A indispensábel reconstrución da internacional dos traballadores e dos pobos

Samir Amin - 22 Set 2017

O subsistema europeo é parte integrante da globalización imperialista. Foi concibido dentro dun espírito reaccionario, antisocialista, proimperialista, sometido á dirección militar de Estados Unidos. Alemaña exerce nel a hexemonía. A “Europa alemá” serve aos intereses nacionalistas da oligarquía xermana, expresados con arrogancia, como se viu na crise grega. Esta Europa non é viábel e a súa implosión xa comezou.

1.- O sistema instaurado desde hai unha trintena de anos caracterízase pola extrema centralización do poder en todas as súas dimensións, locais e internacionais, económicas, políticas e militares, sociais e culturais.

 Unhas cantas miles de empresas xigantescas e algúns centenares de entidades financeiras, asociados en alianzas cartelizadas, reduciron os sistemas produtivos nacionais e globalizados á condición de subcontratados.

 Deste xeito, as oligarquías financeiras acaparan unha parte crecente do produto do traballo e da empresa, convertido en renda para o seu exclusivo beneficio.

 Unha vez domesticados os principais partidos políticos tradicionais de “dereita” e de “esquerda”, os sindicatos e as organizacións da chamada sociedade civil, estas oligarquías exercen agora un poder político absoluto e o clero mediático ao seu servizo fabrica a desinformación necesaria para despolitizar as opinións públicas.

 As oligarquías suprimiron o alcance antigo do pluripartidismo e substituírono practicamente por un réxime de partido único do capital monopolista. Privada de sentido, a democracia representativa perde a súa lexitimidade.

 Este sistema do capitalismo tardío contemporáneo, perfectamente pechado, cumpre os criterios do “totalitarismo” que, porén, ben se coidan moitos de o aplicaren para eles.

 Un totalitarismo que de momento aínda é “mol”, pero que sempre está disposto a recorrer á violencia extrema cando as vítimas -a maioría de traballadores e pobos-, cos súa posíbel revolta, chegan a cuestionalo.

 As transformacións múltiples asociadas a este chamado proceso de “modernización” deben avaliarse á luz da evolución principal caracterizada nas liñas precedentes.

 Así acontece de cos grandes desafíos ecolóxicos (en particular a cuestión do cambio climático), aos que o capitalismo non é capaz de responder (e o acordo de París en torno a este problema non é máis que area lanzada aos ollos das opinións inxenuas), do mesmo xeito que os avances científicos e as innovacións tecnolóxicas (a informática, entre outras) están estritamente sometidos ás esixencias de rendibilidade financeira que deben reportar aos monopolios.

 O eloxio da competitividade e da liberdade dos mercados, que os medios de comunicación submisos cualifican de garantes da expansión das liberdades e da eficacia das intervencións da sociedade civil, constitúe un discurso que está nas antípodas da realidade, animada polos conflitos violentos entre fraccións das oligarquías dominantes e reducida aos efectos destrutivos da súa gobernanza.

2.- Na súa dimensión planetaria, o capitalismo contemporáneo segue actuando coa mesma lóxica imperialista que caracterizou todas as etapas do seu despregamento globalizado (a colonización do século XIX constituíu unha forma evidente de globalización).

 A “globalización” contemporánea non é ningunha excepción a esta regra: trátase dunha forma nova de globalización imperialista e non doutra cousa. Este termo comodín, sen cualificativo, agocha a gran realidade: o despregamento de estratexias sistemáticas desenvolvidas polas potencias imperialistas históricas (Estados Unidos, países de Europa occidental e central, Xapón), encamiñadas ao obxectivo de saquear os recursos naturais do Gran Sur e explotar as súas forzas de traballo de acordo coas esixencias da deslocalización e a subcontratación. As devanditas potencias pretenden conservar o seu “privilexio histórico” e impedir que todas as demais nacións abandonen a súa condición de periferias dominadas.

 A historia do século pasado foi precisamente a da revolta dos pobos das periferias do sistema mundial, comprometidos coa desconexión socialista ou coas formas atenuadas da liberación nacional, que actualmente están en compás de espera.

 Por iso é polo que a recolonización en curso, privada de lexitimidade, non deixe de ser fráxil. Por esta razón, as potencias imperialistas históricas da tríade instauraron un sistema de control militar colectivo do planeta, dirixido por Estados Unidos. A pertenza á OTAN, indisociábel da construción europea, do mesmo xeito que a militarización de Xapón, traducen esta esixencia do novo imperialismo colectivo que tomou a substitución dos imperialismos nacionais (de Estados Unidos, Gran Bretaña, Xapón, Alemaña, Francia e algúns máis), outrora enfrontados en conflito permanente e violento.

 Nestas condicións, a construción dunha fronte internacionalista dos traballadores e dos pobos de todo o planeta debería constituír o eixe principal do combate fronte ao desafío que representa o despregamento capitalista imperialista contemporáneo.

