A guerra en Ucraína e o clima belicista que percorre Europa

Marcos Martínez Romano - 02 Mar 2022

Entre as ambicións expansionistas de Putin e as do bloque atlantista, vemos Ucraína ocupada militarmente por Rusia e utilizada como peza de xadrez no taboleiro xeopolítico mundial por parte dos EUA, co seu pobo sufrindo as consecuencias

 Hai unha semana comezou a ocupación militar de Ucraína por parte de Rusia. O que moitos pensabamos que se reduciría ao recoñecemento das Repúblicas populares de Donetsk e Lugansk, acabou estendéndose á entrada das forzas rusas en varias zonas do país veciño. Digo que hai unha semana comezou a ocupación rusa porque a guerra, aínda que en formas de baixa intensidade, leva anos aberta. En Ucraína, fundamentalmente desde os sucesos de 2014. En xeral, desde que hai xa máis de vinte anos a OTAN decidise estenderse cara ao leste ignorando as promesas feitas a Gorbachov anos antes.

 Centrándonos nesta ocupación, hai varios desencadeantes. Principalmente son dous e limitareime a mencionalos. Un, o principal, a vontade de Vladimir Putin, responsábel máximo do que nestes días está sucedendo. O dirixente ruso deixou claro no seu discurso do día 21 de febreiro -no que recoñeceu como Estados independentes áas dúas Repúblicas do Donbass mencionadas anteriormente- que é un autócrata nacionalchovinista e profundamente anticomunista cunha visión historicista e esencialista de Rusia que implica ambicións imperiais.

 Iso si, a partir de aí, cómpre sinalar por que decidiu empezar a cumprilas agora. E aí entra o segundo factor xa mencionado: o cerco ao que as forzas atlantistas someteron a Rusia durante as últimas décadas, coa Unión Europea exercendo como departamento dos Estados Unidos, que chegou até as portas da propia Rusia en Ucraína, o país que a visión imperial de Putin sente como o berce do seu Imperio. Rusia sentiu que necesitaba garantir a súa seguridade asegurándose de que Ucraína exercese o rol de país neutral, pero tanto a UE como a OTAN negaron a devandita posibilidade.

 Agora, entre as ambicións expansionistas de Putin e as do bloque atlantista, vemos Ucraína ocupada militarmente por Rusia e utilizada como peza de xadrez no taboleiro xeopolítico mundial por parte dos EUA, co seu pobo sufrindo as consecuencias.

 Chegados a este punto, tras unha semana de ocupación militar, a miña sensación é que Putin pensaba que coa súa acción o bloque occidental ía crebar, o que non está acontecendo, máis ben ao contrario. Tamén que pensaba que a resistencia en Ucraína sería menor do que está sendo e a guerra lóstrego levaría a unha vitoria moi rápida para negociar un "Minsk III" nunha posición de forza. Como non está sendo así, sentiu a necesidade de mostrar esa forza de cara á negociación con Ucraína (xa en marcha en Belarús) doutra forma: mediante a ameaza nuclear.

 Unha vez aquí, paréceme fundamental comprender que ao gran oso ruso hai que lle deixar unha saída. Senón, atacará. E coido que aplicar as sancións máis duras posíbeis e entrar nunha escalada armamentística global (o anuncio de Alemaña neste sentido foi tristemente revelador) non é darlle saídas, senón facer que se sinta cada vez máis acurralado.

 Outro problema que se cadra Putin non mediu ben foi a apertura da fronte interna. A decisión de pasar de recoñecer as Repúblicas do Donbass e entrar ao seu territorio para garantir a seguridade da súa poboación a facelo en toda Ucraína, non ten apoio masivo en Rusia. E fíxoo precisamente nun momento no que a súa popularidade estaba á baixa no seu país. Isto pode facer que aínda se sinta máis acurralado, aínda que sexa polos seus propios erros. Porque a medio prazo pode sentir un perigo que antes non existía.

 Problemas internos e problemas no seu plan externo unido ás medidas de occidente que eles senten como ameazas existenciais é unha combinación que pode ser letal.

 Evidentemente non teño claro cales poden ser esas saídas. Pero diría que ningunha que non pase polo menos pola garantía da neutralidade ucraína e algunha fórmula de recoñecemento e respecto ás Repúblicas populares de Donetsk e Lugansk servirá de nada. E estou convencido dunha cousa: malia que a ocupación poida estar resultando máis complexa do pensado, Rusia permanecerá en Ucraína até que se esta declare como país neutral.

