A guerra de Trump

Atilio A. Boron - 27 Abr 2017

Soan os tambores de guerra na Casa Branca e non sería de estrañar que ademais de continuar coas súas operacións bélicas en Siria houbese en Washington quen crea que chegou o momento de axustar contas con Corea do Norte e Venezuela, dúas espiñas que hai moito tempo Tío Sam ten cravadas na gorxa

Acosado por sucesivas derrotas no Congreso -o rexeitamento ao seu proxecto de eliminar o Obamacare- e na Xustiza, polo tema dos vetos á inmigración de países musulmáns, Donald Trump apelou a un recurso tan vello como efectivo: iniciar unha guerra para construír consenso interno. O magnate neoyorquino estaba urxido diso: a súa taxa de aprobación ante a opinión pública caera do 46 ao 38 por cento en poucas semanas; un sector dos republicanos asediábao “pola esquerda” polos seus preitos cos outros poderes do estado e as súas desacougantes extravagancias políticas e persoais; outro facía o mesmo “pola dereita”, cos fanáticos do Tea Party á cabeza que lle esixían máis dureza nas súas políticas anti-inmigratorias e de recorte do gasto público e, no internacional, ningunha concesión a Rusia e a China. Pola súa banda, os demócratas non cesaban de o acosar. No plano internacional as cousas non pintaban mellor: mal coa Merkel durante a súa visita á Casa Branca, un exasperante subir e baixar na relación con Rusia e unha desacougante ambigüidade acerca do vínculo entre Estados Unidos e China. Co ataque a Siria, Trump espera dotar a súa administración da gobernabilidade que lle estaba faltando.

 Os froitos da súa iniciativa non tardaron en aparecer. Na banda interna, o chauvinismo e o belicismo da sociedade e a cultura política norteamericanas xeráronlle o inmediato apoio de republicanos e demócratas por igual. Quen antes aparecía como un perigoso neofascista ou un incompetente populista emerxeu dos cascallos da base aérea de Al Shayrat como un sabio estadista que “fixo o que debía facer”. Tanto a impresentábel Hillary Clinton como o anodino John Kerry non aforraron gabanzas ao patriotismo e a determinación con que Trump enfrontou a inverosímil ameaza do réxime sirio, que foi acusado, contra toda a evidencia, de utilizar o gas sarín que días atrás produciu a morte de polo menos oitenta persoas nun ataque perpetrado na cidade de Jan Sheijun.

 Mentiras. Fontes independentes sinalan que esa macabra operación non puido ser causada por Damasco senón polos “rebeldes” amparados e protexidos por Occidente, as tiranías petroleiras do Golfo e o goberno fascista de Israel. A área onde se produciu o masacre estaba baixo o control do Al Nusra, rama de Al Qaida que Nacións Unidas e EEUU cualificaran como terrorista. No 2013 o goberno sirio asinou a súa adhesión á Convención para a Prohibición de Armas Químicas (OPAC) e tres anos máis tarde o país foi declarado territorio libre de armas químicas. Así reza o informe que esa organización elevou ao Consello de Seguridade de Nacións Unidas. Está claro que unha parte dese arsenal puido ser capturado e escondido por Al Nusra, facilitada esta manobra pola debacle en que estaba sumida Siria por mor da guerra. Pero ao bombardear a base aérea de Al Shayrat Washington destruíu ao equipo e o arsenal militar que presuntamente podería probar que foi o exército sirio quen cometeu o crime co gas sarín. Por que destruír a evidencia que eventualmente podería culpabilizar (ou non culpabilizar) a Al Assad, preguntábase a voceira da chancelaría rusa? Destruír probas é un delito, ou polo menos unha actitude sospeitosa, sobre todo se se atende á inevitábel pregunta que fai Günter Meyer, director do Centro de Investigacións do Mundo Árabe, con sede en Maguncia, Alemaña, e que reproduce un cable da Axencia Deutsche Welle. En calquera película policial -asegura Meyer- cando se investiga un crime os investigadores pregúntanse quen gaña e quen perde co ocorrido. Neste caso a pregunta ten unha clara resposta: De tal ataque con gas letal só poden beneficiarse os grupos opositores armados, e (engado eu pola miña banda) os seus aliados en Occidente, á vez que só pode prexudicarse o goberno sirio. Entón, por que cometería semellante crime? Pode Al Assad ser tan estúpido? Non parece, porque de o ser xa sería derrocado hai anos.

