A Inspección de Traballo da Coruña constata que Inditex leva anos pagando por debaixo de convenio ao persoal de ETT

A autoridade laboral, a instancias da denuncia da CIG, iniciou procedemento sancionador e vai reclamar as cotizacións e salarios deixados de abonar
A Coruña - 13 Abr 2026

A Inspección de Traballo da Coruña -a instancias dunha denuncia da CIG- vén de constatar que Inditex leva anos pagándolle ao persoal contratado por ETT por debaixo do que marca o convenio provincial do comercio vario. Tras do informe realizado, a Inspección iniciou procedemento sancionador contra Inditex, vai reclamar as cotizacións e os salarios deixados de abonar pola compañía dende o ano 2022 e ampliará a súa actuación a todo o Estado.

Entre outros conceptos, explica a CIG-Servizos, a empresa non lle pagou ao persoal de ETT nin os 200 euros/mes incluídos no convenio provincial  tras as mobilizacións de 2023, nin as comisións, nin outros complementos estabelecidos por convenio e acordos coa propia empresa. “Son centos de traballadoras e traballadores afectados a quen Inditex deixou de pagar miles de euros”, salienta Roberto Pérez, secretario de Acción Sindical da CIG-Servizos.

O responsábel sindical cuantifica unha diferenza -en cómputo anual- de entre 6.000 e 7.000 euros con respecto ao que o persoal contratado por ETT debería ter cobrado e os cartos que realmente percibiu, “xa que Inditex está abonando 4,5 euros/hora menos do marcado no convenio colectivo”.

Pérez critica que a compañía dificultou enormemente a denuncia e a investigación porque de maneira sistemática denegou aos comités das distintas marcas os datos de contratación a través de empresas temporais “co obxectivo de ocultar este grave incumprimento”. De feito, a CIG- Servizos advertiulle a Inditex en reiteradas ocasión que non estaba cumprindo coa lexislación laboral e que acudiría á Inspección de Traballo, mais a empresa rexeitou corrixir estas eivas.

Roberto Pérez apunta á relación desta investigación co impulso por parte de Inditex para a constitución da patronal ARTE e a negociación do primeiro convenio estatal do gran comercio téxtil e do calzado. “Coa sinatura do convenio ARTE, Inditex pretende revestir de legalidade esta práctica, pactando a nivel estatal salarios inferiores aos que están recoñecidos no convenio provincial da Coruña e poder seguir así sen pagar as melloras económicas que as traballadoras conseguiron a base de anos de loita”.

Folga no comercio contra o convenio ARTE

Precisamente, a CIG-Servizos fixo este anuncio aproveitando unha comparencencia para os medios na Coruña para informar da convocatoria de folga en toda Galiza no gran comercio de téxtil e calzado para o vindeiro venres 17 de abril, que no caso da Coruña tamén se estenderá ao sábado 18- contra a perda de dereitos laborais que suporía a entrada en vigor do convenio estatal de ARTE.

Con motivo da folga, na cidade da Coruña o venres está convocada unha manifestación ás 12 horas dende o CC Catro Camiños até a sede da patronal (Praza de Luís Seoane) e o sábado día 18 haberá mobilización ás 12 horas dende a Praza de Lugo.

Lucía Domínguez, delegada da CIG e traballadora do sector, denunciou que a sinatura do convenio promovido pola patronal ARTE (na que están presentes as grandes multinacionais do comercio téxtil e do calzado) significaría a imposición de salarios entre 2.000 e 3.000 euros anuais, dependendo da categoría, por debaixo do que estabelece o convenio provincial da Coruña. Unha recorte que chegaría os 5.000 euros para o persoal de nova incorporación nas tendas do Grupo Inditex.

Ademais, estabelécese unha xornada efectiva de traballo anual superior e pérdense outros dereitos como antigüidade, licenzas, días de asuntos propios, o complemento até o 100% nas baixas ou melloras na conciliación, ao tempo que se incrementa a flexibilidade e a falta de previsión nos horarios e calendarios.

Domínguez enmarcou a negociación deste novo convenio estatal nunha estratexia patronal para centralizar as relacións laborais e sindicais e ir deteriorando as condicións e dereitos acadados polas traballadoras nas provincias máis combativas ao longo das últimas décadas.

Para impedir a entrada do convenio ARTE, a CIG xa se dirixiu á patronal galega (na que ten a maioría Inditex) para negociar e asinar un acordo interprofesional galego de comercio que blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais sobre os estatais, tal e como se fixo en Euskadi. “Porén, a patronal galega négase rotundamente a esta posibilidade”, lamentou.

A este respecto, Domínguez advertiu que a aprobación do convenio ARTE converterá en case imposíbel a negociación dos convenios provinciais, polo que tamén se verán prexudicadas as traballadoras e traballadores do pequeno comercio.