A globalización neoliberal en crise

Álvaro García Linera - 09 Set 2021

A globalización, como un ideario de modernización, mellora da vida e de expansión ilimitada das oportunidades, xa non ten a capacidade para conter os descontentos, para organizar a xente que ten medo nin para acougar as preocupacións dos angustiados

 Vivimos o desenvolvemento imprevisto de catro crises que se retroalimentan mutuamente: unha crise sanitaria, unha crise económica, unha crise ambiental e unha crise política. Unha conxuntura de enorme perplexidade e desacougo. Semella que a sociedade e o mundo perderon o rumbo, unha dirección cara a onde ir, o seu destino. Ninguén sabe o que vai pasar a curto e medio prazo, nin pode garantir se haberá un novo surto ou se xurdirá un novo virus, se a crise económica se vai intensificar, se imos saír dela, se teremos traballo ou aforros. Isto dá lugar a unha parálise do horizonte de futuro, non soamente nos filósofos, que é algo normal, senón na xente común, nos cidadáns e cidadás, nas persoas que van ao mercado, nos traballadores, obreiros, campesiños, nos pequenos comerciantes. O horizonte de futuro é a capacidade imaxinada de propoñermos cousas a medio prazo, cousas que moitas veces non suceden, pero que guían a nosa acción e o noso comportamento. O horizonte de futuro esfarelouse, desintegrouse. Ninguén sabe o que vai acontecer.

A suspensión do tempo

 É neste sentido en que propoño a categoría dun “tempo suspendido”. Malia que acontecen cousas, malia que xorden conflitos, problemas, novidades, cada día estamos vivindo unha suspensión do tempo. Hai un movemento do tempo cando hai un horizonte, cando podemos polo menos imaxinar cara a onde imos, cara a onde nos diriximos. Trátase dunha experiencia que nos esgaza, unha experiencia nova que estamos vivindo, no sentido de que non existe unha dirección cara a onde ir, o cal é desacougante.

 A suspensión do tempo leva consigo un conxunto de síntomas e consecuencias. A primeira delas é o que poderiamos denominar “un ocaso de época”. O mundo está asistindo ao prolongado, conflitivo e agónico final da globalización neoliberal. Estamos nun proceso emerxente de desglobalización económica que se foi acentuando, pero que comezou hai cinco ou dez anos atrás con idas e voltas. A primeira vaga de globalización deuse no século XIX, até principios do XX, e a segunda a finais do século XX, entre 1980 e o 2010. Esta segunda vaga de globalización entrou nun proceso dunha esfiañamento parcial, nun proceso de desglobalización económica parcial. Hai catro datos que permiten afirmar esta hipótese:

- Primeiro, o comercio mundial tiña unha taxa de crecemento, entre 1990 e 2012, de dúas a tres veces por riba da taxa do crecemento do PIB global. Desde o 2013 até o 2020 é menor ou, no mellor dos casos, igual á taxa do crecemento do PIB. O comercio, que é a bandeira dos mercados globalizados, reduciuse, segundo informes da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos, OCDE.

- O segundo dato é que os fluxos transfronteirizos de capital, que entre 1989 e 2007 medraran do 5% ao 20% respecto ao PIB mundial, pasaron a ter unha taxa inferior ao 5% entre 2009 e a actualidade.

- O terceiro dato é a saída de Inglaterra da Unión Europea, o Brexit, que estableceu un límite á expansión, polo menos polo lado de Occidente, deste desenvolvemento de mercado, economía e política europea. Pola súa parte, Estados Unidos inicia co goberno de Trump un proceso gradual de repatriación de capitais baixo o lema “American First” [América Primeiro]. No seu goberno, Trump despregou unha guerra comercial contra China, mais tamén contra Canadá e logo contra Europa. Espertou vellas pantasmas de seguridade nacional para intentar impedir que China tome o liderado mundial e controle a rede 5G. Ade             mais, a COVID-19 acelerou os procesos de reagrupamento das cadeas de valor esenciais, para que non se repitan procesos que se deron en Europa cando, entre países supostamente pertencentes á mesma unión comercial, se pelexaban na fronteira polos respiradores e insumos médicos. Este control permítelles non depender de insumos de China, Singapur, México ou Arxentina, ou do país que fose. Entón, temos un escenario paradoxal con China e Alemaña aliadas polo libre comercio e Estados Unidos e Inglaterra aliados nunha ollada proteccionista da economía e do mundo. Nos anos 80, estes dous últimos países encabezaron a vaga globalizadora con Ronald Reagan e Margaret Thatcher, e agora son os seus líderes os que encabezan unha ollada proteccionista e os comunistas, con China á cabeza, os que chaman a todo o mundo a abrir fronteiras e a impedir que a globalización se deteña.

