A folga de setembro (de 1972 en Vigo) sementou o cambio

Manuel Mera - 12 Set 2022

Pódese afirmar que a folga de setembro de 1972 foi unha derrota transitoria (tamén a de Ferrol), porén un triunfo político, que aumentou as contradicións do pobo co réxime e o grao de conciencia política, daquela a rapidez coa que volveron a se manifestar as accións de protesta e a amplitude que estas acadaron

 O 11 de setembro de 1972, ou sexa, fai hoxe medio século, comezaba unha folga na Citroën de Vigo, que ese mesmo día estendeuse a outras empresas da cidade e con enorme rapidez a gran parte da comarca durante dúas semanas. Nese período houbo unha forte represión policial, e despedimentos masivos, dos que se concretaron máis 400 (foron enviadas 6.000 cartas). É lóxico polo tanto que esta sexa unha data que mereza unha lembranza moi especial por parte do sindicalismo galego, e moi especificamente da CIG. Xa que a folga, como as súas consecuencias, foron as que lle deron un empuxe definitivo tanto ao nacemento do sindicalismo nacionalista como á súa rápida expansión no movemento obreiro.

 Por este motivo a central nacionalista ademais de presentar un vídeo sobre o tema o vindeiro dia 13, e o 22 tamén vai realizar unha manifestación nacional na cidade en Vigo. Eventos nos que se unirá a lembranza-recoñecemento a aquela folga valente e as reivindicacións do momento, comezando pola recuperación dos salarios, impedir os despedimentos,... Trátase de evitar que esta crise programada a pague máis unha vez a clase traballadora, boa parte das persoas autónomas, co agravante de que o noso país ten un papel dependente e secundario na cadea de valor.

 No ano 1972 foron CCOO e Organización Obreira (OO) as forzas sindicais que levaron adiante o conflito, a primeira polo seu peso e organización nas empresas, a segunda porque foi a forza de choque que dinamizou as mobilizacións, disputándolle a rúa ás forzas represivas (viñeron grises de Valladolid e gardas civís de todos os concellos da contorna). Tamén houbo participación do nacionalismo, a nivel individual no caso da UPG, máis estruturada en Galicia Socialista (aínda que reducida a Citroën e pouco máis). A Unión do Povo Galego, especialmente Reboiras, mantería relacións con OO, do cal un sector anos despois integraríase no SOG. Galicia Socialista formaría parte dende o inicio da Fronte Obreira da UPG.

 Mais neste artigo non quero facer referencia ao acontecido na folga senón centrarme en tirar algunhas conclusións sobre o que significou para o pobo, para a clase traballadora, e o nacionalismo galego, tanto no conflito como seus efectos posteriores.

 1.- En Vigo en maio (folga de varios días en Barreras, e solidariamente noutras empresas) "houbo un avance cualitativo na toma de conciencia proletaria, con actitudes claras de vangardismo político que significaron unha reflexión da UPG, reflexións que nalgúns aspectos e nalgúns dos seus militantes viña de lonxe (...) polo que cismaron na necesidade de ampliar as formas de loita, na necesidade de afondar na definición da UPG como partido comunista", (O sindicalismo Nacionalista Galego 1972-1982, CIG, Bernardo Máiz Vázquez). Ou sexa, a dura represión policial e patronal no Ferrol e comarca non condicionou a resposta sindical e social en Vigo (malia que en marzo nas mobilizacións solidarias houbese detidos na cidade). O que indica o nivel de conciencia así como a existencia dunha vangarda sindical e política significativa e prestixiada (neste aspecto todo indica que foi positiva a constitución de OO; da ruptura das mocidades do partido co PCE en 1971.

 2.- "Na folga xeral implicáronse sectores sociais non afectados directamente, manifestacións acotío, barricadas e 'saltos' respondidos cunha fortísima represión (...) O saldo final deixou máis de 400 persoas represaliadas laboral e/ou penalmente, e unha conciencia que transcendía a reivindicación puramente laboral, desbordando amplamente pola esquerda a CCOO e ao PCE e abrindo camiño (especialmente por obra de Organización Obreira) a posicións revolucionarias" (Bernardo Máiz). Resultou evidente co PCE non estaba preparado para a represión posterior, como ademais lle aconteceu en Ferrol e comarca, amosando que a liña de conseguir un acordo cos sectores máis liberais do réxime, creara falsas expectativas respecto da conxuntura. Tampouco OO tiña o corpo militante suficiente como para sobrevivir como proxecto de masas e manter a unidade, despois da dura represión (activistas detidos, fuxidos...), algúns retornaron a CCOO.

 3.- Aínda que o movemento obreiro galego xa en 1975 estaba a realizar mobilizacións, como na central térmica de As Pontes, estas protestas terían un carácter máis masivo en 1976 e 1977 e abranguerían a toda a nación galega. Mesmo en sectores sen unha gran afiliación e antecedentes, onde o sindicalismo nacionalista e escisións de CCOO foron quen de contemplar as potencialidades reivindicativas e mobilizadoras (construción, transporte, madeira, etc.). Amosando que a UPG fixo unha caracterización correcta respecto da vinculación entre clase e nación na realidade galega, e das potencialidades de mobilización e organización na clase traballadora malia a represión e mesmo en sectores sen tradición na loita reivindicativa e a prol da democracia. Pódese afirmar que a folga de setembro de 1972 foi unha derrota transitoria (tamén a de Ferrol), porén un triunfo político, que aumentou as contradicións do pobo co réxime e o grao de conciencia política, daquela a rapidez coa que volveron a se manifestar as accións de protesta e a amplitude que estas acadaron.

 Axudou neste pulo do movemento popular galego, tanto o medre das contradicións de clase e democráticas, como a necesidade obxectiva de contar con organizacións que recolleran a cuestión nacional. Neste éxito non se pode esquecer a colaboración entre as estruturas sindicais obreiras, ERGA, as CCLL... Daquela, malia a dura represión do momento, o acertado da constitución do Fronte Obreiro, primeiro (en 1973), dos xermolos sindicais logo (en 1974), e en 1974-1975 de sindicatos específicos (como foron a UTEG o SOG, SGTM, UTBG, UTSG,...), e por último a constitución e legalización da Intersindical Nacional Galega en 1977. Que por certo, daría lugar a dous importantes debates internos, moi ligados entre si. Por unha banda a desafiliación do SOG da Fronte Política do Movemento Nacional Popular Galego (A ANPG), para constituír sindicatos de masas que foran para alén da fronte, ao que se lle sumaron as diverxencias respecto da constitución da ING. Pasos necesarios para presentarse ás eleccións sindicais e ter representación legal nas empresas, dado que xa se impuxera o "pluralismo sindical" (CCOO, UGT, USO...), mais fundamentalmente, nas decisións propias, atinxir o máximo de autoorganización do pobo galego.

 No fondo destes debates estaba e está en como se aplica na práctica a política de fronte, a alianza das clases populares (e se existe ou non burguesía nacional nese país en concreto), así como o papel de cada organización na sociedade, incluíndo o partido e o sindicato, na loita de clases e nacional, e como se debe desenvolver a folla de ruta. A respecto da constitución da central sindical (e calquera outra organización) trátase de entender que a autoorganización non é só un obxectivo, senón tamén un principio, porque depende exclusivamente de nós realizalo hoxe, por exemplo no plano nacional respecto do ámbito de decisión (hai moitas incoherencias neste tema, mesmo por parte de forzas seica independentistas, mais este é un tema que merece un artigo aparte).

 

[Artigo tirado do sitio web de Nós Diario, do 11 de setembro de 2022]