A folga convocada pola CIG no metal pontevedrés paraliza o naval e supera o 60% no resto do sector
A folga de media xornada convocada hoxe pola CIG no metal pontevedrés para rexeitar o convenio provincial asinado por CCOO e UGT e as patronais Asime, Atra e Instalectra paralizou totalmente a actividade no naval e tivo unha incidencia do 60% no resto do sector. Moitos/as destes/as traballadores/as participaron na manifestación que percorreu Beiramar dende Bouzas até o edificio da Xunta, onde se deron cita máis de medio milleiro de persoas.
O paro foi do 100% nos estaleiros e nas empresas auxiliares do naval, tanto na construción como na reparación, mentres que no resto do metal atinxiu un 60%. Empresas como GKN, a segunda maior da automoción despois de PSA Citroën, Grupo Ganain ou Talleres Ganomagoga tiveron que paralizar a actividade. No caso de GKN, aínda que a a empresa non se rexe polo convenio do metal, si o fan os traballadores/as das subcontratas, como por exemplo a que se encarga da loxística, Senior, na que secundou a folga a práctica totalidade dos arredor de 80 empregados/as, o que obrigou a paralizar a produción.
A folga tamén se deixou notar no sector da elevación, en empresas de ascensores como Enor ou Schindler, así como no sector do mantemento industrial, nos talleres de reparación de automóbiles e nos concesionarios.
A xornada comezou cunha asemblea de delegados/as da CIG en Bouzas, na que se deron cita máis de 150 persoas e na que interviron o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal de Vigo, Alberto Gonçalves. Por volta das 11:30 horas arrincou a manifestación, que foi recollendo traballadores/as que abandonaban o seus postos para participar na mobilización. Unha vez diante da delegación da Xunta tomaron a palabra o secretario xeral o responsábel comarcal da federación de Industria, Xulio Fernández.
No caso da cidade de Pontevedra, a CIG desenvolveu tamén unha concentración na Praza da Peregrina, mentres que en Vilagarcía a protesta tivo lugar na rúa Castelao, fronte aos locais dos sindicatos.
Carril incidiu en que a xornada de folga é o inicio dunha etapa na que día a día a central sindical lembrará a traizón que CCOO e UGT cometeron neste convenio colectivo. “Para nós é imperdoábel, e así o faremos saber a diario até que cheguemos ao seguinte convenio e logremos botalo abaixo”. Lembrou que despois de que o PP e o PSOE aprobasen as reformas laborais a CIG está a facer o imposíbel en cada centro de traballo para impedir a aplicación desas políticas lesivas para os intereses da clase traballadora. “Pois esa mesma receita é a que lle imos aplicar a CCOO e UGT a partir de agora”.
O máximo responsábel da central sindical dixo que non podemos permitir que nos rouben o dereito á folga, á mobilización, pero tampouco o dereito a ter unhas condicións laborais e de vida dignas. “Foron moitos anos de loita para conseguir o convenio que agora, pouco a pouco, veñen desmantelando dende o ano 2009. Estano a facer da forma máis covarde, non só con escurantismo, non só a costa dos traballadores/as, senón incidindo nos aspectos máis lesivos para a maioría social”.
Sinalou que a precariedade e a pobreza laboral é onde se ceba a patronal para roubarnos o salario, e é precisamente aí onde máis servís son CCOO e UGT, “permitindo que a patronal siga a acumular riqueza a conta da nosa miseria, como estamos a ver no conxunto dos sectores, especialmente no metal de Pontevedra”.
Por iso fixo un chamamento a iniciar un proceso de acumulación de forzas para impedir que boten por terra toda a loita que desenvocou no convenio “que agora queren roubarnos”. Porque, segundo indicou, o que renuncia á loita, á mobilización, está a renunciar a convenios dignos. “Non hai dereito conquistado que non sexa a base de loita e de mobilización”. E considerou importante que os máis vellos do sector, os que protagonizaron as históricas folgas do metal, lle conten aos novos o que significa a loita e a unidade de clase que representa o sindicalismo nacionalista.
Ao mesmo tempo, preguntouse que credibilidade teñen os sindicatos que se venden á patronal, os que comparten o 1º de Maio con membros do Goberno, cos que gobernan ao servizo da patronal, cos que non derogan as reformas laborais. “Por iso con esta folga comezamos unha conta atrás; as portas están abertas, a unidade da clase aquí se expresa, e non o esquezamos nunca: organización, loita, folga e mobilización. “O convenio é noso e non imos permitir que nolo rouben”, rematou.
Entrada das ETT no sector
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Industria fixo un repaso do proceso negociador do convenio, que rematou co acordo entre CCOO e UGT coa patronal fóra da mesa, de costas á CIG, e sen consultar aos traballadores/as do sector. Fixo fincapé en que se trata dun convenio que afonda na precarización das condicións laborais, sobre todo do persoal eventual, e a súa sinatura “déixanos nunha posición de debilidade cara a novas negociacións”.
Neste senso, amosouse convencido de que os sindicatos estatais volverán ceder no próximo convenio, en concreto na grande aspiración das patronais: volver a permitir a entrada das ETT no sector. “Por iso tamén convocamos esta folga, para facer unha demostración de forza e para deixarlles moi claro que non imos permitir que sigan a empobrecer os traballadores/as do metal”.
Ao mesmo tempo, fixo un chamamento a cambiar a correlación de forzas nas empresas precisamente para evitar que CCOO e UGT volvan asinar un convenio coma este “e a cometer unha nova traizón á clase traballadora”. Neste punto acusou os sindicatos estatais de permanecer impasíbeis ante a grave crise que atravesa o naval e lembrou que a CIG ten convocada unha manifestación o vindeiro mércores 19 en Vigo en defensa do sector e polo futuro industrial da comarca.