- Un último dato desta desglobalización parcial que estamos vivindo é o documento que acaba de publicar o Fondo Monetario Internacional. Hai un texto fiscal e un informe da economía mundial que presenta un conxunto de recomendacións abraiantes, paradoxais, e ata chistosas vindo do FMI: “hai que prorrogar os vencementos da débeda pública”. É dicir, están propoñendo que os países non paguen a súa débeda pública, que prorroguen e que establezan mecanismos de repagamentos para os seguintes anos. Non esquezan que o FMI xunto con Merkel e o Deutsche Bank foron os que se impuxeron sobre Italia, despois sobre Irlanda e finalmente sobre Grecia, para obrigar a que asuman os seus compromisos de endebedamento. O informe suxire “incrementar os impostos progresivos aos máis ricos”, non é o programa dun partido de esquerda radical, é a recomendación do Fondo Monetario. Tamén, propón impostos “ás propiedades máis custosas, ás ganancias de capital, e aos patrimonios”, sendo mesmo máis radical que algunhas propostas que se produciron nos grupos de esquerda do continente. Segue con “modificar a tributación das empresas para asegurar que paguen impostos” É dicir, pide ser máis audaces e modificar o sistema tributario porque hai moitos ricos que evadiron os impostos. Pecha cunha suxestión para a tributación internacional á economía dixital, apoio prolongado aos ingresos dos traballadores desprazados e incremento do investimento público. Trátase dun programa de reformas que hai un ano era impensábel, era unha herexía que viñese destes organismos internacionais que funcionan como o cerebro do capitalismo mundial.

 Isto está sinalando unha mudanza do espírito da época. Algo está cambiando. Acabouse o receitario de austeridade fiscal, a ameaza de que espantar os ricos impoñéndolles impostos fará que perdan riqueza e se perdan empregos. Hai unha modificación dos parámetros epistemolóxicos cos que este sector do capital mundial estaba mirando o que vén en termos deste desenvolvemento da crise ambiental, médica, económica e social. Evidentemente, hai un medo ás clases perigosas e aos estouros sociais que está levando a un cambio de 180° das posicións de políticas económicas que impulsan estes ideólogos do capitalismo mundial, e que guiaran todo o neoliberalismo desde os anos 80 até o 2020, en termos de redución do Estado, do investimento público, dos impostos á xente rica e de apoios sociais aos traballadores. Non sabemos se será temporal, mais trátase dun xiro substancial.

O desgaste da hexemonía neoliberal conservadora

 Un segundo efecto deste tempo suspendido é o que podemos cualificar como un estupor e cansazo da hexemonía neoliberal conservadora implementada nos últimos 40 anos. Non é que se acabase, pode durar un bo tempo máis, pero perdeu a súa capacidade de rexeneración, de impulso irradiador e de articulación de esperanzas. O neoliberalismo mantense pola inercia, pola forza da herdanza pasada. Isto vímolo na crise dos instrumentos que foran fetichizados para organizar o futuro.

