A II Asemblea da CIG-Industria de Coruña reelixe a Eduardo Caamaño Lestón como secretario comarcal
A II Asemblea Comarcal da CIG-Industria da Coruña, celebrada o pasado xoves, reelixiu a Eduardo Caamaño Lestón como secretario comarcal por 31 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención. Nesta asemblea tamén se elixiu á nova Executiva Comarcal e a Dirección Comarcal e renováronse os representantes da Federación nos Consellos Federal e Comarcal.
O proceso desenvolveuse baixo o lema “Compromiso constante, organización e loita' e no mesmo reelixiuse a Eduardo Caamaño como secretario comarcal para os vindeiros catro anos. A candidatura de Caamaño foi a única presentada nesta II Asemblea comarcal da CIG-Industria.
Composición da Executiva Comarcal
Tamén se renovou a Executiva Comarcal, que saíu adiante con 31 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención. Deste xeito, a nova Executiva Comarcal queda integrada por:
1.-Eduardo Caamaño Lestón
2.-Armando Carril Casanova
3.-Alejandro Barreiro Pazos
4.-Fernando Ramallo Mosteiro
5.-Francisco Xabier Rioboo Núñez
6.-Luis Fernández Barral
7.-Miguel Gago Conde
8.-Víctor Naya Campos
9.-Ventura Agis Iglesias
Tras o reconto de votos e proclamación de candidaturas, Eduardo Caamaño quixo agradecer a confianza depositada nas persoas que se encargarán de dirixir a federación na comarca da Coruña os vindeiros catro anos e chamou a reforzar a presenza da federación nos centros de traballo, o asemblearismo, a participación, a mobilización, a combatividade e a construción de organización. Xunto a isto, aumentar a representatividade nas eleccións sindicais e incrementar a base de afiliación como garante da independencia económica.
Entre os obxectivos marcados, Caamaño Lestón instou a facer un esforzo por recuperar a negociación colectiva, instrumento fundamental da clase traballadora para mellorar as súas condicións laborais; e á necesidade de continuar a facerlle fronte ás políticas antiobreiras e antisociais dos gobernos do PP.