A inoperancia do Goberno español lévanos a unha nova poxa que agrava a crise das electrointensivas
A inoperancia do Goberno español, que leva meses e meses incumprindo as súas propias leis (non esquezamos que o RD 20/2018 establecía un prazo de seis meses para a posta en marcha do estatuto do consumidor electrointensivo) lévanos a unha nova poxa de interrompibilidade en peores condicións, e que só servirá para agravar a crise na que está sumida a industria electrointensiva a causa dos elevados custes do prezo da enerxía.
Un ano despois da publicación dese Real Decreto nada temos avanzado na creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva que favoreza o mantemento dos empregos e da actividade produtiva nas empresas con grandes consumos enerxéticos e que recoñeza o seu estatus específico.
Concentración en Foz
Dende a central nacionalista faise un chamado a participar na concentración que o comité de Alcoa San Cibrao ten convocada para esta tarde, ás 20 horas, na Praza Conde de Fontao de Foz, á que tamén asistirá o secretario xeral da CIG.
Ao contrario, denuncia o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, neste tempo vimos como pechaba a electrólise da fábrica de aluminio da Coruña, como Ferroatlántica formulaba un ERTE alegando o elevado custe da electricidade, ou como Alcoa San Cibrao anunciaba a parada de 52 cubas, sen descartar novos axustes se non hai un marco tarifario de maneira inmediata.
"Pois ben, malia as actuacións urxentes que require esta situación, o Goberno español segue enrocado na mentira permanente, sen dar a coñecer o contido do estatuto e pondo como única alternativa enriba da mesa a convocatoria da adxudicación do servizo de interrompibilidade", salienta Carril.
Nesta convocatoria elimínanse, ademais, os bloques de 40 MW (os máis importantes para a industria gran consumidora), recórtase á metade a potencia asignada e rebáixanse os importes. Nestas condicións poderíase dar incluso a circunstancia de que Alcoa non concorra no proceso, favorecendo así ter unha escusa para aplicar máis axustes laborais e produtivos no complexo de San Cibrao.
A CIG continúa as mobilizacións por unha tarifa industrial
A CIG ten denunciado en numerosas ocasións que o actual sistema de poxa constitúe "unha auténtica ruleta rusa e a verdadeira causa da inestabilidade e do risco permanente dos postos de traballo neste sector. A día de hoxe, este sistema xa debera estar superado coa implementación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, e á que se poidan acoller os grandes consumidores baixo o cumprimento dunha serie de requisitos.
De feito, a CIG ten elaborada dende outubro de 2018 unha proposta neste sentido que trasladou até en catro ocasións ao Goberno español, á Xunta de Galiza e ao propio comisario europeo de Enerxía. E con esta demanda debaixo do brazo, a CIG volverase concentrar o vindeiro martes, 10 de decembro, ás 11:00 horas na Delegación do Goberno na Coruña. "Porque xa é tempo de termos un marco regulador que garanta a industrialización e a creación de emprego do noso país, especialmente cando Galiza é produtora e exportadora de enerxía".