A firmeza na loita dos/as traballadores/as do metal logra un convenio digno para o sector
As asembleas abertas de traballadores e traballadoras do metal convocadas pola CIG-Industria na tarde deste luns na Coruña, Ferrol e Compostela aceptaron por unanimidade a proposta de mediación do AGA para desbloquear a negociación do convenio colectivo. Deste xeito, a CIG xa anuncia que asinará o convenio colectivo de siderometal da provincia da Coruña ao entender que se acadaron os principais obxectivos marcados para esta negociación.
Unha vez aceptada a proposta nas asembleas de persoal, remitíuselle o resultado ao AGA, polo que agora fica pendente concretar data de reunión da mesa de negociación para elaborar o texto definitivo do convenio e proceder a súa sinatura. Así o explicaron os representantes da CIG-Industria na rolda de prensa ofrecida este martes na Coruña para informar da decisión das asembleas do persoal e do contido da proposta do mediador.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, valorou que as asembleas consideraron que esta proposta cumpre os obxectivos marcados pola central sindical para esta negociación: evitar a perda de dereitos conquistados nos convenios anteriores, garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, combater a precariedade logrando a subrogación para todo o sector (tanto público como privado) e a non aplicación da reforma laboral, no sentido de non aceptar contratos fixos-discontinuos a tempo parcial e avanzar na redución da temporalidade coa non prolongación dos contratos eventuais.
Garantir salarios e impedir a desregulación da xornada
"Fronte as pretensións de recortes da patronal fomos, polo tanto, quen de incrementar os salarios garantindo o IPC real durante a vixencia do convenio, conseguindo así que non sexan as traballadoras e os traballadores quen teñan que soportar, unha vez máis, o custe da crise", aseverou Bouzas Aboi.
Xunto a isto, sinalou que a proposta estabelece, a partir do ano 2023, a redución da xornada laboral nun día e a ampliación das vacacións nun día até os 24 días laborábeis. Ademais, tamén se regulará a desconexión dixital.
O secretario nacional da CIG-Industria salientou que outra das grandes loitas neste convenio foi impedir o aumento até o 10% na distribución irregular da xornada. A patronal pretendía desregular a xornada até o máximo legal (170 horas) e así empeorar as condicións laborais do sector, mais grazas a mobilización este punto finalmente quedará como xa estaba recollido no convenio.
"Foi o sector a través da mobilización, a unidade e a determinación o que fixo posíbel romper coa intransixencia e a cerrazón da patronal para acadar unha saída ao conflito, despois de sete xornadas de folga masivas desenvolvidas nos meses de maio e xuño", recalcou Bouzas Aboi, quen indicou que a aceptación da proposta do mediador polas partes implica tamén a desconvocatoria da folga prevista para esta semana.
Sobre o desenvolvemento da folga, a CIG critica as coaccións e as ameazas por parte dalgúns empresarios para impedir que os traballadores e traballadoras puideran exercer libremente o seu dereito fundamental á folga. E neste sentido, "rexeitamos as agresións e a actitudes matonís por parte da patronal contra algúns membros dos piquetes informativos".
Na comparecencia para os medios, os representantes da CIG-Industria reiteraron que "as nosas propostas realistas foron o que lle deron valor á folga e posibilitaron acadar un convenio digno"; poñendo o acento en que o conflito do metal evidencia que os dereitos non veñen regalados "senón que hai que conquistalos á través da loita e da mobilización. Só así conseguiremos mellorar as nosas condicións laborais e de vida".