 Todas estas consideracións foron evitadas por Trump. E nisto o outsider demostrou non selo tanto porque seguiu ao pé da letra o guión ao cal se axustaron os presidentes que o precederon, desde Bush pai a Barack Obama, pasando por Bill Clinton e Bush fillo: atacar, invadir, ocupar nacións usando como pretexto unha chea de mentiras e difamacións -eufemisticamente chamadas “posverdade” polos infames manipuladores da opinión pública mundial- que perseguen xustificar o inxustificábel. Todos coñecemos a historia das “armas de destrución masiva” que supostamente tiña no seu poder Saddam Hussein e que endexamais se atoparon, nin antes da destrución do réxime nin despois. Pero a traxedia igual foi consumada a partir do 2003 porque a mentira arraigara na sociedade americana. Todo sabían, ademais, que o único país da rexión que as posuía era Israel, pero como é o xendarme rexional do imperio iso é unha nimiedade que se agocha coidadosamente ante os ollos da opinión pública e que intencionadamente marxinan das súas análises os máis asisados especialistas.

 Co ataque do venres pasado Washington violou, por enésima vez, a Carta das Nacións Unidas demostrando máis aló de toda dúbida que a presunta “orde mundial” non é tal senón unha brutal e inmoral “desorde mundial” onde rexe a máxima bárbara do dereito do máis forte. Pero non só iso: Trump tamén violou a Carta da OEA, que no seu capítulo 2, inciso 9, di textualmente que “os Estados americanos condenan a guerra de agresión: a vitoria non dá dereitos”. Sería bo que o Secretario Xeral desa sinistra organización, Luis Almagro, tan preocupado por aplicar a Carta Democrática á República Bolivariana de Venezuela, tomase nota disto e denunciase a Washington, co mesmo ardor con que xulga a Caracas, pola súa agresión a Siria.

 Ante a gravidade da situación é obvio que Rusia non permanecerá de brazos cruzados: ten en Siria unha vital base naval en Tartus que lle abre as portas do Mediterráneo (e de aí ao Atlántico Norte) á súa flota do Mar Negro ancorada en Sebastopol e tamén unha base aérea en Latakia. China e Irán tamén teñen intereses en xogo en Siria e unha Rusia cercada por terra -coa OTAN estacionada ao longo de toda a súa fronteira occidental co que algúns observadores consideran como o maior despregamento de forzas e equipos de toda a súa historia- e por mar se chegase a producirse a caída de Al Assad. En tal caso Moscova non tería senón dúas alternativas: aceptar mansamente a súa submisión aos ditados de Estados Unidos, cousa que obviamente non está no ADN de Vladimir Putin e que polo tanto endexamais fará; ou activar o seu poderoso dispositivo militar e aplicar represalias selectivas intensificando a súa campaña en contra do ISIS creado e protexido por Washington e, mesmo, adoptando unha postura máis activa en caso dunha nova agresión norteamericana. Custa pensar doutro xeito cando se ataca un país como Siria que, xunto a Rusia, lograra grandes éxitos en controlar a horda de fanáticos que sementou o terror en Siria e outras partes de Oriente Medio.

 A inesperada viraxe de Trump (que na súa campaña divulgara nada menos que 45 tuits dicindo que “atacar a Siria era unha mala idea porque podería precipitar o desencadeamento da Terceira Guerra Mundial”) debe poñer en garda a todos os pobos e gobernos do planeta porque co ataque a Siria o mundo camiña sobre o gume dunha navalla. Esta actitude de vixilancia e preparación para a loita debe ser impulsada na nosa América, especialmente cando se analizan as moi recentes declaracións do Xefe do Comando Sur, Kurt Tidd, ante o Comité de Forzas Armadas do Senado de Estados Unidos. Nesa ocasión textualmente falou dunha “crecente crise humanitaria en Venezuela que eventualmente podería obrigarnos a unha resposta rexional”. Os latinoamericanos e caribeños sabemos o que esas palabras significan e estaremos preparados para frustar eses plans. Soan os tambores de guerra na Casa Branca e non sería de estrañar que ademais de continuar coas súas operacións bélicas en Siria houbese en Washington quen crea que chegou o momento de axustar contas con Corea do Norte e Venezuela, dúas espiñas que hai moito tempo Tío Sam ten cravadas na gorxa. Cando comezan o seu periplo descendente os imperios potencian a súa barbarie e tratan de atrasar o inevitábel apelando a calquera recurso, entre eles, inventando guerras. Non sería de estrañar entón que ante este cadro de situación, cando son os propios estrategas imperiais os que se desvelan por tentar deter o seu devalo, Trump intentase “normalizar” o mapa sociopolítico latinoamericano e do sueste asiático recorrendo á linguaxe dos mísiles. De o facer, ía levar unha sorpresa enorme.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 10 de abril de 2017]