A guerra en Ucraína acelera a decadencia da globalización

Isidro Esnaola - 03 Mar 2022

Os primeiros efectos da guerra adoitan percibirse nos mercados de accións, de débeda pública, de materias primas e os seus derivados. O prezo das accións adoita caer. Os prezos das materias primas e os seus derivados, pola contra, adoitan subir. E aquí aparecen os traballadores como os principais perdedores do aumento da carestía da vida

 A guerra transforma completamente o discorrer da vida e, en consecuencia, tamén da economía. Os seus efectos son moitos e variados, algúns predicíbeis, outros non tanto. En calquera caso, a medio e a longo prazo a guerra reforzará algunhas tendencias que xa estaban tomando corpo.

 As guerras tamén deixan gañadores e perdedores na economía. Posibelmente, calquera análise sobre as consecuencias económicas dunha guerra haxa que comezalo cos principais vencedores, que son os que máis desapercibidos pasan. Entre eles, sen dúbida, está a industria militar. A curto prazo, os pedidos dispáranse para substituír armas e vehículos destruídos, tamén para fornecer con munición e outros equipamentos ás partes enfrontadas.

 E a medio prazo, o inicio dunha guerra supón o fracaso da política e da diplomacia, provoca desacougo e impulsa o rearmamento dos exércitos. Tanto ten que a maioría deles sexan impotentes ante unha agresión de grandes dimensións: a demanda de armas crece, e canto máis modernas, mellor. As antigas, que non houbo tempo para usar, sempre se poden colocar no mercado de segunda man, como fixeron con Ucraína moitos dos seus aliados. O xornalista Pablo González apuntaba en twitter que lle chamou a atención «como todos aproveitaron para lle enchufar a Ucraína de todo, como os Stinger caducados fornecidos por Letonia. Paréceme perfecto que axuden a un amigo necesitado, pero isto ten máis pinta de venderlle pastillas de homeopatía a un enfermo grave».

 O Commerzbank, pola súa banda, asegura nun informe que «o dividendo da paz se esgotou». A paz «permitiu a Occidente reducir significativamente o gasto en defensa tras o final da Guerra Fría e o colapso da URSS en 1991. En Alemaña, por exemplo, o gasto en defensa caeu do 2,9% do PIB en 1985 a arredor do 1,3% no 2000, un nivel baixo no que se mantivo durante 20 anos», engade.

 Neste campo os EUA (exportacións de 9.000 millóns de dólares) seguido de Rusia (máis de 3.000 millóns), o Estado francés (case 2.000 millóns), Alemaña (1.200 millóns) e o Estado español (1.200 millóns) son os principais provedores de armamento, segundo os datos de SIPRI de 2020. Porén, a maioría de países teñen a súa propia industria armamentística. Turquía, por exemplo, estivo vendendo a Ucraína os drons que tan bo resultado deron a Acerbaixán no seu asalto a Nagorno Karabaj. Euskal Herria tamén ten unha importante industria militar: produce, entre outras mercadorías, armas curtas, explosivos e munición variada. Unha industria que empuxará o PIB cara a arriba e a supervivencia do planeta a longo prazo cara a abaixo. Como sinala Beñat Zaldua, para a sostibilidade da vida na terra, os materiais son un fornecemento máis crítico que a enerxía, do que se deduce que o aceiro que se converta en tanques nunca se transformará nun arado que a longo prazo nos salvará de morrer de fame.

 Os primeiros efectos da guerra adoitan percibirse nos mercados de accións, de débeda pública, de materias primas e os seus derivados. O prezo das accións adoita caer, por mor dunhas máis que previsíbeis perdas en moitos sectores económicos. Os prezos das materias primas e os seus derivados, pola contra, adoitan subir, xa que os especuladores prevén que a guerra pode provocar escaseza de determinados produtos ou atrasos no abastecemento.

 Esa adoita ser a primeira reacción, que logo adoita ter un efecto rebote: o que caeu moito, adoita subir -despois de todo, un choio é un choio-, e os prezos que se dispararon, adoitan caer unha vez pasa o pánico inicial. Así ocorreu o venres cos prezos do petróleo e do gas, e tamén cos do trigo e do millo, tras a importante subida da véspera. En calquera caso, os vaivéns poden seguir sendo grandes dependendo do desenvolvemento das operacións militares.

 A incerteza propia da guerra abre un gran espazo para a obtención de beneficios extraordinarios en diversos ámbitos. Nestas escaramuzas, os especuladores máis espelidos adoitan facer suculentos negocios aproveitando que o mercado adoita sobrerreaccionar ante calquera nimiedade.

