A guerra non é con Israel, é cos Estados Unidos
Israel é un apéndice dos Estados Unidos, non unha gran potencia militar autónoma. A idea de que é “a maior potencia militar da rexión” é unha construción propagandística sen ningunha base real. Israel é, en Oriente Próximo, o Estado ficticio que pon as tropas que, se non existise, terían que despregar os EUA
É preciso, nesta vida de incertezas, identificar a cuestión central do que se quere tratar. Iso así para que non nos enganen e, menos aínda, para se enganar un mesmo, unhas veces por descoñecemento, outras -as máis-, porque o bombardeo mediático fai posíbel que vexamos vermello o verde e laranxa o negro. Como o tema que trataremos é sobre o xenocidio en Gaza, a agresión contra Líbano e a guerra que vén entre Israel e Irán, cómpre examinarmos os seus principais protagonistas -Irán e Israel-, para ir aclarándonos de que vai a cousa. E quen son, realmente, os que moven os fíos, dándonos monicreques por lebre.
Israel
Comecemos con Israel, que é, se cadra, a mentira mellor construída nos últimos oitenta anos. Sinalemos, como punto de partida, que Israel é o que, en Dereito Internacional, se coñece como Estados exiguos. Non é termo pexorativo, senón unha categorización determinada polo tamaño xeográfico dun país. Israel ten 26.000 quilómetros cadrados de extensión, unha superficie un pouco maior que a do Salvador (21.000 km2) e similar á de Macedonia do Norte (25.713 km2). Bután case o dobra en tamaño (45.000 km2). Ninguén considera, no continente americano, o Salvador como potencia mundial e, realmente, un salvadoreño riría se alguén comentase que o é. Igual ocorre con Macedonia do Norte, que ten tanto peso en Europa como un garavanzo nun plantío de cana. Do belo Bután sabemos que mide, non o seu PIB, senón o Índice de Felicidade per capita dos seus habitantes e pouco máis.
Como ensina a xeopolítica (coñecida tamén como xeografía política), a magnitude xeográfica é determinante na configuración dos niveis de poder dun país. A maior extensión territorial, maior disposición de terras fértiles, riquezas naturais e outras fontes de riquezas varias. Rusia foi, é -e serao aínda máis nun futuro inmediato-. unha potencia enorme porque, na amplitude do seu territorio, ten practicamente de todo e en enormes cantidades. A política soviética, de converter un imperio de analfabetos nun dos pobos máis educados do mundo, fixo o resto. Os comunistas chineses seguiron eses pasos, convertendo a China no que é. Na India ocorreu algo similar, aínda que sen a radicalidade de soviéticos e comunistas chineses, o que explica os enormes desequilibrios internos existentes, pero iso non fai demérito do nivel de desenvolvemento xeral alcanzado.
É pertinente aclarar que a extensión non o é todo. Canadá, o segundo país do mundo por dimensión territorial, é rico polos seus recursos naturais. As súas principais exportacións son petróleo cru (123.000 millóns de dólares); gas de petróleo (24,300 mdd); petróleo requintado (17,200 mdd), e ouro (14,700 mdd), exportacións dirixidas case todas aos EUA (79% do total). Doutra banda, o 90% do territorio canadense está deshabitado e a case totalidade da súa poboación vive na fronteira cos EUA, o que explica, en boa medida, que este país sexa, realmente, un simple apéndice dos EUA.
Irán
Irán posúe 1.780.000 quilómetros cadrados, case a extensión de México, con 90 millóns de habitantes e unha xeografía múltiple que permite unha diversidade de desenvolvementos, desde o agrícola e pesqueiro até o científico-técnico, apontoado nos seus vastos xacementos enerxéticos. Irán produce a meirande parte do armamento do país e logrou -a base de investimento en ciencia e tecnoloxía-, converterse no país musulmán máis desenvolvido. Todo iso a pesar das brutais sancións económicas impostas polo Occidente colectivo. De Irán pode afirmarse, sen dubidar nin esaxerar, que é a maior potencia de Oriente Medio e Próximo a partir deste dato esencial: Irán goza dunha enorme autonomía militar, científica, técnica, industrial e enerxética. Son eses os elementos que determinan o poder real dun país e os que fan a diferenza entre os que son potencias derivadas ou adminículos dunha potencia maior e real, dos países que son potencias xenuínas. Irán é unha potencia. Israel, un adminículo. Sen os EUA detrás, diante, abaixo e arriba, Israel é un cadeliño ladrando a un león.
Ser potencia ou aparentalo
Imos ampliar a explicación do que é ser potencia e o que é aparentalo. Arabia Saudita ten unha montaña, case unha cordilleira, de recursos económicos, procedentes dos seus inmensos xacementos enerxéticos, dos maiores do planeta. Pero Arabia Saudita é só iso, unha montaña de diñeiro. Todo o seu armamento provén dos EUA e, en menor medida, doutros países atlantistas. Para usalo, necesita do permiso dos EUA. Pola súa xeografía desértica, importa practicamente todo, desde cemento até cebolas. Da súa debilidade estrutural deu conta a súa criminal invasión de Iemen que, ademais de terminar en derrota (foi o seu Afganistán: armas modernísimas contra guerrillas dotadas de armas básicas), debeu parala cando os drons iemenitas empezaron a destruír os seus oleodutos e terminais petroleiras. En Riad foi espertar a un pesadelo. Non só que a guerra era carísima, pois até o último cartucho disparado era de importación, senón que os iemenitas podían danar gravemente a súa única fonte de riqueza. A guerra terminou, por mor de catro centenares de drons.
