar un plan industrial e de viabilidade das fábricas, tal e como obrigan as cláusulas concesionais; un calendario de reactivación dos fornos (xa que día de hoxe so hai un forno producindo a mínimos en Dumbría mentres que a fábrica de Brens está totalmente parada); un compromiso para a recuperación do emprego destruído (tanto na principal como nas auxiliares); e non se materializaron os investimentos comprometidos.
O comité denuncia que isto incumpre de maneira flagrante a condición esencial das concesións hidroeléctricas no relativo ao mantemento da actividade industrial e dos posto de traballo - que foi corroborada en sentenza firme do TSXG de novembro de 2020-, "xa que desde que se fixo cargo o actual propietario (hai xa catro anos) lévanse perdidos 43 postos de traballo fixos directos así como eventuais e de empresas auxiliares -pasando dos preto de 400 postos en total os escasos 250-".