A globalización é unha estafa mundial

Fermín Paz Lamigueiro -

O impacto da globalización neoliberal é devastador nas condicións de vida da maioría dos/as traballadores/as e sectores populares do planeta e en si propio explica o ascenso das resistencias sociais ás políticas, aos  seus efectos, mesmo polo impulso  globalizador que crea as condicións para a converxencia internacional dun amplo abano de movementos e organizacións sociais afectados.

"Non se debe navegar sen temón pero na globalización esquecémolo. Deixámonos levar só pola forza do mercado e a tecnoloxía e non estivo a conciencia política neste proceso" (Pepe Mujica)

A globalización é un feito indiscutible. O que cómpre é facer unha análise desta realidade e antes de calquera outra cousa facer unha precisión do termo. Para achegármonos o significado da verba globalización deberíamos acreditar se é un concepto ou unha definición, porque son cousas diferentes. No primeiro caso, estaríamos diante dunha representación mental que se fai  de algo para comprendelo, namentres que no segundo, sería unha descrición clara e precisa do significado e das características que contén.

Quen acredita na globalización  como concepto é porque deseguido esa posición permite xogar retoricamente coas  súas vantaxes e desvantaxes, co bo e o malo. Pola contra, quen fala da súa realidade ten que fundamentar o que agocha no seu interior e as consecuencias da súa aplicación.

Para comezar decidín coller dous exemplos sobre a valoración que fan  algúns organismos internacionais como mostra de inxenuidade ou da hipocrisía  para que vexamos as posibilidades que tivo e segue a ter a globalización para facer o que fixo. Por unha banda unha cita do exsecretario xeral da Onu (Kofi Annan): “para que a globalización sexa positiva, ten que selo para pobres e ricos por igual. Ten que achegar o mesmo grao de dereitos que de riquezas. Ten que fornecer o mesmo grao de xustiza e equidade social que de prosperidade económica e de boas comunicacións".

Pola outra , o documento titulado “Por unha globalización xusta. O papel da  OIT”   no que se di: “que o desafío ao que se enfrontan os  mandantes da OIT consiste en modernizar a forma na que traballan para que o  tripartismo poida seguir o ritmo dos cambios orixinados pola globalización e reforzar ao mesmo tempo a súa capacidade para contribuír a trazar un camiño cara a unha globalización máis xusta". Nos dous condicionase o xuízo do fenómeno a dúas premisas: a positividade das súas accións e que ten que ser máis xusta.

Dise que un razoamento é válido cando é imposible que, sendo verdadeiras as súas premisas, sexa falsa a súa conclusión. A noción fundamental da lóxica é a dá coherencia. No fondo, estas dúas posicións coinciden na defensa da globalización na práctica como un concepto e caen fóra da lóxica.

Para as miñas entendedeiras, cando menos, a globalización é un conxunto de sistemas interactuando entre si, de carácter mundial ou internacional, para a consecución de obxectivos culturais, económicos e políticos, entre outros, e que permite, unha  transculturización e unha conexión comercial coas grandes potencias grazas a que ditos  procesos foron acelerados pola difusión das novas tecnoloxías da comunicación e do  transporte. De momento, conformo con esta definición.

 Se un di que chove e  outro que non, o mais  lóxico e abrir a  fiestra e chegar a unha  conclusión propia. Dito isto, faría a suxestión á ONU e á OIT que se deixaran de parvadas  e abrirán os ollos e dixeran claramente o que está pasando na realidade das xentes do común no Mundo. 

Vou facervos unha recomendación para gozar deste verán en tempos de pandemia. Un bo ensaio sobre a globalización é o feito no libro escrito por John Saxe-Fernández e James  Petras, coa participación de Omar Núñez Rodríguez e de Henry Veltmeyer  (Globalización, imperialismo e clase social, Editorial  Lumen, Bos Aires/México, 2001), onde fan unha crítica renovada da razón neoliberal e da expansión do capital nas últimas décadas. En nove  capítulos, a obra analiza enerxicamente os principais problemas que se tecen en torno ao chamado proceso de globalización.

Os autores non se deixan impresionar polos tópicos da ideoloxía  globalizadora nin evaden o debate frontal dás súas mistificacións. Tampouco pretenden agochar a plataforma teórica e política desde a que realizan a súa crítica das falsidades neoliberais, onde os ideólogos da globalización queren diluír a natureza política da expansión capitalista (atribuíndo a forzas invisibles e abstractas os procesos de concentración, desigualdade, etc.). Os autores deste libro subliñan o papel do poder e da forza (especialmente do goberno dos Estados Unidos) como parte dun fenómeno xa vello: o imperialismo. O que se impón e espalla non é a utopía chamada “globalización”, senón o poder imperial, particularmente o estadounidense.

Alí onde os teóricos da globalización insisten en caracterizar os eventos como resultado de impulsos misteriosos do mercado,  Saxe-Fernández, Petras e os seus colaboradores non perden oportunidade para poñer ao descuberto que a chamada globalización é en realidade un proxecto político claramente deseñado desde o poder, que permite aos seus  detentadores usar as posicións  predominantes nos países centrais e nos periféricos, así como nos organismos financeiros internacionais, para impoñer políticas e apoderarse da riqueza, incluíndo o uso dos Estados-nación.

