Máis do 90% das traballadoras e traballadores de Atento secundan a folga de 24 horas
Malia as presións da dirección para tentar desmobilizar o persoal, a folga de 24 horas convocadas para este luns día 17 na plataforma de Atento A Coruña está a ser un éxito, pois durante a quenda de noite o seguimento foi do 99%, mentres que na quenda de mañá rexístrase un paro do 90%. Deste xeito, as traballadoras e os traballadoras lánzalle unha mensaxe clara á empresa: a disposición a continuar na loita até que se respecten os seus dereitos e se dea resposta á plataforma reivindicativa.
As cifras de participación na folga demostran o farto que está o persoal das prácticas de Atento, pois nin as presións da dirección "nin as mentiras e as chantaxes" coas que tentou desmobilizar o persoal deron resultado. Á contra, os traballadores e as traballadoras responden as coaccións e as presións con máis loita para esixirlle á empresa que, dunha vez, dea reposta ás súas reivindicacións.
Unhas demandas que pasan por:
- cese inmediato dos despedimentos por enfermidade e dos despedimentos sen causa -e que sempre acaban sendo recoñecidos como improcedentes por Atento-
- cese das ameazas e sancións por non acadar os obxectivos impostos de maneira unilateral pola empresa, especialmente os relacionados co procedemento "xestión do desempeño", así como os controis excesivos.
- que se dea audiencia á representación do persoal antes da imposición de calquera sanción.
- que a empresa actúe sobre a Mutua Fraternidad para que a entidade deixe de exercer presións sobre os traballadores e traballadoras para que acurten as baixas por IT.
- a posta en marcha dun procedemento eficaz de xestión das vacacións.
- aplicación de medidas en materia de prevención de riscos psicosociais que permitan unha administración racionalizada das cargas de traballo como o estabelecemento dun tempo mínimo entre chamadas, tempo administración suficiente para completar as xestións e garantir o correcto funcionamento das aplicacións.
- negociar coa representación social unha planificación das formacións.