A folga polos despidos en Vodafone mantén pechadas as tendas de Vigo e Coruña
As xornadas de folga de 24 horas que os comités de Vodafone están a convocar a nivel estatal contra os despidos manteñen pechadas as tendas de Vigo e da Coruña, tal e como sucedeu o pasado luns e hoxe mesmo. Dende a FGAMT-CIG amosan o seu rexeitamento ao ERE extintivo para 1125 empregados/as no conxunto do Estado, 32 deles/as en Vigo e oito na Coruña .
O persoal galego de Vodafone, con centros de traballo en Vigo e na Coruña, aproveitou a nova xornada de folga convocada hoxe para desenvolver protestas. No caso de Vigo levaron a cabo unha concentración no farol de Urzaiz, mentres que na Coruña mobilizáronse diante da tenda.
As tendas de ambas as dúas cidades permaneceron pechadas como consecuencia dun paro de 24 horas que volveu a ter un amplo seguimento entre o cadro de persoal, o que tamén está a afectar a actividade da compañía.
As mobilizacións continuarán este sábado día 16, cando empregados/as de Vodafone de todo o Estado acudirán a Madrid para desenvolver unha marcha entre as tendas da rúa Fincárela e da Porta do Sol. O obxectivo é lograr que a dirección da compañía desista de aplicar un ERE que afectaría o 22% do cadro de persoal.
Rexeitamento do ERE
Dende a FGAMT-CIG amosaron o seu total rexeitamento ao ERE extintivo anunciado por Vodafone, medida que consideran totalmente inxustificada nunha empresa que ten beneficios a pesar de que a dirección argumenta que é necesario para facerlle fronte á caída de ingresos derivada do aumento das ofertas de baixo custe.
Na central entenden que a situación da compañía non é responsabilidade dos traballadores/as, polo que non poden ser eles/as os que padezan as consecuencias do plan de aforro de custes anunciado polo conselleiro delegado de Vodafone a comezos do pasado mes de xaneiro.
Lembran que o que agora se está a negociar é xa o terceiro ERE que a compañía presenta dende 2013, e que xa en 2012 presentara un ERTE. Como consecuencia destas medidas perderon o seu emprego un total de 1810 persoas no conxunto do Estado, das que 70 traballaban en Galiza. Neste tempo o cadro de persoal aceptou tamén reducir a xornada, as pagas variábeis e os incentivos.