 A aversión ao risco do capital fai que o comezo dunha guerra poida levar a que se reformulen certos investimentos a longo prazo. É posíbel que un conflito paralice algúns proxectos e outros se abandonen definitivamente, o que repercutirá negativamente na actividade económica. Unha análise do Banco Berenberg sinala que a guerra producirá un «retroceso temporal na confianza das empresas e os consumidores europeos, que podería restar algo de potencia ao despegamento da economía (tras ómicron), pero en ningún caso xerar unha recesión».

 Este retroceso temporal do que fala Berenberg habería que consideralo nun contexto máis amplo. O blog do FMI recolle unha entrada dun dos seus analistas, Tryggvi Gudmundsson, que avisaba antes de que empezasen as hostilidades que «o ritmo da recuperación se desacelerou» xa que en outubro era do 4,9% e na actualidade é do 4,4%. Deste xeito, a guerra pode afundir aínda máis as expectativas.

 Nesta conxuntura de incerteza bélica, os prezos das materias primas están subindo e é posíbel que con altos e baixos continúen así mentres duren as hostilidades, o que non fai senón reforzar a tendencia ao crecemento da inflación que se observou durante todo o pasado ano. Por certo, a alza dos prezos está sendo superior á esperada en moitas economías. O venres, por exemplo, fíxose público o dato de inflación de xaneiro nos EUA e o indicador subía até o 6,1%, por riba das previsións.

 O feito de que Rusia sexa un importante exportador de materias primas, tanto de produtos enerxéticos como de cereais, pode facer que a presión sobre os prezos se incrementen. Se até o de agora a inflación se atribuía á escaseza de determinados produtos e aos problemas loxísticos, a partir de agora o prezo das materias primas pode dar outro importante impulso a novas subas.

 O que fagan a partir de agora os bancos centrais ten pouco percorrido, tal e como recoñece Gilles Moec, economista de Axa, quen cre que «a marxe de manobra para se adaptar a un shock xeopolítico coa política monetaria parece particularmente estreito». En calquera caso, debido á gran incerteza, a suba de tipos de xuros anunciada ben se podería atrasar e é posíbel que o BCE manteña o seu programa de compras netas de bonos, como asegurou a Reuters o membro da dirección do BCE Yannis Stournaras.

 E aquí aparecen os traballadores como os principais perdedores do aumento da carestía da vida, xa que os salarios raramente aumentan na mesma proporción. As empresas, así e todo, adaptan moito máis rapidamente os seus prezos ás subas dos seus provedores.

 A máis longo prazo, os vetos darán un forte impulso a unha crecente rexionalización da economía. As sancións resultan paradoxais no modelo neoliberal de liberdade de comercio. Porén, nos últimos anos impuxéronse como medida de presión, malia a súa máis que dubidosa eficacia. Ás veces mesmo poden resultar contraproducentes, como se están dando conta agora mesmo en Europa. Nunha economía globalizada e interrelacionada, as sancións teñen un efecto boomerang. En calquera caso, máis aló do impacto propagandístico, as sancións adoitan atinxir sempre aos máis débiles, nun ou outro bando, quen senón vai pagar o gas máis caro? Ademais, adoitan inducir un próspero negocio de intermediación que ofrece o modo de esquivalas.

 Máis aló do alcance que finalmente teñan este tipo de medidas, o que si van conseguir é impulsar unha crecente rexionalización do comercio. «A desglobalización e a rexionalización son, por suposto, un problema para a economía alemá e europea, que está orientada á globalización máis que case calquera outra economía», advirte un informe de Commerzbank.

 Unha tendencia que experimentou un importante auxe con Donald Trump na Casa Branca, cando intentou frear a expansión de China mediante prohibicións e vetos. É tamén un intento de Occidente de tratar de fortificar o seu espazo ante unha cada vez máis evidente perda de influencia no mundo. A guerra non fará senón reforzar esta dirección.

 Doutra banda, o desaxuste económico entre Occidente e Oriente, acelerado pola crise de Ucraína, impulsará a reindustrialización dos respectivos bloques económicos para satisfacer as súas necesidades por si mesmos. Este cambio foi claro durante a pandemia e a guerra non fará máis que reforzalo. E para iso deixarase de lado, como de feito xa ocorreu en Europa, outro dos dogmas liberais: o libre mercado. Os Estados recorrerán a unha maior regulación da relacións económicas e concederán amplos subsidios ás empresas, antes prohibidos por se considerar competencia ilegal. Bos exemplos son a aposta dos gobernos dos EUA ou a UE polo desenvolvemento da industria dos chips.

 E este distanciamento levará a que cada bloque xere as súas propias tecnoloxías e estándares, o que reducirá a eficiencia do sistema económico global.

 Sen esquecer que esta crise puxo de manifesto a dependencia enerxética que ten Europa de Rusia. É probábel que a medio prazo se busque unha diversificación das fontes de abastecemento, aínda que o gas licuado resulte máis caro.

 Ao final, as e os traballadores terminaremos pagando a factura dunha guerra que non buscamos.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 28 de febreiro de 2022]