A Fundación Pública de Emerxencias Sanitarias de Galiza incumpre en prevención de emerxencias
A CIG-Saúde valora positivamente o requirimento realizado pola Inspección de Traballo á Fundación Pública de Emerxencias Sanitarias de Galiza, 061, a raíz dunha denuncia realizada polos delegados de prevención do sindicado pola falta de medidas de actuación ante emerxencias e de simulacros de evacuación. A Inspección dá un mes ao 061 para que xustifique a adopción destas medidas.
Deste xeito, a Inspección require da Fundación que garanta, ao longo do centro de traballo que a sinalización indique os percorridos de evacuación e saídas, así como que coloque planos “Vostede está aquí” que indiquen “unhas normas básicas de actuación en caso de emerxencia e a localización do Punto de Reunión”.
Ademais especifica que as instalacións “deben contar cunha sinalización suficiente para indicar a existencia de medios técnicos de protección contra incendios e material de primeiros auxilios, así como a sinalización e iluminación das saídas”.
Xunto a isto require ao 061 “formación e información a todo o persoal non integrado na estrutura de emerxencias, así como a capacitación do persoal que forme parte da citada estrutura”. Isto xunto coa realización, unha vez ao ano, de simulacros, conforme ao establecido no Plan anual de protección”.
Mario Otero, delegado de prevención da CIG-Saúde no 061, lamenta “ter chegado á fase inspectora despois de ter solicitado repetidamente dentro do Comité de Seguridade e Saúde que se adoptasen as medidas oportunas” e advirte que a CIG-Saúde “espera que a administración cumpra o prazo dado, punto sobre o que estará vixiante”.