3.- Fronte ao desafío definido nos apartados precedentes, a magnitude das insuficiencias das loitas protagonizadas polas vítimas do sistema é humillante.

 Os puntos débiles destas respostas populares son de natureza diversa e clasificareinas baixo os apartados seguintes:

(a) A extrema dispersión das loitas, do plano local ao mundial, sempre específicas, circunscritas a lugares e ámbitos particulares (ecoloxía, dereitos das mulleres, servizos sociais, reivindicacións comunitarias, etc.). As escasas campañas de alcance nacional ou sequera mundial apenas obtiveron éxitos significativos que comporten un cambio das políticas aplicadas polos poderes; e moitas destas loitas foron absorbidas polo sistema e alimentan a ilusión da posibilidade de reformalo.

 O período, porén, caracterízase por unha forte aceleración de procesos de proletarización xeneralizados: case a totalidade das poboacións dos centros están suxeitas xa á condición de traballadores asalariados vendedores da súa forza de traballo, a industrialización de rexións do Sur deu pé á constitución de proletariados obreiros e de clases medias asalariadas, á vez que os campesiñados están plenamente integrados no sistema mercantil.

 Porén, as estratexias políticas aplicadas polos poderes lograron dispersar a este xigantesco proletariado en fraccións diferenciadas, frecuentemente enfrontadas entre si. É preciso superar esta contradición.

(b) Os pobos da tríade renunciaron á solidariedade internacionalista antiimperialista, substituída no mellor dos casos por campañas “humanitarias” e programas de “axuda” controlados polo capital monopolista.

 As forzas políticas europeas herdeiras das tradicións de esquerda adhírense deste xeito, en gran medida, á visión imperialista da globalización.

(c) Unha nova ideoloxía de dereitas obtivo a adhesión dos pobos.

 No Norte abandonouse o tema central da loita de clases anticapitalista -que quedou reducido á súa expresión máis parcelaria- en beneficio dunha pretendida redefinición da “cultura social de esquerda”, comunitarista, que separa a defensa de dereitos particulares do combate xeral contra o capitalismo.

 Nalgúns países do Sur, a tradición das loitas que asociaban o combate antiimperialista co progreso social cedeu o posto a ilusións retrógradas e reaccionarias de expresión pararrelixiosa ou pseudoétnica.

 Noutros países do Sur, os logros da aceleración do crecemento económico no transcurso dos últimos decenios alimentan a ilusión de que é posíbel construír un capitalismo nacional “desenvolvido”, capaz de impoñer a súa participación activa na configuración da globalización.

4.- O poder das oligarquías do imperialismo contemporáneo parece indestrutíbel, nos países da tríade e mesmo a escala mundial (a “fin da historia”). A opinión pública acepta o seu disfrace de “democracia de mercado” e prefíreo ao seu adversario do pasado -o socialismo-, denigrado cos cualificativos máis odiosos (autocracias criminais, nacionalistas, totalitarias, etc.). Con todo, este sistema non é viábel por moitas razóns:

(a) O sistema capitalista contemporáneo móstrase “aberto” á crítica e a reforma, inventivo e flexíbel. Empezan a manifestarse voces que pretenden poñer fin aos abusos das súas finanzas incontroladas e ás concomitantes políticas de austeridade permanente, para deste xeito “salvar o capitalismo”.

 Claro que estes chamamentos non terán resposta: as prácticas actuais están ao servizo dos intereses das oligarquías da tríade -os únicos que contan-, ás que garanten o crecemento continuo da súa riqueza a pesar do estancamento económico en que está a tríade.

(b) O subsistema europeo é parte integrante da globalización imperialista. Foi concibido dentro dun espírito reaccionario, antisocialista, proimperialista, sometido á dirección militar de Estados Unidos. Alemaña exerce nel a hexemonía, en particular no marco da zona do euro e na Europa oriental anexionada como o está América Latina por Estados Unidos. A “Europa alemá” serve aos intereses nacionalistas da oligarquía xermana, expresados con arrogancia, como se viu na crise grega.

 Esta Europa non é viábel e a súa implosión xa comezou.

(c) A paralización do crecemento nos países da tríade contrasta coa súa aceleración nas rexións do Sur que souberon tirar proveito da globalización. Concluíuse con excesiva precipitación que o capitalismo está vivo, pero que o seu centro de gravidade se despraza dos vellos países do Occidente atlántico cara ao Gran Sur, especialmente o asiático.

 En realidade, os atrancos á continuación deste proceso correctivo da historia están chamados a adquirir cada vez máis amplitude na violencia da súa mobilización, por medio, entre outras cousas, de agresións militares. As potencias imperialistas non están dispostas a permitir que un país calquera da periferia -grande ou pequeno- se libere da súa dominación.

