A Fundación Moncho Reboiras actualiza e incorpora novos vídeos de formación sindical

Abordan cuestións como regulación dos permisos de traballo, análise da nómina, modalidades de cotización ou cálculo das bases e tipos de cotización
Nacional - 17 Nov 2023

A Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza vén de actualizar e incorporar novos vídeos de formación sindical nos que se abordan cuestións como regulación dos permisos de traballo, análise da nómina, modalidades de cotización ou cálculo das bases e tipos de cotización, entre outras.

Trátase dunha serie de traballos audiovisuais de produción propia nos que se proporcionan recursos de formación sindical actualizados, co convencemento de que a formación é unha ferramenta poderosa para a mobilización e a conquista de dereitos da clase obreira xa que permiten mellorar a comprensión e aplicación dos dereitos laborais na negociación colectiva. 

Trátase dunha serie de traballos audiovisuais de produción propia nos que se proporcionan recursos de formación sindical

Cada vídeo é unha ferramenta para fortalecer a nosa capacidade de enfrontar os desafíos do mundo laboral, polo que a Fundación seguirá a avanzar na elaboración de contidos audiovisuais de cara a mellorar os recursos que nos permitan ampliar coñecementos no eido das relacións laborais.

Tanto a CIG como a Fundación entenden que é esencial para a clase traballadora a formación tanto en cuestións directamente relacionadas coas condicións laborais, como noutras relativas á historia dos sindicatos e do movemento obreiro galego, particularmente do sindicalismo nacionalista.

Por iso a actividade da Fundación céntrase en estudar a realidade actual da clase obreira galega e dos movementos sociais, así como a problemática nacional; dar a coñecer na clase obreira galega e nos movementos sociais do país outras experiencias exteriores; e divulgar e fomentar o estudo e investigación, no campo histórico e xurídico, daqueles temas que contribúan á mellora das condicións da clase obreira.

» ACCEDE AOS VÍDEOS NESTA LIGAZÓN