A industria auxiliar de Navantia intensificará as mobilizacións para que se respecten os seus dereitos laborais
As comisións das auxiliares dos comités de Navantia Fene e Ferrol e as federacións dos sindicatos con representación nas empresas auxiliares do naval compareceron este venres en rolda de prensa para denunciar os incumprimentos laborais reiterados que padece o persoal e denunciar o total desinterese da empresa pública para garantir que se respecten os dereitos dos traballadores e traballadora das contratas. Na comparecencia, a representación social avanzou que intensificarán as mobilizacións até que se lle dea solución a este grave problema.
Lembraron que tanto o comité, como os/as delegados/as da industria auxiliar e os sindicatos levan tempo traballando para detectar aquelas empresas que incumpren coa lei e mobilizándose para que se deixen de vulnerar os dereitos do persoal, nomeadamente no relativo ao pago dos pluses recollidos no convenio do metal da Coruña, ou á regularización da xornada laboral e os tempos de descanso.
Recentemente solicitouse unha xuntanza coa dirección de Navantia para abordar esta problemática, "pero despois de darnos largas en varias ocasións, finalmente se nos traslada que non se van reunir con nós para tratar este asunto". Unha postura que cualificaron de inadmisíbel por canto se trata dunha empresa pública.
"Non imos permitir que dentro dunhas instalacións públicas, nas que a día de hoxe traballan máis de 130 empresas auxiliares, se sigan a vulnerar de xeito flagrante os dereitos laborais coa conivencia da dirección de Navantia", á que acusan non só de "mirar para outro lado", senón de presionar as súas contratas para que ignoren os requirimentos da representación sindical.
Estas prácticas de precarización chocan coas propias queixas da patronal do naval a respecto da falta de man de obra nun momento de gran expectativa de carga de traballo para os estaleiros da ría de Ferrol. "No canto de incentivar a oferta de emprego, as empresas incumpren sistematicamente as condicións laborais que teñen que aplicar e mesmo se lle dá entrada nos estaleiros públicos a compañías foráneas que pretenden que o seu persoal se rexa por convenios ou acordos laborais moi por baixo do que corresponde".
Vicente Vidal, secretario da CIG-Industria de Ferrol, salientou que calquera compañía que traballe dentro das instalacións públicas "ten que abonar o plus de Navantia, aínda que sexa da construción. Non imos permitir que veñan empresas foráneas facer competencia desleal nas licitacións a conta de precarizar as condicións de traballo". Incluso coas empresas de enxeñaría ou de seguridade privada se está abordando que, sen mudar o seu convenio, as condicións sexan as mesmas que rexen para o resto do persoal.
Pulso da dirección de Navantia
Con este obxectivo iniciáronse negociacións coas diferentes contratas, mais dende a representación sindical acusaron a Navantia de bloquear estas conversas. "Se isto é un pulso da dirección de Navantia para ver até onde estamos dispostos a chegar, a nosa intención é amosar de forma contundente a capacidade que ten o persoal da industria auxiliar de facer que se respecten os seus dereitos. Se Navantia quere conflito, vai ter conflito", aseverou Vidal.
Imos amosar de forma contundente a capacidade que ten o persoal da industria auxiliar de facer que se respecten os seus dereitos"
O secretario comarcal da CIG-Industrial subliñou que regularizar esta situación tamén lle interesa ás empresas do naval público da ría, que xa trasladaron a súa preocupación polo feito de que Navantia permita a entrada de compañías de fóra que non cumpren coas condicións recollidas no convenio e que lles fan competencia desleal. De igual xeito, advertiu que estarán vixilantes para que as subcontratas das propias auxiliares respecten as condicións laborais do persoal.
"Está na man de Navantia parar esta situación e nós temos total dispoñibilidade a sentar coa dirección para abordar este problema, pero non imos consentir que se incumpra. Empresa que detectemos que incumpre, empresa que imos parar", avanzou. "Queremos que Navantia regularice dunha vez as condicións nas que se ten que traballar dentro dos estaleiros. Non pode ser que siga habendo empresas que paguen por debaixo do convenio de sidero, que paguen a hora corrida ou que haxa empresas de enxeñaría aplicando até catro convenios distintos".
Como primeiro paso para tratar esta situación e acordar un calendario "contundente" de mobilizacións, a próxima semana convocaranse asembleas de traballadores e traballadoras da industria auxiliar tanto no estaleiro de Fene como no Ferrol.