(d) As devastacións ecolóxicas, necesariamente asociadas á expansión capitalista, veñen reforzar os motivos polo que este sistema non é viábel.

 O momento actual é o do “outono do capitalismo”, sen que este se vexa intensificado pola chegada da “primavera dos pobos” e da perspectiva socialista. A posibilidade de amplas reformas progresistas do capitalismo no seu estadio actual non é máis que unha ilusión. Non hai outra alternativa que a que faría posíbel unha repunta da esquerda radical internacionalista, capaz de implementar, e non só de imaxinar, avances socialistas.

 Hai que saír do capitalismo en crise sistémica e non intentar a imposíbel saída desta crise do capitalismo.

 Nunha primeira hipótese, non parece que nada decisivo vaia a afectar á adhesión dos pobos da tríade á súa opción imperialista, nomeadamente en Europa.

 As vítimas do sistema seguirán sendo incapaces de concibir o abandono dos camiños tripados do “proxecto europeo”, a desconstrución necesaria deste proxecto, indispensábel paso previo á súa reconstrución posterior cunha visión distinta.

 As experiencias de Syriza, de Podemos, de Francia Insubmisa, as vacilacións de Die Linke e outras formacións son unha mostra da amplitude e a complexidade do desafío.

 A acusación fácil de “nacionalismo” lanzada contra os críticos de Europa non se sostén. O proxecto europeo redúcese cada vez máis visibelmente ao do nacionalismo burgués de Alemaña.

 Non hai alternativa, en Europa nin en ningures, á implementación paso a paso de proxectos nacionais populares e democráticos (non burgueses, senón antiburgueses) que procedan á desconexión da globalización imperialista. É preciso deconstruír a centralización sen concesións da riqueza e do poder asociado ao sistema imperante.

 Nesta hipótese, o máis probábel será un remake do século XX: avances emprendidos exclusivamente nalgunhas periferias do sistema.

 Claro que entón hai que ser conscientes de que estes avances serán fráxiles, como o foron os do pasado, e por esa mesma razón -isto é, a guerra permanente que os centros imperialistas lidaron contra eles- caracterizaranse polas súas limitacións e derivas. En troca, a hipótese dunha progresión da perspectiva do internacionalismo dos traballadores e dos pobos abriría a vía a outras evolucións, necesarias e posíbeis.

 A primeira destas vías é a da “decadencia da civilización”. Esta implica que ninguén controla o devir dos acontecementos, que se abren camiño pola simple “forza das cousas”. Na nosa época, tendo en conta o potencial destrutivo de que dispoñen os poderes (destrucións ecolóxicas e militares), o risco -denunciado por Marx no seu momento- de que os combates destrúan a todos os bandos enfrontados é real.

 A segunda vía, en cambio, esixe a intervención lúcida e organizada da fronte internacionalista dos traballadores e os pobos.

5.- A posta en marcha da construción dunha nova Internacional dos traballadores e os pobos debería constituír o obxectivo principal do labor dos mellores militantes convencidos do carácter odioso e abocado ao fracaso do sistema capitalista imperialista mundial.

 A responsabilidade é enorme e a tarefa esixirá anos de esforzo antes de dar resultados tanxíbeis. Pola miña banda, fago as seguintes propostas:

(a) O obxectivo é crear unha Organización (a nova Internacional) e non simplemente un “movemento”. Isto implica que debemos ir máis aló da concepción dun foro de debates. Implica, así mesmo, que se calibren debidamente as insuficiencias asociadas á idea, aínda dominante, de “movementos” pretendidamente horizontais, hostís ás chamadas organizacións verticais, baixo pretexto de que estas últimas son pola súa propia natureza antidemocráticas. A organización nace da acción que xera por si mesma os círculos “dirixentes”. Estes últimos poden aspirar a dominar e mesmo manipular os movementos, pero tamén cómpre protexerse fronte a este perigo mediante uns estatutos apropiados. Un tema a debater.

(b) Hai que estudar en serio a experiencia da historia das Internacionais obreiras, por moito que se pense que forman parte do pasado. Non para “escoller” un modelo entre elas, senón para inventar a forma máis apropiada nas condicións actuais.

(c) O convite debe dirixirse a un bo número de partidos e organizacións en loita. Cómpre crear canto antes un comité encargado da posta en marcha do proxecto.

(d) Non quixen sobrecargar este texto, pero remítome a textos complementarios (en francés e inglés):

  1. i) un texto fundamental sobre a unidade e a diversidade na historia moderna dos movementos socialistas;
  2. ii) un texto relativo á implosión do proxecto europeo;

iii) varios textos relativos á audacia requirida na perspectiva do relanzamento das esquerdas radicais, á lectura de Marx, á nova cuestión agraria, ás leccións de Outubro de 1917 e a do maoísmo, así como ao necesario relanzamento de proxectos nacionais populares.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 19 de setembro de 2017]