A folga nas Pontes en agosto de 1975: “O momento histórico e a paixón militante”

Miguel Campuzano Álvarez - 27 Xun 2023

Aínda que foi a folga nas Pontes do ano 1975 se localizaba nun enclave en construción no interior de Galiza e non se conseguiron as reivindicacións e ademais houbo moitos despedimentos, tivo unha grande importancia no devir do sindicalismo galego

Introdución e contexto

 A folga nas Pontes coincide no tempo con importantes acontecementos históricos. Dous anos antes, o 20 de decembro de 1973 morre en atentado de ETA o presidente do goberno Luis Carrero Blanco, co que queda imposibilitada a continuidade do réxime ditatorial. Franco está moi enfermo e morre o 20 de novembro dese ano.

 O 25 de abril de 1974 triunfa a Revolución dos Cravos en Portugal.

 En Galiza, o sindicato clandestino con máis presencia era CCOO, con implantación na grande empresa en Ferrol, Vigo e algo na Coruña. Despois das folgas do 72 comezan a artellarse os xermolos do que sería posteriormente o Sindicato Obreiro Galego (SOG). Na UPG, a dirección pasou a estar determinada por xente moza e decidida a agrandar a escasa base obreira e popular. Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) acada nos anos 1974 e 1975 un gran empuxe e espallamento na Universidade de Santiago, e tamén en institutos e escolas universitarias de Galiza. O estudantado galego acada unha alta politización e organización. A UTEG (Unión dos Traballadores do Ensino) expándese, as CCLL (Comisións Labregas) constitúense e a Frente Cultural Galega consegue tamén unha notable implantación en toda a rede cultural do país.

 Xa comezada a folga nas Pontes, prodúcese o asasinato de Moncho Reboiras en Ferrol o 12 de agosto e o réxime fai unha feroz represión contra os militantes e simpatizantes da UPG. Hai detidos e torturados e un grupo numeroso ten que fuxir a Portugal. Tivo unha gran resonancia nos medios de comunicación galegos, estatais e internacionais.

 Existía conciencia de que a ditadura ía caer e entrabamos en proceso de cambio a outro sistema político. A división estaba en se sería por ruptura democrática ou por reforma democrática.

A folga das Pontes de 1975 e a súa importancia para o sindicalismo nacionalista galego

 O enclave da construción da central térmica das Pontes supuxo, dende o ano 1974 ata o 1977, a concentración de ata 6.000 traballadores. Dentro deles había un sector de fixos de empresa, que era o persoal cualificado e mellor pagado, a maioría non galegos; outro sector era de proletariado galego xa especializado que procedía de Ferrol, sobre todo do sector naval, onde se atopaban cadros históricos de CCOO represaliados de Bazán e Astano (Loureiro e Tellado entre eles) e un terceiro sector era procedente das zonas rurais limítrofes ás Pontes que, ou ben eran mozos con pouca experiencia laboral que se encadraba, sobre todo, en empresas do metal, ou ben persoal de máis idade que traballaba nas empresas de construción. O sector máis dinámico e loitador era o que se desprazaba dende Ferrol todos os días nos buses das distintas compañías. Na comarca ferrolá, o sector naval, aínda moi potente naquel momento, comezaba a dar sinais da que sería unha gran crise que sumiría no paro a Ferrol e a comarca durante décadas.

 Outras persoas que dinamizaron o proceso reivindicativo foron fundamentalmente os membros do Partido del Trabajo (PT) que contaba con tres militantes cualificados e bos axitadores, un navarro (José Luis Muruzabal Arlegui), outro castelán (Miguel Bolaños) e outro do Val de Arán. Naquela etapa estaban integrados formalmente en CCOO, pero actuaban con independencia.

 O “modus operandi” sindical do PT era moi similar ao do SOG. Inserirse na realidade da empresa, detectar os abusos, formular reivindicacións e, de non ser atendidas, impulsar a loita por elas. Nese proceso, era vital detectar os traballadores máis dinámicos para ofrecerlles a posibilidade de militar sindical e politicamente. Foi, pois, un momento en que as táboas reivindicativas, as asembleas e folgas estaban á orde do día.

 O sindicalismo nacionalista propugnaba a Unidade Sindical pero, na práctica, a división sindical xa estaba en marcha baixo a filosofía do pluralismo, defendida pola UGT, que foi acollida posteriormente na Lei de Liberdade Sindical.

 Aínda que foi unha folga localizada nun enclave en construción no interior de Galiza e non se conseguiron as reivindicacións e ademais houbo moitos despedimentos, tivo unha grande importancia no devir do sindicalismo galego por dúas razóns esenciais.

