A folga nas residencias da terceira idade privadas dará comezo o vindeiro día 17 de marzo
Representantes da CIG, CCOO e UGT presentaban esta mañá, no rexistro do edificio administrativo da Xunta de Galiza, a comunicación da convocatoria de folga indefinida no sector de Residencias privadas da Terceira Idade e Centros de Día, que dará comezo o vindeiro día 17 de marzo, ás 22:00 horas. Ä convocatoria de folga chégase pola vulneración dos acordos económicos e sociais acadados no IV convenio colectivo do sector de residencias en Galiza.
A folga atinxe a unhas 12.000 traballadoras que desenvolven a súa actividade nas residencias da terceira idade (asistidas, non asistidas e mistas), tanto para estadías permanentes como temporais, así como en residencia de día, calquera que sexa a súa denominación.
Segundo explicou ás portas do rexistro a representante da CIG, Beatriz Fernández, a decisión de convocar folga tomouse porque “non vemos saída nin alternativa. A patronal estivo, nestes dous anos, dilatando calquera tipo de negociación, torpedeando todo e decidimos romper a mesa porque non temos alternativa: non hai suba salarial, non hai melloras sociais, non hai nada” .
Mellorar as condicións salariais e laborais
O que demandan é unha suba salarial que se adecúe aos tempos que corren porque o convenio leva caducado dous anos e, como di Fernández, “xa viñamos arrastrando un salario mísero e o imos seguir empeorando”.
Ademais queren melloras nas súas condicións laborais, tan básicas como en conciliación familiar, nas condicións das baixas laborais ou en materia de accidentes laborais porque neste momento “estamos polo Estatuto de Traballadores”, di a representante da CIG.
Lembra o que tiveron que loitar nestes anos de pandemia e entende que se debe ter en conta o esforzo realizado, máis tendo en conta que é un sector moi feminizado.
Empresas que fan negocio a costa das persoas
Beatriz Fernández denuncia que a patronal de residencias está controlada por grandes grupos, como DomusVI. Empresas que fan caixa a custo das persoas usuarias e de manter nunha situación de precariedade ao persoal e que, ademais teñen, moitas delas, concertos coa Xunta de Galiza.
“É un negocio e non debería de ser tal, entendemos que tería que ser un servizo público, pero xa que está, polo menos prestalo o máis dignamente posible para usuarios e usuarias e para o persoal que traballamos nelas”, denuncia.
A usura da patronal chega a tal punto que as empresas negáronse a actualizar as táboas salariais malia a Xunta ter xa actualizados os pagos das persoas usuarias que teñen prazas concertadas ao IPC (+ 6,5%) e as empresas incrementar na factura das persoas usuarias, xa desde o mes de xaneiro, esa porcentaxe.
Por iso teñen solicitadas reunións coa administración galega e mesmo puxéronse denuncias pero “a Xunta mira para outro lado e fai oídos xordos”.
O venres ás 11:00 horas teñen previsto facer entrega dun escrito na Valedora do Pobo por esta cuestión e tramitar a solicitude de xuntanzas cos grupos parlamentares.
De cara as usuarias e usuarios van procurar que a folga non afecte pero témense que as residencias “van impor servizos mínimos abusivos, como en todas as folgas, que serán denunciados, pero o que si pretendemos é visibilizar a situación que ten este sector”, conclúe.