O neoliberalismo utilizou tres instrumentos para crear un relato, un imaxinario, falso nos feitos, pero crido por moita xente sobre quen organizaba o futuro: o mercado, a globalización e a ciencia. O mercado globalizado mostrou que non é un suxeito cohesionador. Fronte á crise do virus e á expansión dos contaxios, ningún mercado fixo nada. Ao contrario, os mercados esconderon a cabeza como avestruces e o que saíu a relucir como a única e última instancia de protección social foron os Estados. A globalización, como un ideario de modernización, mellora da vida e de expansión ilimitada das oportunidades, xa non ten a capacidade para conter os descontentos, para organizar a xente que ten medo nin para acougar as preocupacións dos angustiados. A ciencia, na que se depositou de xeito imaxinado e terxiversado unha potencia ilimitada e unha capacidade infinita para transformar e resolver os problemas da humanidade, agora mostra os seus límites. Hai cousas que os humanos non podemos resolver, enfrontar ou remontar, froito das nosas propias accións. A ciencia tamén ten un horizonte de época, pode resolver moitas cousas e outras non. Requírese moito tempo, esforzo, recursos e unha modificación dos comportamentos para que a ciencia poida abarcar e resolver os problemas que estamos ocasionando, especialmente polo noso xeito de romper metabólica, orgánica e racionalmente nosa relación coa natureza.

Todo isto significa que a hexemonía neoliberal perdeu o optimismo histórico. Xa non se presenta ante o mundo como portadora de certezas imaxinadas, horizontes plausíbeis, conquistábeis e realizábeis a medio prazo. As certezas imaxinadas do futuro crebáronse e este é agora o novo sentido común. Agora ninguén pode dicir cal é o destino da humanidade.

A humanidade nunca ten un destino, sempre é unha incerteza, mais as grandes hexemonías o que fan é crear un imaxinario do destino da humanidade. As ideoloxías e as hexemonías teñen unha facultade performativa: a capacidade de crear o que enuncian. Esta capacidade é a que perdeu a hexemonía neoliberal planetaria porque xa non ten a forza de espertar entusiasmo, crear adhesións duradeiras, nin propoñer un horizonte factíbel no tempo. É un momento de cansazo e de abraio hexemónico, un momento que xera unha nova materialidade da hexemonía, que se volve porosa. Xa non se presenta como un caudal imbatíbel que vai cara a un lado, senón como augas estancadas, onde se filtran outro tipo de substancias, outro tipo de elementos. Polo tanto, estas augas estancadas da hexemonía conservadora falan da parálise do horizonte de futuro. Repito: non é a fin nin do neoliberalismo económico nin da hexemonía neoliberal. É un momento de cansazo, de esgotamento e debilitamento que pode arrastrarse mesmo aínda anos, cada vez con máis dificultades, con menos irradiación, con menos entusiasmo, con menos capacidade de xerar adhesións duradeiras e lexitimidades activas.

Ruptura do consenso neoliberal político e económico

A terceira característica deste ocaso é a ruptura do consenso neoliberal político e económico. Desde os anos 80, a hexemonía neoliberal púidose desenvolver nos ámbitos económicos e discursivos porque fusionou dúas cousas: a economía de libre mercado e a democracia representativa. Isto deulle moita forza. Había unha retroalimentación entre o horizonte económico que buscaba reducir o Estado, entregar os bens públicos aos actores privados, regular e fragmentar a forza laboral, reducir salarios e dereitos, cun sistema de democracia representativa. Despois da caída do muro de Berlín e do comunismo como unha alternativa á sociedade capitalista, todas as elites, sexan de esquerda ou dereita, apostaran polo neoliberalismo, cun sentido un pouco máis social ou máis empresarial, porque compartían o mesmo horizonte sobre o destino da humanidade.

Despois de 40 anos, ese núcleo de economía de libre mercado e democracia representativa comeza a dislocarse e disociarse, mentres xorde un neoliberalismo cada vez máis enfurecido. Esta é unha das características da época. Cada ano imos ter unha reformulación da proposta neoliberal, cada vez máis enfurecida, autoritaria, racista, xenófoba, antiliberal, antifeminista, cada vez máis vingativa, cada vez máis fascista. É o que pasou en América Latina e noutras rexións do mundo. O caso do golpe en Bolivia, a situación de Brasil, Estados Unidos, Polonia e moitos outros países. Hai un neoliberalismo cada vez máis autoritario, como un xeito de atrincheirarse, cando as súas forzas e a súa capacidade de atracción van minguando.

