A "inoperancia" da xustiza indigna o persoal de Catisa, pendente de cobrar parte das súas indemnizacións dende hai anos
Anos despois da sentenza xudicial que lles daba a razón aos traballadores e traballadoras galegas das empresas Catisa e Hormigones La Estrella na súa demanda de extinción dos contratos e de múltiples denuncias públicas pola lentitude da xustiza, os traballadores e traballadoras destas empresas do grupo Martínez Núñez volven reivindicar unha solución ao bloqueo xudicial que padece este caso e que lles permita, dunha vez por todas, percibir a parte que lles queda pendente de cobrar das indemnizacións de 45 días por ano traballado que gañaron no xulgado. “Até o de agora, cobraron tan só 30 días, que aboou o Fogasa” afirma Afonso Losada, secretario comarcal da CIG-Construción de Lugo-A Mariña.
Preguntado sobre o porqué deste atraso, Afonso Losada amósase contundente: ”é un cúmulo de inoperancia da administración concursal por un lado e do atraso habitual nos xulgados do social e os mercantís, que están desbordados por anos de crise e conflitos nas empresas". Unha situación, critica, que non se soubo acompañar dende a Administración de Xustiza dun aumento de medios "que permitira asegurar unha boa resposta, que lle garanta aos traballadores e traballadoras a tutela efectiva da xustiza que tanto pregoan algúns políticos e que despois só a aseguran para si propios. Para isto, por exemplo, é imprescindíbel a creación dun novo Xulgado do Social en Lugo”.
Venda "desesperadamente lenta"
Demandamos axilidade e claridade á administración concursal e ao xulgado do mercantil madrileño que reabriu o concurso”
A respecto da situación actual deste colectivo de traballadores/as explica que “neste momento están pendentes de executarse a liquidación total dos activos da empresa para que, acto seguido, se poidan empezar a afrontar as débedas da empresa cos seus acredores, entre os que están os traballadores".
Por desgraza, engade, a venta dos activos está a ser "desesperadamente lenta", o que limita a posibilidade de chegar a cobrar o total das cantidades, xa que se están a gastar os cartos recadados até o de agora en vixilancia, pagos á empresa liquidadora, gastos correntes, etc.; "por iso demandamos axilidade e claridade á administración concursal e ao xulgado do mercantil madrileño que reabriu o concurso”.
"Os traballadores están fartos desta situación. Levan anos batallando e só queren cobrar o que lles pertence para poder deixar atrás isto e seguir coas súas vidas e os seus traballos actuais, mais non van permitir que a empresa co amparo ou o deixamento da administración concursal e do xulgado, se ría deles”, subliña.
"A xustiza ten que ser áxil"
Nesta liña, reitera que a xustiza para ser considerada coma tal, "ten que ser áxil e dar resposta rápida ás demandas da cidadanía e dos traballadores e traballadoras". Que isto non sexa así pola responsabilidade das diferentes Administracións, "amosa unha baixa calidade democrática e redunda nunha concepción da cidadanía fronte as Administracións de inoperancia e de que hai cidadáns de primeira, para os que se habilitan os medios que faga falta, e cidadáns de segunda, condenados á lentitude e o abandono” remata Afonso Losada.