A FGAMT de Compostela anuncia que se chegou a acordo con Ambupadrón S.L e denuncia que Ambuibérica segue incumprindo o convenio
Para Inácio Pavón, da FGAMT de Compostela, isto demostra, máis unha vez que “a presión e a mobilización son as que realmente conseguen avances significativos nun sector no que na maioría das bases o cumprimento do convenio colectivo era unha utopía, algo do que as empresas e a administración sacaron moito proveito nos últimos anos”.
O representante da FGAMT asegura que o que demostran estes acordos é que o que para unhas empresas é rendíbel “tamén o ten que ser para as outras”.
Por iso denuncia que a empresa mais grande, Ambuibérica SL, segue pretendendo incumprir o convenio colectivo aducindo posíbeis perdas. “Queda claro, tras da sinatura destes dous acordos que iso é falso, xa que todas as empresas cobran o mesmo por cada base e se a empresas pequenas como Ambulancias Casablanca ou Ambupadrón lles dá para cubrir custes e ter beneficios a Ambuibérica tamén”, explica Pavón, quen matiza que, isto foi un concurso público onde as empresas gañadoras decidiron ir por debaixo dos custes reais e “agora pretenden que sexan os traballadores e as traballadoras quen llo financie”.
Ambuibérica é unha empresa con sede en Valladolid que irrompeu neste sector en Galiza e pretendía aproveitarse dunhas condicións de traballo que existían neste sector, moi por debaixo do fixado no convenio. Así entrou con moita forza neste pasado concurso collendo amplas zonas na área sanitaria de Santiago (Melide, Teixeiro, Lalín, Silleda, Negreira, Santa Comba e Muros) e tamén nos lotes da Costa da Morte, Vigo e Baixo Miño ademais de ter participacións en moitas outras pequenas empresas coas que se asociou.
O representante da FGAMT explica que nas reunións que está mantendo coas diferentes bases a empresa está presionando ao persoal para que acepte condicións de traballo que non cumpran o convenio e senón “ameaza con mudar a un trato agresivo chegando a manifestar que se se lles exixía cumprir o convenio -ademais de modificar horarios para perxudicar ao persoal- non se cambiarían as rodas das ambulancias até que estiveran sen debuxo ou agardar a que se gastaran de todo as pastillas de freno, obviando o que representa iso como ameaza e a seguridade do persoal e un grave risco para pacientes e persoal sanitario”.
A FGAMT-CIG de Compostela advirte que “estas actitudes por parte de Ambuibérica non se van permitir” e ademais de ter denunciado esta situación na Inspección de Traballo, todo o sector unido “vai responder contra esta empresa mediante mobilización nas bases, sedes da empresa e hospitais de referencia”.
Responsabilidade do 061, do Sergas e da Xunta
Para Pavón non é de recibo que as traballadoras e traballadores se teñan que enfrontar a un conflito para que se cumpran unhas condicións que xa viñan garantidas polo convenio colectivo do sector. Por iso denuncia que “a fundación 061 e o Sergas son perfectamente coñecedores do estado deplorable das bases e de algunhas ambulancias, de que non hai o persoal necesario en cada base que redunda nun exceso de horas de traballo.
Concurso para a concesión do servizo programado
Ademais das ambulancias de emerxencias do 061 en datas recentes saíu a renovación do servizo de programado que abrangue aqueles servizos como determinados tratamentos, diálise, altas hospitalarias, ... Desde a FGAMT de Compostela tamén advirten ás empresas que “non pretendan dicir despois que non sabían ao que se atiñan se deciden ir por debaixo nas ofertas para facerse con este servizo, agora en fase de adxudicación”.
A isto engaden que “tanto ten se até o de agora, igual que pasou coas ambulancias do 061, non se cumprían as condicións, porque coa nova contrata os traballadores e traballadoras, agora organizados, van exixir que se cumpra”. Algo que Pavón entende que deben ter en conta as empresas á hora de facer as ofertas. “Rematouse que sexa a costa dos traballadores e traballadoras que se obtivera o lucro por parte das empresas sexan pequenas empresas galegas, sexan grandes empresas que veñen de fora a facer negocio como Ambuibérica”, conclúe.