A Inspección insta a Povisa a renegociar o plan de igualdade e sanciona por ter omitido información relevante
A Inspección de Traballo vén de sancionar o hospital Ribera Povisa e Vigo por incurrir na omisión de información significativa e relevante durante a elaboración do plan de igualdade, instando a dirección a entregar a documentación completa e a renegociar o documento. Dende a sección sindical da CIG valoran moi positivamente a decisión e reclaman unha negociación “real e transparente” para pactar un plan “que realmente rache coas desigualdades e teña un impacto positivo na vida do cadro de persoal”.
Dende a CIG-Povisa lembran que a Secretaría das Mulleres da CIG de Vigo presentou o pasado 6 de agosto unha denuncia na Inspección contra o hospital privado por omitir documentación en relación ao III Plan de Igualdade aprobado o 11 de decembro de 2024 co apoio maioritario do comité, con CCOO, OMEGA, UNENF, SATSE e UGT) como asinantes. A sección sindical CIG, co apoio e asesoramento da Secretaría das Mulleres, decidiu non ratificar o plan por considerar que a información aportada pola empresa era insuficiente, e non se axusta aos requerimentos legais mínimos nesta materia, motivando a conseguinte denuncia contra o centro hospitalario.
“Por lei, todas as empresas en activo de máis de 50 persoas traballadoras teñen a obriga de ter un plan de igualdade que garanta o trato igualitario e evite calquera forma de discriminación por razón de xénero, mais para unha axeitada análise a dirección ten que achegar a auditoría retributiva, así como a avaliación dos postos de traballo”, explican dende a central.
En consecuencia, a sección sindcial valora positivamente unha resolución que recoñece a importancia de achegar toda a información necesaria e de garantir unha negociación real e transparente. “Seguiremos esixindo plans de igualdade que non queden en papel, senón que realmente rachen coas desigualdades e teñan un impacto positivo na vida do persoal”, rematan.