Explicado o anterior, baixemos agora a Israel. Ten, dixemos, 26.000 quilómetros cadrados e 7,5 millóns de habitantes xudeus (oficialmente, na realidade son menos, pois, no último ano, máis de medio millón de xudeus retornaron aos seus países de orixe; despois do último ataque de Irán, é de supoñer que outro número longo tomará a ruta do retorno). Nese exiguo territorio non hai minerais, apenas se dispón de suficiente terra fértil, a auga é un ben sumamente escaso e, o peor, iso débeno compartir con oito millóns de palestinos. Van entendendo? Deixados ás súas propias posibilidades, en Israel, apenas terían para mal comer. É a enxurrada de fondos externos o que lles permite manterse vivos con respiración asistida. Dito doutro xeito, Israel é un país artificial, que existe pola masiva axuda externa.
De onde chega o diñeiro?
Empecemos con Alemaña. En 1952 foi asinado o Acordo de Luxemburgo, polo cal, ademais de estabelecerse relacións diplomáticas, acordáronse os pagamentos de reparación alemáns a Israel. Desde aquela e até 2021 os pagamentos de Alemaña a Israel ascenderan a máis de 80.000 millóns de euros. Á marxe deses pagamentos directos, Alemaña quedou comprometida a proporcionar asistencia económica e técnica a Israel para fins múltiples, entre eles -e en plano principal-, fortalecelo militarmente. Os submarinos nucleares que posúe o Estado sionista foron todos doados por Alemaña, que, no presente, está comprometida a entregar outros tres submarinos, moito máis modernos.
Imos cos EUA. Desde 1948, Israel recibiu 330 mil millóns de dólares só en asistencia militar, dos EUA. É, con absoluta diferenza, o maior receptor do mundo de ‘axuda’ exterior estadounidense. Cada ano, Israel recibe máis de 3.000 millóns de dólares en asistencia militar dos EUA, como achega fixa, á marxe da ‘axuda’ que recibe en casos de emerxencia.
Recentemente, o Senado dos EUA aprobou un proxecto de lei de axuda exterior por un valor de 95.000 millóns de dólares, dos cales 14.000 millóns serán para Israel. Segundo The Times of Israel, ao redor de 5.200 millóns destinaranse a sistemas antimísiles e outras ameazas aéreas. Outros 4 mil millóns utilizaríanse para adquirir sistemas antimísiles de curto alcance para o sistema de defensa antimísiles.
Desde o 7 de outubro de 2023, Israel recibiu apoio militar masivo dos EUA, en toda a súa ampla gama. Para decembro dese ano, os EUA enviaran 230 avións de carga e 20 barcos con armas e equipo militar. Segundo un informe de The Wall Street Journal dese mes, as municións enviadas estaban compostas por:
- Máis de 5.400 bombas MK84 e 5.000 bombas MK82 non guiadas.
- 1.000 bombas de pequeno diámetro GBU-39 e unhas 3.000 municións de ataque directo conxunto.
- 15.000 bombas e 57.000 proxectís para artillaría, enviadas en avións de carga C17.
- Nos últimos meses de 2024, segundo Al Jazeera, os EUA enviaron máis 1.000 bombas MK82 de 500 libras (227 quilogramos) e municións de ataque directo conxuntas KMU-572, que poden converter municións non guiadas en bombas guiadas.
- Segundo outros informes xornalísticos, Washington enviaría tamén espoletas para bombas FMU-139, por valor de decenas de millóns de dólares.
- Os EUA facilitaron aproximadamente 21.000 municións guiadas de precisión desde outubro de 2023, segundo os informes dos medios.
- Tamén se enviaron diversos tipos de municións e armas variadas, entre as que se inclúen decenas de miles de proxectís de artillaría de 155 mm, miles de municións rompe-búnkeres e 200 drons kamikazes.
A todo iso debe engadirse o enorme despregamento militar dos EUA e dos seus aliados atlantistas na rexión, que, considerando o que custa este despregamento (unha hora de patrullaxe dun F-35 pode custar até 45.000 dólares), os EUA están a gastar miles de millóns de dólares por mes para amedrentar os inimigos de Israel. Poderiamos seguir e non parariamos de contar.
Que é entón Israel?
Israel é un apéndice dos EUA, non unha gran potencia militar autónoma. A idea de que é “a maior potencia militar da rexión” é unha construción propagandística sen ningunha base real. Israel é, en Oriente Próximo, o Estado ficticio que pon as tropas que, se non existise, terían que despregar os EUA. Ao apoiar, financiar, armar e, de calquera forma, soster a existencia dun Estado ficticio, o que os EUA fan é soster e defender o seu principal portaavións terrestre na rexión do petróleo e do gas. Nese sentido, Israel xoga un papel similar ao de Taiwaá, ao que Eisenhower chamou “o principal portaavións dos EUA fronte a China”.
O papel de Israel como gardián dos intereses estadounidenses viuse revalorizado pola deriva de Arabia Saudita cara a China, hoxe o seu principal cliente, e a crecente alianza entre Rusia e Irán. Resumo: Israel aguantará o que aguanten os EUA. Cando o poder estadounidense termine de se diluír, Israel seguirá os pasos do Reino Cruzado. Así son as cousas. Hoxe como hai mil anos, iso producen as oscilacións do poder. Hoxe arriba, mañá abaixo. Un Estado xudeu en Australia sería unha boa opción. Mellor que en Canadá. É máis doado domar canguros que non osos polares.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 17 de outubro de 2024]