A Inspección de Traballo comunicou a apertura de expediente sancionador con a empresa de mantemento de parques eólicos Invenergy Services Huso (situada nas Somozas) polo incumprimento do descanso semanal de parte do seu persoal. Tras a denuncia presentada pola CIG por esta e outras irregularidades, a autoridade laboral requiriu a compañía para que estabelecera un sistema de retén que si respecte os descansos, pero a día de hoxe segue sen dispor dun sistema de organización de xornada pactado co comité.
A CIG dirixiuse á Inspección de Traballo da Coruña o pasado mes de setembro ante os reiterados incumprimentos no pago das horas extraordinarias e as dietas, a falta descanso semanal, e polo non recoñecemento dos desprazamentos fóra da xornada ordinaria como tempo de traballo.
Nas actuacións inspectoras constouse que a empresa nin sequera dispuña de planificación anual das vacacións; determinouse que para o persoal cun parque eólico asignado en concreto o desprazamento entre este e o parque temporal ten que ser considerado tempo de traballo; e obrigouse a eliminar das nóminas os falsos conceptos para substituílos polo concepto real de horas extra.
De igual xeito, a Inspección de Traballo requiriu a empresa para que estabelecese un novo sistema de retén que garanta o descanso semanal a aquel persoal que fai quendas de garda de sábado e domingo e ten que realizar unha saída.
“A pesar de ser plenamente consciente de que tanto os desprazamentos non recoñecidos como tempo efectivo de traballo como a falta de descansos semanais foron declarados irregulares pola autoridade laboral, a empresa continúa obcecada na súa postura e non adoptou ningunha medida correctora”, lamenta a CIG da Pontes.
Nova denuncia na Inspección
Critica que o único obxectivo da empresa é empeorar unhas condicións laborais “que xa son as peores do sector” e advirte que o persoal “está farto dos continuos abusos e falsidades”. Neste senso, a CIG rexeita a negativa da empresa a cumprir co acordado na mesa negociadora do convenio no relativo ao pagamento dos atrasos. Por este motivo, a central sindical vai interpor unha nova denuncia na Inspección de Traballo.
A isto súmanse as interferencias da compañía na operativa do propio comité co envío de comunicados “claramente falsos”, “tentando usurpar a representación legal das persoas traballadoras” co único propósito de xerar enfrontamentos entre a parte social. “A representación da CIG non vai permitir este tipo de manobras nin que a empresa pretenda impor peores condicións pola vía dos feitos consumados, esquivando a legalidade vixente e o convenio colectivo”, conclúe.