 Por unha banda, permitiu a confluencia de dous modos semellantes de impulsar as loitas para un obxectivo de Ruptura Democrática, o que incrementou a súa incidencia, pero ao mesmo tempo evidenciou dous xeitos diferentes de construír o sindicato. O SOG era máis dado a unha entrada selectiva de afiliados, condicionada á concienciación previa sobre os postulados de clase e nacionalistas, por exemplo o uso do idioma. Pola contra, no sindicalismo auspiciado polo PT, aspirábase a unha afiliación directa. Foi, por tanto, un encontro enriquecedor, en pleno debate sobre o modelo unitario ou pluralista que se impoñía, e tivo unha importancia capital na construción do Movemento Sindical Galego.

 Por outra banda, puxo en contacto, como traballadores das empresas, a persoas con certa sintonía sindical como José Luis Muruzabal Arlegui do PT, con outras do SOG como Xosé Manuel Díaz García e Miguel Campuzano Álvarez que facilitaron a futura confluencia entre a Intersindical Nacional Galega (nacida da confluencia entre o SOG e outros sindicatos sectoriais nacionalistas) e a Confederación de Traballadores Galegos (creada a partir dos militantes do PT) dando lugar, en 1981, á Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG), da que nacería posteriormente, despois da fusión coa Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG), a CIG.

 O sindicalismo nacionalista ía collendo peso como alternativa real con persoas de referencia nas empresas e introducía unha dinámica de masas, máis alá do panfleto, pintada ou acción clandestina pasando a ter presenza, falar e dar a cara nas asembleas.

 Inmediatamente despois, establecéronse dinámicas de loita dende o ano 1975 ata o 1981 para organizar folgas sectoriais, lograr convenios vitoriosos e organizar a clase traballadora. Merece destacarse entre outros moitos o caso do convenio colectivo da construción e despois o do transporte na Coruña, o do metal, construción e transporte en Lugo, a madeira en Ourense, a construción e transporte en Pontevedra. O SOG protagonizou en exclusiva as folgas de construción e transporte en Lugo, e a da madeira en Ourense.

 No marco das liberdades que se abrían, a existencia dunha folga, dunha loita obreira masiva, era un éxito en si mesma aínda que non se lograsen as reivindicacións, xa que era unha manifestación de repulsa á ditadura e contribuía a acrecentar a caída desta. Nese sentido, a folga das Pontes tivo un eco moi grande no país e foi das primeiras en dar lugar a un debate sobre o modelo sindical a impulsar.

A intrahistoria

 Tanto Xosé Manuel Díaz, de Lugo, como Miguel Campuzano, de Compostela, eran estudantes organizados en ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos). Xosé Manuel rematara COU no instituto de Lugo, con 17 anos, e Miguel fixera o segundo curso de Filosofía e Ciencias da Educación en Santiago, con 20 anos. Durante a folga viviron nunha pensión en Vilalba, vila onde residía Cristina Baamonde, a parella de Miguel. A dependencia organizativa era de Lugo.

 Dous días antes do inicio da folga tivemos unha xuntanza en Lugo con Elvira Souto, do SOG e UPG. Á vista dos resultados negativos doutras mobilizacións nas compañías auxiliares de Astano, por impulsalas precipitadamente, avaliouse a conveniencia de apoiala ou non. Tiñamos reparo en impulsar unha loita que non tivese saída. Quedamos para facer unhas pintadas no interior da térmica na madrugada do día 6 de agosto e dar a coñecer as siglas do SOG antes da asemblea.

 Para a acción acudiu tamén Lois Ríos. Con buzos facilitados por outros compañeiros burlamos o servizo de vixilancia da empresa e da Garda Civil e deixamos pintadas nos sitios estratéxicos, incluída a cheminea. “SOG”, “ADIANTE O SOG”, “QUE FALE O SOG”.

 Na asemblea do día 6 de agosto algúns membros de CCOO manifestaron o seu desgusto polas pintadas, pero non puideron abondar no ataque pois o tema a tratar era a resposta das empresas á táboa reivindicativa. Por parte do SOG, falamos Xosé Manuel e Miguel para defender que nos parecía precipitado ir á folga. Por parte de CCOO, os seus representantes dixeron que non se debía ir por non haber posibilidades reais de éxito. Por parte dos militantes do PT houbo intervencións ambiguas. O ambiente na asemblea era de loitar e houbo intervencións a favor da folga de persoas non organizadas. A votación foi maioritaria a favor de cesar o traballo para forzar a negociación coas empresas.

 Quedaramos con Lois Ríos para a tarde do día 12 de agosto nunha carballeira próxima ás Pontes para que nos trouxera uns panfletos para espallar. Eran os que estaban imprimindo na vietnamita que tiñan no piso de Ferrol cando os cercou a policía. Lois Ríos e Elvira Souto conseguiron fuxir. Moncho Reboiras, que aquela tarde estaba con eles, foi baleado polas costas na rúa durante a madrugada.

