A folga pecha as tendas de H&M en Vigo, Pontevedra e Lugo
Os establecementos de H&M en Vigo, Pontevedra e Lugo permaneceron pechados este sábado día 8 con motivo da folga convocada para reclamar o cumprimento do convenio colectivo e en demanda de melloras salariais e laborais. As traballadoras da transnacional sueca do sector téxtil aproveitaron a xornada de paro para mobilizarse.
No caso de Vigo e Pontevedra reclámase o cumprimento do convenio colectivo no que ten que ver coa actualización dos soldos e dos pluses e co pago dos atrasos salariais. As afectadas desconvocaran o paro previsto para o pasado sábado 1 de abril unha vez que a empresa confirmou que cumprirá o convenio e actualizará os salarios e os complementos e abonará os atrasos pendentes, mais mantivo a convocatoria deste sábado 8, á espera de que se apliquen os incrementos de soldo e se aumenten as xornadas a 40 horas semanais, algo que H&M aínda non fixo.
Coincidindo coa xornada de paro, as traballadoras das tendas situadas nos centros comerciais Gran Vía e Vialia percorreron o centro da cidade en manifestación dende o cruce de Vía Norte con Urzaiz e posteriormente desenvolveron unha concentración diante do Marco. No caso de Pontevedra, as empregadas do establecemento da rúa Benito Corbal concentráronse diante da tenda e marcharon tamén a pé polos arredores.
Segundo explican dende a CIG-Servizos, nos vindeiros días manterán unha xuntanza coa Inspección de Traballo para abordar as denuncias presentadas polos incumprimentos da empresa, e agardan que a autoridade laboral emita un requirimento instando a H&M a respectar os acordos.
Pola súa banda, as traballadoras da tenda H&M do Centro Comercial das Termas en Lugo continuaron o xoves e o sábado coa folga convocada para reclamarlle á empresa melloras salariais e laborais. Con estas suman xa cinco xornadas de folga, que está a rexistrar un seguimento total polo que o establecemento permanece practicamente pechado dende o pasado luns.