
A guerra comercial ameaza as relacións entre China e os Estados Unidos

A necesidade de conter a China é unha das poucas cuestións en que existe consenso entre demócratas e republicanos. Durante a campaña, Donald Trump prometeu maiores aranceis ás importacións, o que pode desatar unha guerra comercial con China
Se houbese que pór unha data ao comezo da desfeita estadounidense, posibelmente esta sería o 11 de decembro de 2001. Ese día, tras longas e arduas negociacións, os EUA accederon a que China ingresase na Organización Mundial do Comercio. Levantadas as barreiras á produción chinesa, o xigante asiático converteuse rapidamente na fábrica do mundo.
O ascenso non ocorreu só por méritos propios, tamén por demérito das elites occidentais. Cegadas polo seu poder, grazas á globalización financeira, permitiron a deslocalización de todo tipo de industrias. A xustificación era sinxela: era necesario maximizar os beneficios. Pensaron que daba igual onde estivese a fábrica se Occidente controlaba as fases máis valiosas do proceso e as finanzas.
Esa decisión tivo dúas consecuencias. A primeira foi a desindustrialización dos países occidentais, que pasaron a especializarse en servizos, o que minou a base da economía. O confinamento puxo de manifesto que todos os bens dependían de fábricas afastadas. A pandemia descubriu que o mundo virtual das finanzas, internet e os servizos asociados non producía nada vital.
A segunda é que transformou a clase obreira dos países occidentais. A finais do noventa, o libro de Richard Sennett “A corrosión do carácter" xa describiu como a flexibilidade e a crecente inseguridade descompuxo o carácter e a identidade dos traballadores. Un malestar que a desindustrialización posterior non fixo máis que agudizar. A desaparición de traballos industriais estábeis e dignos sementou o desacougo en amplas capas de traballadores. Sobre este malestar dos perdedores da globalización construíu Donald Trump as súas dúas vitorias electorais. Por iso é polo que a reindustrialización do país é neste momento unha das cuestións chave. Todo parece indicar que un aspecto fundamental da súa estratexia industrial será o estabelecemento de aranceis ás importacións. Segundo as súas declaracións durante a campaña electoral, o arancel xeral será dun 10% a un 20%, e para os produtos chineses, subirá até o 60%.
A estratexia de contención
O xornal chinés South China Morning Post tíñao claro o mesmo mércores. Dicía que sexa cal for o resultado das eleccións, unha cousa é certa, «máis aranceis para China». Neste punto hai un amplo consenso entre demócratas e republicanos. Barack Obama tentou illar a China coa negociación dun acordo de libre comercio con todos os países da conca do Pacífico que deixaba fóra a China (coñecido como TPP). Un proxecto que se enmarcaba dentro das regras da Organización Mundial de Comercio.
Unha manobra que a Donald Trump lle pareceu pouco contundente e que abandonou. En 2018, Trump optou por estabelecer aranceis á metade de todas as importacións de China (200.000 millóns de dólares). China respondeu de maneira proporcional: estabeleceu aranceis ás importacións por valor de 60.000 millóns (tamén a metade das exportacións estadounidenses), que afectaban principalmente a produtos agrícolas. Deste xeito, Beijing respondía e, ao mesmo tempo, atacaba a un sector que apoiaba electoralmente a Trump.
A Administración Biden non só mantivo a maioría deses aranceis, senón que engadiu algúns específicos aos automóbiles eléctricos e ás placas solares. A Unión Europea seguiu neste tema os EUA e estabeleceu aranceis aos coches eléctricos que entraron en vigor este 1 de novembro. A resposta de China tamén foi proporcional e selectiva, dirixida a encarecer as exportacións dos países que apoiaron os aranceis. Así, por exemplo, aplicou aranceis ao brandy da UE, cuxo principal exportador é o Estado francés e un dos defensores dos aranceis.
A posición de Trump cara a China
Durante o seu primeiro mandato, Donald Trump non se limitou a estabelecer aranceis aos produtos chineses, senón que atacou a Beijing en todas as frontes. Sancionou a China pola Lei de Seguridade Nacional en Hong Kong, vetou a empresa líder en redes 5G Huawei e sancionou a funcionarios chineses aos que acusou de estar involucrados en abusos dos dereitos humanos.
Entre 2017 e 2021, a administración Trump emitiu oito ordes executivas que afectaban principalmente a China, segundo a Comisión de Revisión Económica e de Seguridade de EUA-China. A administración Trump emitiu así mesmo outras sete ordes executivas que non se centraban directamente en China, pero que condicionaban áreas políticas chave relacionadas coa relación entre China e os EUA, e o Executivo tomou outras 116 medidas relacionadas con China.
E para deixar clara a súa posición cara a Beijing, un día antes de deixar o cargo, o 19 de xaneiro de 2021, o daquela secretario de Estado Mike Pompeo dixo que os EUA determinaran que China cometera «xenocidio e crimes contra a humanidade» pola represión dos uigures musulmáns na provincia noroccidental de Xinjiang, polo menos desde marzo de 2017. Unha despedida que non deixa dúbidas sobre a actitude que terá Trump cara a China neste segundo mandato.
Os efectos dunha guerra comercial
A diferenza do anterior mandato, esta vez Trump non é un independente que vai ao seu aire, senón que chega ao poder co respaldo total do Partido Republicano, que ademais venceu nas dúas cámaras. É posíbel que esta simbiose faga que as políticas sexan menos erráticas que durante o seu primeiro mandato.
O máis sorprendente é que a suba de aranceis xa está descontada por todos os afectados. Os datos de aduanas de China, que se fixeron públicos o xoves, informaban de que as exportacións creceron en outubro un 12,7% interanual, duplicando as previsións. Todo indica que os importadores decidiron completar as súas existencias antes de que se desate a guerra comercial. Nese senso, os produtores chineses tamén anticipan un aumento da carga de traballo este último trimestre. Doutra banda, as importacións chinesas descenderon en xeral. Soamente creceron as de soia estadounidense. Seica, os agricultores apresuráronse a enviar unha colleita récord antes de que a guerra comercial se desate.
Os aranceis terán un efecto inmediato na alza dos prezos. Segundo o Consello Nacional de Comercio Exterior norteamericano, por mor dos aranceis, os estadounidenses pagaron 221.110 millóns de dólares desde 2018 en custos adicionais.
Un aumento da inflación –que semella que foi un dos aspectos decisivos nas eleccións– posibelmente leve a Reserva Federal a manter os tipos de xuros elevados. Unha decisión que pode retardar a actividade económica.
Beijing posibelmente responda nos mesmos termos que a vez anterior, con subas similares a mercadorías concretas. Tamén pode optar por desvalorizar a moeda para compensar a suba dos aranceis, algo pouco probábel porque debería ser moi significativa para compensar.
En menor medida, o aumento dos aranceis tamén afectará o resto do mundo, e pode golpear a algúns países en particular. Trump ameazou con aranceis a industria automotriz mexicana do 200% para evitar que as fábricas chinesas se deslocalicen ao país azteca. Unha guerra aberta pode terminar alterando moitas cadeas de subministración con repercusións inesperadas.
No entanto, os aranceis, por si mesmos, non traerán de volta a industria aos EUA. Un obxectivo desa magnitude exixe unha intervención pública moito máis complexa.
[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 10 de novembro de 2024]