A Fundación Moncho Reboiras presenta en Galiza o libro 'O precariado. Unha nova clase social?'
A Fundación Moncho Reboiras, creada pola CIG para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza, presenta na no noso país o libro O precariado. Unha nova clase social?. A Coruña, Vigo, Pontevedra e Compostela acollerán a vindeira semana unha serie de actos nos que estará presente o autor, o sociólogo e profesor mexicano Adrián Sotelo.
Traducido ao galego e editado recentemente pola Fundación Moncho Reboiras, este libro de Adrián Sotelo, sociólogo e profesor do Centro de Estudios Latinoamericanos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), pon en debate as máis recentes teorías posmodernas e sistémicas que proclaman a fin do traballo, a negación da clase obreira e a súa substitución por un novo suxeito: o precariado.
Polemizando con estas teorías e apoiado nunha extensa batería de datos socioeconómicos, o autor revigoriza as categorías marxistas de clase, traballo, valor (e plusvalía), explotación e crise. Reafirmando que para alén das transformacións da condición obreira, da precarización das condicións de traballo e de vida do proletariado moderno, este segue a ser (cada vez máis) a clase antagónica por excelencia do capital.
Lugares e horarios das distintas presentacións
A CORUÑA
3 de xullo, 10:30 horas.
Salón de actos da CIG (Avenida Alfonso Molina, s/n. 8º andar).
Presenta: Xosé Manuel Carril, profesor titular de Dereito do Traballo e Seguridade Social na UDC e autor do prólogo á edición galega.
VIGO
4 de xullo, 20:00 horas.
Libraría Cartabón (rúa Urzáiz, 125).
Presenta: Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras
PONTEVEDRA
5 de xullo, 20:00 horas.
Casa da Luz (Praza da Verdura).
Presenta: Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica e Emprego de Pontevedra.
COMPOSTELA
6 de xullo, 20:30 horas.
Vide, Vide! Espazo Enocultural (Fonte de Santo Antonio, 10).
Presenta: Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras.