A Inspección constata graves incumprimentos de Mercadona en prevención de riscos laborais

A CIG-Servizos desenvolverá unha protesta en Redondela o xoves 19 na campaña ‘Un segredo a voces’ para denunciar o clima laboral na empresa
Vigo/Pontevedra - 13 Dec 2024

A Inspección de Traballo vén de emitir unha resolución requiríndolle a Mercadona que cumpra a normativa en prevención de riscos e corrixa as graves deficiencias detectadas a respecto tanto da formación nesta materia como da avaliación dos riscos psicosociais en centros de traballo da provincia de Pontevedra. Neste senso, a CIG-Servizos continuará coa súa campaña ‘Un segredo a voces’ para denunciar os altos ritmos de traballo, as faltas de respecto e o acoso ao persoal por parte da empresa e desenvolverá unha concentración en Redondela o vindeiro xoves 19.

Dende a central sindical lembran que dende que obtiveron representación no comité pontevedrés hai dous anos comezaron a reclamar o cumprimento da normativa en prevención. Primeiro no comité de seguridade e saúde -atopándose co bloqueo de UGT e CCOO en complicidade coa empresa- e posteriormente ante a Inspección de Traballo, “que agora urxe a Mercadona a tomar medidas inmediatas ante a gravidade dos feitos denunciados, xa que incumpren a metodoloxía recollida na normativa vixente”. 

A fórmula de formación escollida pola empresa é “inapropiada” por ser só de dúas horas telemáticas e a parte práctica impartida por compañeiras/os de traballo

Primeiramente, a autoridade laboral céntrase no incumprimento da formación en prevención, indicando que a fórmula escollida pola empresa é “inapropiada” por ser só de dúas horas telemáticas e a parte práctica impartida por compañeiras/os de traballo, cando na realidade ten que ser impartida por persoal cualificado, como é unha persoa técnica en prevención de riscos laborais (PRL).

“A Inspección coincide coa CIG en que nun prazo de tres meses Mercadona debe de impartirlle ás máis de 1000 persoas traballadoras na provincia de Pontevedra unha formación que se axuste ao artigo 19 da Lei de prevención de riscos laborais, garantindo unha formación teórica e práctica suficiente e adecuada”.

Avaliación de riscos psicosociais

Seguidamente, a resolución fai mención aos riscos psicosociais que sofren as persoas traballadoras en Mercadona, xa que a empresa non ten avaliados os factores de risco psicosocial dende o ano 2019, polo que a autoridade laboral cualifica esta avaliación como “insuficiente”.

En consecuencia, e tal e como vén denunciado a CIG en numerosas ocasións na empresa e nos distintos comités, a Inspección tamén require unha avaliación destes riscos nos establecementos abertos nos últimos anos.

Na CIG consideran que existe unha relación directa entre estes incumprimentos e o actual clima laboral, caracterizado por altos ritmos de traballo, faltas de respecto, presión ante baixas médicas, acoso por parte das responsábeis dos centros de traballo, dificultades e chantaxe ás persoas que solicitan conciliación familiar, etc.

Ante estes feitos, a central estará “vixiante” para que a empresa cumpra “dunha vez” a normativa en PRL e en avaliación de riscos psicosociais, ao tempo que anuncia unha nova mobilización dentro da campaña ‘Un segredo a voces’ para denunciar a situación que padece o persoal. De xeito que o vindeiro xoves 19 de decembro desenvolverá unha concentración diante do Mercadona de Redondela ás á 11:00 horas.