 Non é o libre desenvolvemento do mercado o que determina as políticas, senón que son as políticas (utilizando a formidable arma da Estado-nación), as que definen o sentido e o comportamento dos mercados. Non son forzas inevitables e  impersoais, senón poderosos grupos de interese, cos seus fins humanos e continxentes, os que deciden, proxectan e aplican as estratexias do capital. Estas procuran someter os traballadores, apoderarse da riqueza social (vía a privatización das empresas públicas, entre outras), impoñer severos “axustes estruturais” que favorecen os grandes consorcios (e en particular as empresas multinacionais),  sobreexplotar os recursos naturais, beneficiarse dos “rescates” de empresas privadas á conta dos recursos públicos e, en fin, manter custe o que custe o modelo económico que está a operar como unha  terrible maquinaria produtora de pobres e miserables.

 E tamén, fronte aos esquemas que buscan ocultar o papel das clases sociais neste complexo proceso, os autores mostran o profundo e claro carácter de clase do que se denomina globalización: que clases operan, como se benefician ou resultan prexudicadas, e como a liña  clasista (a miúdo de maneira tortuosa) vai marcando os respectivos terreos dos partidarios da globalización, dos seus adversarios e, mesmo, dos que adoptan posicións ambiguas. Este é o terreo da loita, do combate político e ideolóxico, e da definición de alternativas fronte ao proxecto imperial que se veu impoñendo nas últimas dúas décadas.

 O impacto da globalización neoliberal, hoxe sabemos e temos comprobado, que é devastador nas condicións de vida da maioría dos traballadores e sectores populares do planeta e en si propio explica o ascenso das resistencias sociais ás políticas, aos  seus efectos, mesmo polo impulso  globalizador que crea as condicións para a converxencia internacional dun amplo abano de movementos e organizacións sociais afectados. Pero as causas, o fenómeno en si, precisa dunha conciencia política en contraposición na defensa dos valores humanos e da dignidade das persoas,  dos recursos naturais do planeta, necesita dunha forza de longo camiñar e nos suxeita  en exclusividade aos procesos electorais. A clase traballadora precisa desa política.  

Pódese dicir que o proceso de globalización posúe unha dinámica contraditoria, xa que por unha banda  fracciona e polo outro unifica, e  debilita e activa á vez as resistencias sociais. É a partir deste escenario de fondo que temos que analizar as tarefas, dificultades e  posibilidades que teñen os sindicatos para articular novas formas de solidariedade internacional entre os traballadores. A emerxencia dunha nova onda de contestación social fronte a globalización xera un contexto favorable para a renovación e revitalización dos sindicatos e para atopar vías de saída á crise na que se atopan mergullados fai tempo, buscando alianzas con outros movementos e sectores sociais hoxe  afastados do sindicalismo, así como un maior vencello coa nova xeración militante que despuntou nos últimos anos arredor das mobilizacións contra a globalización e as políticas neoliberais.

Neste sentido, para facer fronte aos retos da globalización e para contribuír a forxar converxencias necesarias fronte á mesma sería conveniente para os sindicatos buscar unha maior relación cos movementos sociais en xeral e en particular coas  iniciativas do movemento “antiglobalización”. É difícil establecer un modelo de relación xeral entre  sindicato e movemento “antiglobalización” debido á pluralidade que existe dentro do sindicalismo a escala internacional, ás diferentes configuracións que o  movemento tivo en distintos espazos e iniciativas, e á existencia de contextos nacionais específicos. Factores como as tradicións sindicais, a magnitude da crise sindical (e da súa percepción subxectiva), a importancia variable acadada polo movemento en cada lugar, ou simplemente a conxuntura política, explican a  existencia de relacións parcialmente distintas en contextos nacionais  específicos e dentro destes de actitudes diferenciadas entre os distintos sindicatos. 

Fareivos outra recomendación non deixedes de ver a ópera prima de  J. C.  Chandor “O prezo da cobiza”. É un ensaio sobre a ambición  nunha sociedade capitalista, e o risco que corren as persoas de perder a súa integridade con tal de salvar o pelexo. Neste tempo xa non vale a lei do máis forte –nin sequera do máis listo–, senón a do máis desapiadado.

A miña conclusión, a globalización é unha estafa  mundial, ten base e fundamento en que este conxunto de sistemas que terman da globalización é xestionada por  gángsteres económicos e por profesionais xenerosamente pagados que rouban “legalmente” billóns de cartos a países de todo o mundo. Canalizan o diñeiro do Banco Mundial, da Axencia Internacional para o Desenvolvemento (USAID) e doutras organizacións internacionais de ”axuda” cara ás arcas das grandes corporacións e os petos do puñado de familias ricas que controlan os recursos naturais do planeta. Entre os seus instrumentos figuran os ditames financeiros fraudulentos, as eleccións  amañadas, os subornos, as extorsións,... Ese xogo é tan antigo como os imperios, pero adquire novas e terroríficas dimensións nesta era da globalización.

Remato facendo un chamamento ás organización políticas e sindicais a nivel mundial terían que ser un dos actores principais fronte á globalización. Pero a maioría deles non saben o que facer, dubidan, algunhas teñen un discurso crítico contra o fenómeno, e  moitas outras calan e seguen tirando proveito do xogo negociador co capitalismo  diante da desfeita que están vendo na clase obreira dos seus países. As consecuencias depredadoras da globalización debería obrigar ás organizacións dos traballadores e traballadoras a impulsar e fornecer as loitas sociais contra a globalización neoliberal. Teñen diante de si esa responsabilidade é o movemento sindical tanto nacional como internacional  non pode, non debe  seguir, "mareando a perdiz". En xogo están as mesmas liberdades.

Fermín Paz Lamigueiro

Volver