A folga

 A finais de xullo do 1975 comezaron as asembleas dirixidas polos militantes do PT nas que se foi elaborando a táboa reivindicativa. Os traballadores máis activos procedían principalmente de EKAUSEA (construción), Duro Felguera (metal) e WAT (montaxe eléctrica). Outras empresas eran Montajes Nervión, AEG, Depisa, Dragados, Auxini. Foi aprobada a táboa reivindicativa xeral para todas as empresas da montaxe e entregóuselles ás direccións destas cun prazo para responder: o 6 de agosto.

 O ambiente laboral era moi activo; estaban traballando máis de 4.000 persoas nese momento. Cómpre destacar que houbera 10 traballadores mortos por accidente laboral, principalmente por caídas dende as estruturas. Existía tamén bastante malestar polo mal servizo de comedor.

 A táboa de peticións era común para todos os traballadores do complexo:

  1. 6.000 pesetas de aumento salarial lineal
  2. 40 horas de traballo semanais
  3. IRPF e Seguridade Social a cargo da empresa
  4. Axuda económica para os traballadores con fillos en idade escolar
  5. Xubilación aos 55 anos para os traballadores da montaxe pola perigosidade da actividade
  6. Seguridade e Hixiene controlada polos traballadores, elixidos en comités
  7. 100 por cen do salario en caso de accidente e baixa por enfermidade, paro forzoso ou xubilación
  8. Xornada intensiva durante o verán

 Na mañá do 6 de agosto, mércores, os 15 representantes dos traballadores elixidos na reunión dos enlaces sindicais, presentáronse nas instalacións de Endesa e tiveron unha xuntanza coa Inspección de Traballo (Vázquez e Domènech) para que mediasen na negociación. As empresas negáronse a acudir á reunión e a negociar.

 A folga dá comezo ás 2 e media da tarde dese mesmo día, despois de votalo en asemblea. Organizáronse piquetes que percorreron a factoría para informar. Ao día seguinte, á hora de entrada, fíxose unha asemblea e decídese que os enlaces sindicais se dirixisen cada un á súa empresa para concretar en cada unha as posibilidades de negociación. A posición empresarial maioritaria era a de non negociar e consideraron a folga ilegal. O delegado provincial do Sindicato Vertical convocou os representantes das empresas que lle manifestaron que non aceptaban a negociación en conxunto. Fíxose unha nova asemblea ao mediodía onde se informou da marcha do proceso. Ao final da tarde do día 7 de agosto, algunhas empresas publicaron aviso de sancións por “conflito colectivo ilegal” .

 As empresas deron vacacións aos traballadores fixos. O venres día 8 na asemblea da mañá os representantes informaron das xestións realizadas e, ante as ameazas de despedimento por ilegalidade da folga, decidiuse encamiñar as reivindicacións a través dun convenio colectivo e negociar coas empresas a volta ao traballo sen sancións, para o luns día 11 de agosto.

 O domingo 10 de agosto a prensa publicou a nova de que as empresas despiden a 1.250 traballadores alegando que participaran nun paro ilegal. Recoñeceron que o día 8 tiveron contactos cos “enlaces” e “xurados” de empresa que lles expresaron que volverían ao traballo o luns se non había sancións. A actitude empresarial foi motivada polo desexo político de escarmentar e descabezar o potente movemento obreiro que se estaba xestando. Trataron de xustificar as severas deficiencias de seguridade e hixiene, que tantas mortes por accidente laboral tiñan provocado e afirmaron ademais que os salarios eran superiores á media nos traballos da montaxe.

 Fica frustrada a posibilidade de reincorporación ao traballo e só quedaba seguir para adiante. Como a policía impide a entrada na factoría, as asembleas trasládanse á Casa Sindical das Pontes.

 O martes 12 de agosto de 1975, á chegada dos autobuses de Ferrol, tanto Xosé Manuel como Miguel notamos algo estraño na xente; un membro de CCOO contounos que houbo un tiroteo no centro de Ferrol e que asasinaran a unha persoa, que fora unha carnicería. Non tiña máis datos pero parecía algo político pola gran presenza de policía e garda civil e as medidas de control posteriores. Sospeitaban que podía ser unha persoa da UPG.

 Na asemblea da mañá o ambiente estaba moi tenso. Xosé Manuel e Miguel intervimos chamando a facer unha manifestación pola vila para evidenciar a protesta e a repulsa do Réxime. Os dirixentes de CCOO opuxéronse. Os temas tratados a continuación foron os de manter a folga ata a readmisión de todas os cadros de persoal, seguir asistindo ás Pontes todos os días e facer asemblea, formular as demandas por despedimento na “Organización Sindical”, e seguir intentando o diálogo coas empresas co fin de buscar unha solución.