Ademais, por primeira vez, a democracia comeza a presentarse como un atranco para as perspectivas neoliberais. Perdeuse o optimismo dos anos 80 e agora mírase con sospeita para as bandeiras democráticas porque hai unha diverxencia entre as elites. É dicir, por unha banda, hai elites que propugnan por continuar co neoliberalismo: hai que enriquecer os ricos, bater de arriba abaixo nos pobres, seguir privatizando e mantendo a austeridade fiscal; e, por outra banda, hai elites e bloques sociais dispostos a desenvolver outro tipo de políticas máis híbridas: preocuparse dos pobres, reformular temas da propiedade, os impostos, o potenciamento do común, entre outras cuestións. Esta diverxencia e a falta dun mesmo horizonte de expectativas compartido preocupan ás elites neoliberais que comezan a mirar con sospeita, receo e distancia para a propia democracia e os procesos electorais.

Tendencias da suspensión do tempo no futuro inmediato

Neste tempo suspendido e de creba do horizonte de futuro podemos identificar catro tendencias para o futuro inmediato.

A primeira está sucedendo no debate dos grandes centros pensantes do capitalismo mundial: a revitalización dos Estados como suxeito protagónico. Isto ocorre baixo dúas modalidades. A primeira é a revitalización da utilización de recursos públicos para atenuar as perdas ou ampliar os beneficios empresariais. Esta é a vella modalidade neoliberal que busca minguar o Estado, mais para agrandar as súas riquezas cos bens comúns que están baixo control ou baixo propiedade do Estado. Actualmente, estase utilizando diñeiro público para a compra de accións das grandes empresas que viron afectada a súa produción ou comercialización polo confinamento dos últimos meses.

 Segundo un informe do Fondo Monetario Internacional, en outubro de 2020 as economías avanzadas utilizaran capital propio dos Estados equivalente a un 11% dos seus PIB en empréstitos e garantías, e un 9% en gasto adicional. É dicir, as economías avanzadas, como Estados Unidos, Inglaterra, o Estado español, Italia, Alemaña, Noruega, Suecia, Dinamarca, Xapón ou Canadá utilizaron entre o 15% e o 20% dos seus PIB para comprar accións de empresas, nacionalizar as perdas corporativas, entregar crédito aos bancos ou amortecer a redución de ganancias das empresas. Trátase dunha revitalización do Estado, pero en termos de monopolios privados.

 Outra modalidade de revitalización que pugna tamén por sobresaír é a do Estado na súa dimensión de comunidade, que busca a protección social, mellorar salarios, ampliar dereitos, aumentar o investimento público, protexer aos máis débiles, investir en saúde e en educación, crear empregos ou nacionalizar empresas privadas para xerar recursos públicos en favor da xente.

Todo Estado ten estas dúas dimensións. Como sinala Marx “o Estado é unha comunidade ilusoria”, que ten a dimensión dos bens comúns (a riqueza é un ben común, os impostos son un ben común, as identidades son bens comúns), pero son bens comúns de administración monopólica. O que están facendo as forzas conservadoras é utilizar os bens comúns para beneficio privado, a través do potenciamento do monopólico do Estado; mentres, as forzas sociais progresistas esfórzanse na ampliación do Estado como comunidade con bens para ser distribuídos e utilizados pola maioría da poboación. Cara a onde se incline o Estado dependerá das loitas sociais, da capacidade de mobilización, de gobernabilidade vía parlamento e nas rúas, da acción colectiva, etcétera.

