A folga da limpeza da Coruña converterase nun problema de orde pública se non se garante o seu exercicio ao persoal
Os representantes da CIG, Paulo Rubido, UGT, Juan Carreira e CCOO, Alejandra Gesto, integrantes do comité de folga do sector da limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña, compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar a actitude da patronal; anunciar a presentación dun recurso contra os servizos mínimos abusivos decretados pola administración e advertir que, de non se garantir o dereito constitucional á folga das traballadoras e traballadores, converterán o conflito nun problema de orde pública.
Arredor dun 95% do persoal do sector de limpeza son mulleres. Na súa inmensa maioría teñen contratos a tempo parcial e os seus salarios apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional aínda que a maioría ingresan anualmente entre 8.000 e 10.000 €. Unha situación que non padecen a meirande parte dos seus compañeiros homes, que copan a maioría dos contratos a xornada completa e teñen, polo tanto, aínda que baixos, mellores salarios.
Mulleres que, segundo explicaron, practicamente nin teñen dereito a optar a unha xubilación, por mor do seu tipo de contrato e que viven nunha precariedade “absolutamente infame”. Traballadoras que, en moitos casos, para poder ter un salario minimamente digno “teñen que comezar a súa xornada laboral as 6:00 e a rematan ás 20:00 ou 22:00 horas” porque, como denunciou Rubido, “pásanse o día traballando para bastantes empresas, tendo que realizar desprazamentos dunha empresa a outra sen que ese tempo de desparazamento teña a consideración de retribuído”.
Patronal usureira e avara
Fronte outros sectores nos que a crise sanitaria derivou nunha grave crise económica, como nos da hostalería ou do comercio, a patronal de limpeza viu como se incrementaba a súa facturación ao converterse nun sector esencial na loita contra a covid e reforzarse os traballos de desinfección tanto nos locais públicos como nos privados.
Por iso na rolda de prensa o comité de folga asegurou que a patronal, á que cualificaron como “usureira” e “avara”, “non pode alegar que a situación de pandemia afectou a todo o mundo” cando afrontan a negociación do convenio colectivo dun sector precarizado como este desde unha posición “mesmo ventaxosa”.
Nese sentido o representante da CIG, Paulo Rubido, asegurou que a patronal de limpeza viu incrementado exponencialmente o seu volume de negocio, na medida en que todos os servizos de limpeza que realizaba en todos os locais víronse incrementados e, polo tanto, pasou a ter un incremento de horas de contratación.
Porén, denunciaron que lonxe de recoñecer o dobre esforzo que tivo que facer o persoal nos momentos máis duros da pandemia, e que segue a facer agora, esa patronal négase a aceptar uns incrementos salariais dignos até o punto de ofrecer un incremento, para o ano 2020, do 0% e tan só do un 1% para 2021. Incrementos que van acompañados, ademais, de recortes de dereitos, como o de xubilación anticipada ou o de incrementar a súa xornada cando existe unha vacante.
Novas xornadas de folga para os días 11 e 12 de maio
Por iso, aínda que estaba prevista inicialmente unha única xornada de folga este xoves, día 22 de abril, o comité de folga anunciou a convocatoria doutras dúas xornadas de folga consecutivas para os días 11 e 12 de maio, advertindo de que “no caso de non ser atendidas as nosas reivindicacións, máis xornadas de folga haberá”.
A este respecto Rubido sinalou que “as centrais sindicais somos perfectamente conscientes do que representa neste momento realizar unha convocatoria de folga nun servizo que é máis esencial que nunca, pero malia ter mantido xuntanzas abondo coa patronal para intentar desbloquear esta situación, foi imposible”.
Tampouco foron escoitadas as súas demandas por parte das grandes contratantes destas empresas: as administracións, coas que contactaron para que presionaran á patronal para desbloquear a situación, pero que non amosaron ningún interese.
Por iso denunciaron o papel da administración autonómica que “volve ubicarse do lado dos poderosos, do lado dos empresarios, do lado daqueles que gañan cartos e non queren distribuílos co seu persoal, que é que pon a cara e quen se viu afectado en moitos casos pola propia enfermidade”.
Recurso contra uns servizos mínimos abusivos
O DOG publica hoxe, a dous días vista da folga, uns servizos mínimos que, tal e como denunciaron “imposibilitan de facto”, en moitos centros de traballo, poder exercer o dereito constitucional á folga, cunhas condicións que o representante da CIG cualificou de “absolutamente impresentables”.
Neste sentido asegurou que non é de recibo que o SERGAS, unha vez atendidas as alegacións que presentaron cando se lles pasou o borrador, “limite as tarefas a realizar nos centros hospitalarios a aquelas directamente relacionadas coas desinfeccións, mentres que no departamento que dirixe o señor Alfonso Rueda non contempla para nada esta situación e prevé a realización dunha limpeza completa, total e normal como calquera outro día”.
Problema de orde pública
Diante desta situación advertiron aos responsábeis da administración autonómica que “se se lle impide exercer o lexítimo dereito de folga aos traballadores e traballadoras dun sector que o que quere é defender, manter e progresar nos seus dereitos laborais, imos converter o que debería ser un problema laboral e circunscrito a ese ámbito, nun problema de orde pública, porque nos obriga a ter que realizar concentracións, mobilizacións e actuacións que ao final van prexudicar ao conxunto da cidadanía da provincia da Coruña”.
Responsabilizaron á administración de obrigar ao sector a tomar este camiño cando “nós o que queremos é que as traballadoras e traballadores do sector poidan exercer libremente o seu dereito de folga e desa forma presionen ás empresas que son as que impiden que se poida ter un convenio colectivo cunhas condicións dignas”.
As centrais sindicais teñen claro que “só pararemos nas nosas reivindicacións, nas nosas convocatorias de folga, e por moitos obstáculos que nos poña a propia administración autonómica galega, cando a patronal da limpeza da Coruña ceda e estableza propostas de negociación que sexan minimamente dignas e cribles nos tempos que corren”.