A III Asemblea da CIG-Industria de Ferrol reelixe a Vicente Vidal como secretario comarcal
A III asemblea da CIG-Industria de Ferrol reelixiu este martes a Vicente Vidal como secretario comarcal por unanimidade. A candidatura de Vidal, a única que se presentou, recibiu o apoio unánime dos delegados e das delegadas que participaron na asemblea, na que se escolleron tamén as persoas que formarán parte da Dirección Comarcal da CIG-Industria en Ferrol, do Consello Comarcal e mais do Consello Federal.
No informe de xestión que se debateu na asemblea, sublíñase que a CIG-Industria afianzouse como primeira forza sindical no período concentrado de eleccións sindicais (2016-2019), ao acadar 103 delegados e delegadas, o 39,92% do total.
Tamén se fixo un repaso da acción sindical desenvolvida pola federación nos últimos catro anos, marcada polo desmantelamento do tecido industrial da comarca (cos peches de Poligal, Elinco, Cooperativa Iris, Cotrafer, Tecais, Atenasa, Electrochips Galicia etc.); a continuada conflitividade no sector naval, tanto en resposta aos intentos de Navantia e das empresas auxiliares de recortar dereitos como para esixir carga de traballo; a clausura da central térmica de Endesa nas Pontes sen alternativas de emprego nin industriais que garantan unha transición enerxética xusta; ou as ameazas constantes aos postos de traballo e a actividade produtiva na industria electrointensiva ou dos biocarburantes.
Un deterioro económico, industrial, laboral e social das comarcas de Ferrol-Eume e Ortegal ante o que o Goberno español e a Xunta "miran para outro lado" sen adoptar medidas e políticas que revertan esta grave crise, acelerada e agravada pola pandemia da Covid-19. Unha emerxencia sanitaria que moitas empresas utilizaron ademais para xustificar descolgues salariais e aplicar ERTE ou ERE "que nos deixan un panorama moi complicado, no que a CIG fomos e debemos seguir sendo o garante da defensa dos dereitos dos traballadores e das traballadoras".
Para iso, avaliouse durante a asemblea, cómpre fortalecer a organización, avanzar na representatividade e reforzar os nosos piares básicos (o asemblearismo, a combatividade, a solidariedade e a unidade de clase) para mellor confrontar co capital na procura dunha saída galega xusta desta crise. Máis nun momento no que a precariedade, a subcontratación e a fragmentación da clase traballadora necesita que o sindicalismo sexa máis útil que nunca e capaz de dar resposta a todas as loitas.