A folga do transporte de SOGAMA arrinca coa negativa da empresa a abordar a readmisión do persoal despedido
Malia os abusivos servizos mínimos impostos pola Consellaría de Medio Ambiente, dende ás 00:00 deste luns 15 de abril, os traballadores e traballadoras do servizo de transporte de Residuos Sólidos Urbanos de SOGAMA, subcontratado a Transportes Pacholo S.L, están en folga indefinida para esixir o remate da precariedade, o cese do acoso laboral e a readmisión dos oito compañeiros despedidos.
Coincidindo coa primeira xornada de folga, a representación social estaba convocada a unha xuntanza no Consello Galego de Relacións Laborais para buscar unha saída ao conflito, pero a empresa boicoteou calquera posíbel achegamento ao negarse rotundamente a abordar a readmisión dos traballadores despedidos. "Nós estamos dispostos/as a falar de todo coa empresa, coa condición de que unha das cuestións que se poña enriba da mesa sexa a reincorporación do persoal despedido, algo ao que Transportes Pacholo se nega en redondo", denuncia Inácio Pavón, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Santiago.
Deste xeito, a reunión durou apenas 20 minutos, tras do que un grupo de traballadores iniciou un peche no Concello de Ordes en protesta pola falta de vontade negociadora da empresa e para pedir tamén a mediación do goberno municipal no conflito.
Subcontratación para precarizar as condicións laborais
Non obstante, Pavón explica que esta non é unha problemática que afecte en exclusiva a Transportes Pacholo, xa que esta é unha subcontrata da UTE formada por COPASA, RENFE e LOGIRAIL que gañou o concurso de transporte de residuos de SOGAMA, no que foi o contrato público máis elevado na pasada lexislatura do goberno de Núñez Feijoo, con 140 millóns de euros. "Este conflito deriva do deseño de contratas do transporte de lixo argallado pola UTE coa conivencia de SOGAMA e a Xunta do Partido Popular, que só busca precarizar as condicións de traballo para maximizar os beneficios empresariais a conta do financiamento público", advirte.
Lembra que desde o primeiro día esta UTE subcontratou o servizo a Transportes Pacholo SL, sen experiencia neste sector e que nese momento se atopaba en concurso de acredores. A operación incluíu tamén a sinatura dun convenio propio, un mes antes de coller a concesión, que rebaixaba os salarios nun 40%. Os traballadores procedentes da anterior contrata conseguiron mellorar as súas condicións laborais a través dun laudo arbitral que ditaminou a existencia de subrogación e o mantemento das condicións anteriores.
A partir dese momento o empeño da empresa foi dividir a este colectivo de todos os demais traballadores que foran contratados directamente por Transportes Pacholo e no marco da denuncia desta situación, como escarmento, executáronse os oito despedimentos.
Servizos mínimos abusivos
O representante sindical denuncia tamén os abusivos servizos mínimos impostos pola Consellaría de Medio Ambiente, que estableceu para as xornadas de folga o mesmo número de traballadores/as que en xornadas normais e, durante a Semana Santa, máis traballadores dos que terían que estar operativos en función do cuadrante existente na empresa.
Porén, para os cálculos da actividade, a Consellaría non tivo en conta que nunha xornada normal un terzo do cadro de persoal está de libranza e os outros dous terzos traballan nas outras dúas quendas. Ademais, o listado de persoal que facilitou a empresa incluía mesmo os propietarios e o Xerente.
"Con este decreto de servizos mínimos, que impón unha actividade do 73% para Semana Santa e do 61% para o resto dos días, na práctica a Xunta está impedindo o exercicio do dereito á fola destes traballadores e traballadoras", critica. Diante desta vulneración dos dereitos fundamentais, o persoal acordou levar as súas reivindicacións a todos os actos de campaña do PP nos que participen Núñez Feijoo ou a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, e obrigar así a Administración a ter unha implicación directa neste conflito.
Presenza nos actos de campaña do PP
Deste xeito, durante a fin de semana os/as traballadores/as achegáronse o sábado pola mañá até a Praza de Abastos de Santiago, a seguir foron a Teo e pola tarde desprazáronse até Lugo, onde Feijoo participaba nun mitin. Grazas a presión da protesta, conseguiuse forzar unha reunión co Presidente a Xunta, a quen lle reclamaron a modificación do decreto de servizos mínimos e a intervención da Administración galega no conflito, tendo en conta que a precariedade laboral instalada no transporte dos residuos vén derivada do deseño de subcontratas feito por SOGAMA e a propia Xunta. Pola súa banda, Feijoo limitouse a botar balóns fóra aducindo que non pode mediar porque se trata dun conflito laboral cunha empresa privada.
Na mañá do domingo, o persoal acudiu á parroquia de Nemenzo, en Santiago, para participar noutro acto electoral do Partido Popular, mentes que pola tarde realizaron unha concentración diante da Peregrina de Pontevedra.
Sobre os próximos actos de protesta, Inácio Pavón advertiulle ao PP que "seguiremos participando na súa campaña mentres non se resolva o conflito laboral no transporte SOGAMA" e criticou a oportunidade perdida que supuxo a reunión deste mañá no Consello Galego de Relacións Laborais, "que só leva a unha intensificación do conflito".