A folga da xustiza cumpre 69 días rexistrando unha media de seguimento do 80%
O comité de folga de xustiza compareceu este luns en rolda de prensa para facer balance global do conflito tras máis de dous meses dende o inicio da folga indefinida, anunciar as iniciativas a desenvolver nos próximos días e apelar á Xunta para que, dunha vez, sente negociar con vontade real de chegar a entendementos.
A comparecencia produciuse ao remate da asemblea celebrada no antigo edificio da Audiencia provincial da Coruña na que participaron todos os membros do comité de folga, que posteriormente se trasladaron a Ferrol para manter unha xuntanza co persoal de xustiza desa comarca. Esta é unha das medidas que a representación social acordou realizar ao longo desta semana, de maneira que mañá, martes, haberá asembleas do comité en Ourense e Lugo e o mércores terán lugar nas cidades de Vigo e Pontevedra.
Escrito á Consellaría de Xustiza
Dende o comité explicaron que tamén se remitiu un novo escrito ao conselleiro de Xustiza solicitando que poña data para continuar coas negociacións, toda vez que a convocatoria da mesa formulada o pasado venres pola parte social tivo como resposta a incomparecencia da administración. "E presentaremos un novo escrito cada día até que senten negociar, porque nós si temos disposición permanente para negociar", advertiuse.
Neste liña, reiterouse a petición de dimisión de Alfonso Rueda, "o gran desaparecido" neste conflito, "pois resulta evidente que non ten intención de negociar". Unha postura contra da que destacaron a flexibilidade amosada polos traballadores e traballadoras "que comezamos reclamando 400€ de suba no CAT e asumimos rebaixar a petición até os 180€". "Queremos chegar a unha solución, esa é a nosa vontade, e poder regresar aos nosos postos de traballo con normalidade", valoraron.
Loitas internas no PP
Así mesmo, na rolda de prensa informouse que se está a traballar para crear unha mesa de operadores xurídicos que tería como obxectivo abordar as consecuencias do conflito na cidadanía.
A este respecto, o comité de folga foi moi crítico coa falta de vontade negociadora e a prepotencia amosada pola Xunta dende o inicio do conflito aló polo mes de setembro, negando en todo momento as discriminacións laborais e salariais do persoal de xustiza con respecto a outro persoal dos xulgados ou aos/ás traballadores/as doutras comunidades. "Ao final tiveron que recoñecer que si existían xa que o propio Parlamento galego lle deu o mandato á Xunta de rematar con estas discriminacións", sinalaron.
Volveron rexeitar o abandono unilateral por parte da administración da mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, suprimindo das negociacións o ámbito no que se estaban a producir pequenos entendemos e metendo na mesa a Consellaría de Facenda, momento no que as conversas racharon ante a actitude soberbia e os menosprezos por parte do director xeral de Función Pública.
Neste senso, o comité de folga entende que se está a utilizar este conflito como arma nas loitas internas do PP pola sucesión de Feijoo. Polo que, subliñaron, se isto é verdade, o Partido Popular deberá explicarlle ás galegas e aos galegos o secuestro dun servizo público como a xustiza durante meses "por unha cuestión interna do seu partido".
En todo caso, subliñaron que pasados 69 días do inicio da folga "o seguimento segue a ser espectacular, cunha media diaria do 80% que é superada en cidades como Vigo, Pontevedra ou Ourense". "E seguiremos loitando até rematar coas discriminacións", apuntaron.
Rematar coas discriminacións e reforzar o servizo público
Na comparecencia para os medios, recordouse que entre os anos 2013 e 2016 a Xunta aplicou un durísimo recorte do complemento autonómico transitorio, que supuxo perdas salariais de ente 3.400 e 10.000 euros por traballador/a. Ademais, o CAT que percibe o persoal da xustiza galega- a parte da nómina que abona a Xunta- é o segundo máis baixo das comunidades con competencias transferidas. Xunto a isto, aplícanse descontos salariais ao persoal por estar de baixa por enfermidade común, que non se aplican a outro persoal dos xulgados (como xuíces/xuízas, fiscais ou letrados/as) ou noutras comunidades. Ademais, en Galiza non se abona o 100% das substitucións verticais.
Pero tan importante como as cuestións económicas, a plataforma reivindicativa recolle medidas para reverter o brutal recorte de emprego posto en marcha pola Xunta, cun plan de amortización de 106 prazas (o que supón o 5% do cadro de persoal total) que nos últimos anos provocou un deterioro do servizo, agravando o colapso que sufre a xustiza galega. Este recorte afecta a todos os servizos e xulgados pero ten unha especial incidencia nos xulgados de paz, que se atopan baixo mínimos.
Para enfrontar este recorte de persoal, a representación social reclama tamén que se consoliden as prazas de reforzo con máis de tres anos de antigüidade, pois fica claro que non teñen un carácter temporal senón que xa son estruturais.