A improvisación e a precariedade marcan a xestión das emerxencias no GES de Guitiriz
A CIG de Lugo-A Mariña vén de denunciar a situación de "improvisación, descoordinación e precariedade" que se está a producir na atención ás emerxencias desde o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Guitiriz, que dá cobertura aos concellos de Begonte, Friol, Guitiriz e Xermade.
O GES de Guitiriz atópase na actualidade só con 10 efectivos, dos 12 que debera ter, e coas consecuencias que isto carrexa. Este déficit de persoal, explica o secretario de Organización comarcal, Lois Neto, "é absolutamente inadmisíbel toda vez que é producido por unha política de persoal neglixente da alcaldesa de Guitiriz". Neste senso, lembra que hai un traballador que gañou a nulidade do despedimento no Xulgado do Social, "pero en vez de readmitilo, optou por mantelo sen traballar", mentres non se resolve o recurso diante do TSXG presentado polo Concello.
Engade que, do mesmo xeito, o mes pasado "a alcaldesa optou polo despedimento inxustificado dun operario do GES, o cal promovera varias denuncias contra o Concello polos incumprimentos nos estabelecido no Convenio dos GES e no Convenio Colectivo do Concello".
Esta situación é inadmisíbel e mesmo podería ser constitutiva de delito de omisión de socorro, polo que, se non se corrixe de inmediato, estudaremos iniciar medidas xudiciais"
Estas decisións deixan nunha situación altamente gravosa un servizo da importancia social como é o de emerxencias, posto que actualmente se está a atender nunhas condicións moi deficitarias, e do cal, non cómpre esquecer, dependen vidas humanas.
Situacións nas que queda un único traballador prestando o servizo
Así, explica Neto, actualmente estase a dar con certa frecuencia que no GES de Guitiriz estea un único traballador prestando servizo. De feito, nas ultimas datas xa se produciron varias alertas nas que só había un traballador de garda, como foron o caso dun accidente en Friol que precisaba excarcelación, o incendio dunha casa tamén en Friol, ou o rescate dunha persoa de avanzada idade no Concello de Begonte e que quedou pechada.
"A alcaldesa, para dar resposta a estas incidencias, estabeleceu un sistema de gardas no domicilio para que, no caso de xurdir algunha emerxencia, vaian de reforzo ao traballador que está de servizo. Mais esta medida é claramente neglixente, toda vez que atenta contra un elemento básico nunha situación de emerxencia como é o tempo de resposta ao mesmo", apunta. Esta circunstancia pode supor un perigo claro para a vida das persoas, xa que desde o momento no que salta alerta da emerxencia até que o reforzo que está de garda acode poden pasar 15 ou máis minutos.
A esta situación hai que sumarlle o importante déficit de medios e EPI´s dos que carece o servizo en Guitiriz, que xa está denunciado na Inspección de Traballo, aínda que de momento o Concello non deu corrección.
A Xunta "mira para outro lado"
"Igualmente neglixente está a ser a actitude da Xunta de Galiza, a cal tendo a competencia de emerxencias está a mirar para outro lado no caso do GES de Guitiriz, despois de que xa hai varios meses que traballadores do servizo lles tiveran informado da situación, sen que se tomaran alternativa sobre o asunto", denuncia o secretario comarcal de Organización.
"Desde a CIG entendemos que esta situación é inadmisíbel e mesmo podería ser constitutiva de delitos de omisión de socorro ou similares, polo que instamos a que sexa corrixida de inmediato. En caso contrario estudaremos a posibilidade de iniciar medidas xudiciais contra as persoas responsábeis desta situación, toda vez que tras diversas denuncias e requirimentos, ninguén se fai responsábel, nin adopta as medidas precisas para a súa corrección", advirte.