A Fundación Moncho Reboiras e a CIG homenaxean o militante nacionalista asasinado pola policía
A Fundación Moncho Reboiras e a CIG rendéronlle tributo un ano máis ao dirixente nacionalista cunha ofrenda floral no cemiterio de Imo, Dodro, onde descansan os seus restos. No acto, que tivo lugar este sábado día 12 de agosto, data da súa morte, unha delegación da Fundación foi a encargada de depositar as flores na tumba de Reboiras, quen 48 anos despois da súa morte segue a ser exemplo de compromiso coa liberación nacional e social de Galiza.
Tanto a Fundación como a CIG honran cada ano a memoria de Xosé Ramón (Moncho) Reboiras Noia e lembran que alén da súa prolífica militancia nos diferentes campos do nacionalismo popular, destacou tamén nos primeiros xermes de organización obreira que deron lugar ao actual sindicalismo nacionalista.
A contribución de Moncho Reboiras aos primeiros pasos do sindicalismo nacionalista foi fundamental. El coordinou a Fronte Obreira da UPG que, en pouco tempo, daría lugar a que agromaran boletíns e organizacións de base en varias cidades. Destes xermolos xurdiría no ano 1975 o Sindicato Obreiro Galego, iniciando ese longo camiño do sindicalismo hoxe representado pola CIG.
Pero na madrugada do 12 de agosto de 1975 a represión franquista cruzouse no seu camiño, cando máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura rodearon o edificio no que se atopaba Reboiras, na rúa da Terra en Ferrol. Ao pé do portal, o militante nacionalista era asasinado a tiros.