A «Guerra Fría» que nunca existiu

Atilio Boron - 16 Abr 2024

Unha clave para comprender as tremendas tensións do sistema internacional é a inseguridade de Rusia, que ten practicamente todas as súas fronteiras, non só as europeas, senón tamén as doutras latitudes, acosadas por bases militares dos Estados Unidos, a OTAN ou outras alianzas militares, mentres que ningunha potencia estranxeira instalou forza militar ningunha nos confíns do territorio dos EUA

A inmensa maquinaria propagandística do imperio concibida para implantar un «sentido común» na sociedade exemplifícase á perfección na crenza de que coa caída da Unión Soviética o mundo entrara nun período de paz e que o conflito entre o Occidente colectivo, liderado polos Estados Unidos, adoito autodenominado «mundo libre», e a Unión Soviética e os seus satélites (así se dicía naqueles tempos) xa eran cousas do pasado. Falábase da «fin da guerra fría» e dos «dividendos da paz» como fonte de financiamento para loitar contra a pobreza. En lugar diso o que ocorreu foi o enorme crecemento das ganancias da industria militar.

 A crenza na «fin da guerra fría» foi amplamente difundida polo establishment académico norteamericano, cuxa hexemonía nese terreo se estende a escala global, e reproducida para consumo do público leigo pola oligarquía mediática que controla os grandes medios de comunicación de masas. Con todo, unha atenta ollada aos datos da experiencia, algo que sempre lembraba Aristóteles, revela que as cousas non son como parecen e que esencia e aparencia non sempre teñen unha correspondencia perfecta. En especial cando se comproba que cada vez son máis os observadores e analistas da escena internacional que falan da posibilidade de que comece unha «Terceira Guerra Mundial» que, en caso de ocorrer, sería a última durante varios séculos. Cómpre neste punto lembrar a sentenza de Albert Einstein cando se lle preguntou con que armas se libraría a devandita guerra. A súa resposta foi ben elocuente: «Non sei con cales se pelexará a terceira guerra mundial, pero a cuarta será con paus e pedras».

 En realidade a «guerra fría» non só que xamais existiu porque sempre foi moi quente senón que, paradoxalmente, coa implosión da Unión Soviética adquiriu renovada virulencia. O que cambiou foron os instrumentos e as armas coas cales se libraba esa guerra: «poder brando», sancións económicas, ofensivas mediáticas, extorsións, intervencións armadas, sabotaxes, espionaxes, etcétera. Durante os anos da posguerra proliferaron as guerras proxy (Corea e Vietnam as máis importantes) e numerosas confrontacións e golpes de estado que reflectían o xordo enfrontamento entre Estados Unidos e a URSS. En Latinoamérica iso reflectiuse en sanguentas invasións (Playa Girón, Cuba, 1961; Panamá, 1964; República Dominicana en 1965; Granada, 1983) e golpes de estado (Brasil, 1964; Arxentina, 1966 e 1976; Chile, 1973) e o acoso a Nicaragua despois do triunfo do sandinismo en 1979 e á guerrilla da Fronte Farabundo Martí de Liberación Nacional do Salvador, ao longo de toda a década dos oitenta. Ou sexa, o «poder duro» en todo o seu esplendor. Unha paisaxe similar desta tan peculiar «guerra fría» pode obterse se se percorre o escenario africano ou asiático, algo que polo momento non temos intención de facer.

Mensaxes e acosos

Desintegrada a Unión Soviética houbo tres fitos fundamentais que marcan a ferro o o recruar da «guerra fría». Un foi a filtración á prensa, concretamente ao New York Times o 7 de marzo de 1982, dun memorando elaborado polo Subsecretario de Defensa de Estados Unidos, Paul Wolfowitz onde se dicía, entre outras cousas igualmente graves, que «debemos ter en conta que o cambio democrático en Rusia non é irreversíbel e que, a pesar das súas actuais dificultades, Rusia seguirá sendo a potencia militar máis forte de Eurasia e a única potencia do mundo con capacidade para destruír os Estados Unidos». O corolario do seu consello era claro: había que acosar sen tregua a Rusia, debilitala e, de ser posíbel, fragmentala nunha decena de indefensos e caóticos estados. Segundo fito: o bombardeo das forzas da OTAN sobre Iugoslavia, sen a autorización do Consello de Seguridade da ONU. Esta brutal operación estendeuse entre o 24 de marzo e o 11 de xuño de 1999 e o seu resultado final foi a destrución e fragmentación de Iugoslavia en sete países: Bosnia e Hercegovina, Croacia, Eslovenia, Macedonia do Norte, Montenegro e Serbia, aos cales logo se engadiu Kosovo. Toda unha lúgubre mensaxe para Rusia. O terceiro fito marcouno a incontida expansión da OTAN cara ao Leste, tema que merece unha consideración especial. Caída a URSS, pouco despois disolveuse o Pacto de Varsovia, que fora creado en 1955 como unha demorada resposta á creación da OTAN en 1949. O Pacto de Varsovia era unha alianza militar liderada pola Unión Soviética e integrada por Albania, Bulgaria, Checoslovaquia, Alemaña Oriental (RDA), Hungría, Polonia e Romanía. Este disolveuse o 1º de xullo de 1991 en Praga, pero a OTAN, que era unha «alianza defensiva» lonxe de obrar en consecuencia non fixo senón fortificarse e expandirse. Iso a pesar de que os principais líderes occidentais xuraran e perjuraran que coa caída do Muro de Berlín e a posterior desintegración da URSS «a OTAN non avanzaría nin un centímetro cara ao Leste». Avanzaron centos de quilómetros. Logo da disolución do Pacto de Varsovia redobrou a súa política de incorporación de novos membros, culminando en 2023 coa incorporación de Finlandia e Suecia e elevando o número dos seus membros a 32.

 Só Bielorrusia e Ucraína son os dous únicos estados fronteirizos de Rusia que non albergan tropas da OTAN nas portas de Rusia. Unha clave para comprender as tremendas tensións do sistema internacional é a inseguridade de Rusia, que ten practicamente todas as súas fronteiras, non só as europeas, senón tamén as doutras latitudes, acosadas por bases militares dos EUA, a OTAN ou outras alianzas militares, mentres que ningunha potencia estranxeira instalou forza militar ningunha nos confíns do territorio de Estados Unidos, nas súas extensas fronteiras con México e Canadá. Esta é, ao noso ver, a clave da perigosa conxuntura internacional do momento actual: a asimetría entre a seguridade territorial dun gran poder, os EUA, e a inseguridade da outra gran potencia militar, Rusia, ameazada nas súas fronteiras. Xa Tucídides, na súa coñecida Historia da Guerra do Peloponeso, advertía hai dous mil cincocentos anos que unha situación como esa era o prólogo case sempre inevitábel dunha guerra. Oxalá que agora o seu prognóstico non se cumpra.

 

[Artigo tirado do sitio web arxentino Acción, do 11 de abril de 2024]