 A partir de aquí entrouse nunha rutina de asemblea diaria na Casa Sindical das Pontes ás 10.30 da mañá á que asistiamos unhas duascentas persoas e onde o grupo dominante era o de Ferrol. A dirección das asembleas tomouna CCOO. Os cadros históricos deixaron a unha persoa de segunda fila á fronte e só interviñan cando era necesario encarreirar algún tema. Sabían que a loita estaba perdida. As persoas do PC, máis numerosas e curtidas nas asembleas e técnicas de “roda” e control das asembleas, acaparaban as palabras e a xente do PT e nós tiñamos menos protagonismo.

 Malia as recomendacións, as demandas xudiciais contra os despedimentos foron pouco numerosas. Si as realizaron os enlaces e xurados de empresa. Meses despois seríanlles estimadas na Maxistratura de Traballo porque non houbo incitación á folga por parte deles e gozaban de garantías sindicais. Nesa altura, a non readmisión da maioría estaba sentenciada.

 Un fito importante, ao final da folga, foi a subida de dous membros do PT (Muruzabal e Bolaños) ao cumio da cheminea da central térmica. Tivo resonancia nos medios de comunicación. Pretendían dar o último toque antes do remate, e quedou como símbolo de resistencia na memoria colectiva.

 A folga finou nos últimos días de agosto. Tanto Xosé Manuel como Miguel decidimos meternos de cheo no mundo obreiro. A experiencia serviu para decantarnos por militar neste eido que consideramos clave para o proceso de liberación nacional galego desde a militancia comunista que impulsabamos dende a UPG. Buscamos sen éxito traballo no sector naval en Ferrol. Despois Xosé Manuel foi para Lugo e Miguel para Santiago a seguir estudando un curso máis, militando en ERGA e no SOG xa que traballaba nunha pequena empresa de hostelería. Nos anos 1976 e 1977 volvémonos atopar, Xosé Manuel en Lugo e Miguel na Mariña, en Viveiro, na organización do SOG, e nos convenios colectivos provinciais do metal e da construción.

 O movemento sindical continuou activo na montaxe da central térmica e posteriormente en ENDESA. Desgraciadamente, aínda houbo algunhas mortes máis por accidente laboral. Os salarios foron mellorando. Aquela loita foi, sen dúbida, unha escola de sindicalismo e de formación de clase obreira. Outros compañeiros que pasaron por alí máis tarde e tiveron significación no movemento sindical foron Bernardo Fernández Requeixo (que foi secretario xeral das Comisións Labregas -CCLL-) ou Xesús Arrizado Yáñez, que tivo un destacado protagonismo nas folgas de construción e de Alúmina-Aluminio en 1977, e que nos anos 80 foi secretario da INTG en Lugo.

 Xosé Manuel Díaz tivo un papel destacado tanto a nivel nacional (era membro do secretariado nacional) como comarcal, por ser secretario provincial do SOG e despois da ING en Lugo. Foi organizador destacado da folga da construción provincial, na que se pasou a realizar, por primeira vez, un proceso de afiliación sindical masiva con carnés do SOG. Estudou dereito e é funcionario da Xunta de Galicia.

 Miguel Campuzano foi clave na folga da construción no norte de Lugo, máis en concreto na zona de Viveiro e tamén foi secretario local de zona ata 1978. Posteriormente pasou á Coruña onde foi responsable do Sindicato Galego dos Traballadores do Mar (SGTM) e membro do secretariado nacional da INTG ata 1988 como responsable de formación e propaganda. Rematou a carreira, e máis tarde, foi profesor de ensino secundario.

 José Luis Muruzabal Arlegui, falecido prematuramente en 2013, despois dunha longa enfermidade, foi un dos principais fundadores da CSUT. Deixou os estudos en Navarra para dedicarse de cheo á causa obreira. Era unha persoa de gran capacidade e dinamismo, que dirixiu as folgas de construción e do transporte na Coruña e tamén en Pontevedra. A súa posición foi determinante para a confluencia da CTG coa ING, creando a INTG, que foi antecedente da CIG. Posteriormente estudaría dereito e dedicouse á avogacía.

 Lois Ríos foi posteriormente secretario comarcal de Ferrol e logo secretario xeral da ING-INTG ata 1984. Estudou posteriormente dereito, exerceu avogacía e foi profesor de ensino secundario. Elvira Souto foi secretaria xeral da UPG e traballou como profesora universitaria na facultade de Filoloxía. Estas persoas, como Moncho Reboiras, que fixera enxeñería técnica, deixaron os estudos e carreiras no seu momento, para dedicárense exclusivamente á causa política e sindical.

 

[Galiza, xuño de 2023]