 No relativo ás sociedades europeas e á española en particular, teño a impresión de que non estamos entendendo o suficiente que a única alternativa a darlle unha saída ao oso ruso na mesa de negociación é que os países membros da OTAN acaben mandando soldados a loitar a Ucraína no que podería acabar transformándose nunha Guerra global na que estarían involucradas catro potencias nucleares (Rusia nun lado e EUA, Gran Bretaña e Francia no outro). Porque quen crea que coas sancións e con mandarlle armas ao exército e á poboación civil vai facer que os ucraínos poidan expulsar ao exército ruso do seu país penso que se erra.

 Porén, estamos asistindo a un momento de ascensión e extensión do clima belicista por nosa(s) sociedade(é) creado e expandido desde boa parte do establishment político e mediático que non pode traer nada bo. Poida que aos que están instigando este clima, o escenario de confrontación global anteriormente exposto lles pareza un escenario desexábel. A min, e estou convencido de que a unha gran parte da nosa sociedade, desde logo, non.

 Dentro deste clima, estanse xustificando medidas moi perigosas, como a censura de medios de comunicación. A Presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, anuncio o peche de RT, Sputnik e outros medios rusos. Algo que resulta curioso, porque os países occidentais, incluíndo o noso, están baseando gran parte das súas posicións en torno a Rusia na defensa da democracia liberal como sistema político superior á "autocracia de Putin". Así todo, só tardaron uns poucos días en censurar medios de comunicación rusos sen sequera estar en guerra (polo menos declarada) con Rusia.

 Decisión esta que, ao meu ver, senta un perigoso precedente e enterra baixo os seus pés a argumentación ético-politica da súa posición (sobre a que levan a cabo as sancións a Rusia en múltiples formas, por exemplo) entrando no suposto terreo do adversario ao que combaten ideoloxicamente. Estamos vendo que, ao final, parece que o liberalismo europeo se reduce a reclamar o monopolio da (des)información.

 Ademais, tamén se anunciou que por primeira vez Europa activará a norma de acollida ilimitada de refuxiados. Non aconteceu isto nunca antes e é tamén curioso que ocorra cando os refuxiados son europeos e, como varios medios de comunicación occidentais se encargaron de lembrarnos estes días, “brancos, louros e de ollos azuis”, nunhas sentenzas dun carácter racista que nunca acabou de abandonar do todo a construción europea.

 Entrementres, neste clima no que se gaban as sancións contra o pobo ruso, o envío de armas a Ucraína e a escalada armamentística en Europa (aumentando os orzamentos de defensa sen contarnos en que outras partidas os van reducir, aínda que non é difícil imaxinar en cales serán), comézase a sinalar os que nos situamos en posicións diverxentes.

 Comezan a acusar de complicidade coa agresión rusa a Ucraína os que nos opoñemos ao marco de “ir con todo contra Putin” e apostamos pola diplomacia e a negociación como forma de intentar acabar coa guerra xa aberta e de evitar que esta se transforme nun conflito global co perigo de conflagración nuclear sobre a mesa. Son quen fan isto os que si están exercendo de cómplices do clima belicista que percorre Europa. Un clima que lembra perigosamente o que asolagou Europa en 1914, e que, como sucedeu daquela, reforzará as posicións ultradereitistas que xa en  por si estaban en auxe en moitos países europeos.

 Dicía hai dous días na súa conta de twitter o exchanceler (Ministro de Exteriores) venezolano Jorge Arreaza que “a opción militar xorde cando fracasa a Diplomacia” pero que “oxalá o diálogo e as negociacións en marcha conduzan á paz.”. Non podo senón compartir esta vontade e acabar este texto coas palabras que Karl Liebknecht, membro da facción espartaquista do SPD e compañeiro de Rosa Luxemburg, pronunciou o dous de decembro de 1914 no Reichstag Alemán para argumentar o seu voto contrario aos créditos de guerra: "Eu apoio os créditos de axuda ás vítimas coas seguintes reservas: voto gustosamente por todo o que poida levar un alivio aos nosos irmáns no campo de batalla así como aos feridos e enfermos, polos cales sinto a máis profunda compaixón. Pero como protesta contra a guerra, contra aqueles que son responsábeis por ela e que a causaron, contra aqueles que a dirixen, contra os propósitos capitalistas para os cales está sendo usada, contra os plans de anexión, contra o abandono e o esquecemento total dos deberes sociais e políticos polos cales o goberno e as clases son aínda culpábeis, voto contra a guerra e os créditos de guerra solicitados.".

 

[Artigo tirado de El Diario Cantabria, do 1 de marzo de 2022]