 Unha segunda tendencia do momento actual é o uso do excedente económico de cada sociedade. Nos seguintes meses e anos vanse incrementar as loitas sociais, políticas e ideolóxicas entre os distintos partidos, conglomerados, grupos de presión, clases e movementos sociais, para determinar quen se vai beneficiar cos recursos públicos que son escasos. Con necesidades moi grandes e bens escasos, beneficiarase o sector empresarial, traballador, campesiño, obreiro, medio? Á burocracia, aos terratenentes, aos propietarios de terras ou aos banqueiros? Os Estados estanse endebedando unha ou dúas xeracións por diante e están emitindo máis diñeiro para que haxa circulante e movemento económico. Aí danse dúas cuestións: polo uso dese diñeiro e por quen vai pagar ese diñeiro.

 A terceira tendencia é o que podemos definir como apertura cognitiva da sociedade. Na medida en que as vellas certezas máis rudimentarias e ásperas, e que o horizonte de futuro da sociedade neoliberal mingua, a xente comeza a abrir a súa capacidade e disposición para recibir novas ideas, crenzas e certezas. Os seres humanos non poden permanecer indefinidamente sen horizontes de predición máis ou menos estábeis e a medio prazo. É unha necesidade humana porque necesitamos “pisar terra”, necesitamos ancorar a proxección das nosas vidas, accións, traballo, esforzos, aforros, apostas académicas e amorosas nun tempo máis ou menos previsíbel. Cando iso non se dá, búscase por onde sexa. Esta é a base para o xurdimento de propostas moi conservadoras, case fascistas, que é o que está acontecendo nalgúns países do mundo. En Bolivia, os perdedores das eleccións foron petar aí, fóronse chantar ante os cuarteis para pedir que os militares tomen o goberno. A saída ultraconservadora, fascistoide reuniu a toda a xente que se meteu no golpe de Estado: Áñez, Carlos Mesa, Tuto Quiroga, a Organización de Estados Americanos, OEA. Isto é algo nunca sucedera no continente, nin nos anos 70. Agora vemos esas imaxes patéticas do abandono da racionalidade política para pedir este tipo de saídas?

 A cuarta tendencia son os xigantescos retos para as forzas progresistas e de esquerda do planeta para enfrontar a gravidade deste horizonte de futuro crebado e diluído. Simplemente vou mencionar os seis temas que calquera proposta debería abordar ao momento de asumir a batalla polo sentido común e polo horizonte de futuro da sociedade nos seguintes meses e anos:

  1. A democratización política e económica, e as súas distintas variantes. Isto é o que algúns denominan a posibilidade dun socialismo democrático.
  2. A loita contra a explotación, incluíndo non soamente a distribución da riqueza senón tamén a democratización das formas de concentración da gran propiedade.
  3. A desracialización e a descolonización das relacións sociais e dos vínculos entre os pobos e entre as persoas incluídas no seo das organizacións.
  4. Os procesos de despatriarcalización e a reivindicación da soberanía das mulleres sobre a xestión dos seus corpos e dos seus vínculos.
  5. Un ecoloxismo social que non mire para a natureza como un parque, senón que vexa a natureza na súa relación coa sociedade. Requírese un enfoque que restableza o metabolismo racional entre o ser humano e a natureza, tendo en conta a satisfacción das necesidades básicas imprescindíbeis da xente máis humilde, dos pobres e dos traballadores.
  6. Un internacionalismo anovado. Os retos da esquerda e das forzas progresistas nos seguintes anos van radicar na capacidade de impulsar propostas de democratización política e económica cada vez máis radicais.

 Coido que estamos certamente ante tempos sociais moi estarrecedores. Paradoxalmente, malia que falamos dun tempo paralizado, estanse desenvolvendo local e tacticamente un conxunto de loitas, convulsións e inestabilidades permanentes que nos indican que as vitorias no lado conservador e as vitorias no lado progresista ou da esquerda, tampouco van ser duradeiras. É un tempo en que nada vai ser duradeiro durante un período prolongado. Cada vitoria das forzas conservadoras terá pés curtos e poderá derrubarse, e cada vitoria das forzas de esquerda poderá ter pés curtos se é que non sabe corrixir erros e impulsar un conxunto de vínculos coa sociedade.

Este é o conxunto de ideas que quería compartir con vostedes sobre o noso tempo presente.

 

[Artigo tirado do sitio web América Latina Global, de agosto de 2021]