A CIG rexeita o ERE extintivo para 39 traballadores/as da compañía téxtil Pili Carrera
A FGAMT-CIG amosa o seu rexeitamento ao ERE extintivo para 39 traballadores/as que vén de ser asinado en Pili Carrera, empresa téxtil con sede no concello pontevedrés de Mos, unha vez que foi aprobado en asemblea por unha ampla maioría do cadro de persoal. Dende a central denuncian que esta medida forma parte dun plan da empresa para deslocalizar produción a países con salarios aínda máis baixos.
Os representantes da CIG expresaron a súa oposición ao ERE durante as negociacións xa que a medida deixará na rúa a 39 persoas, “ademais cunha indemnización de tan só 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades”, desacordo que fixeron constar na acta final do acordo.
Foi o propio cadro de persoal de Pili Carrera o que de xeito maioritario (60 votos a favor e 28 en contra) se amosou partidario dun ERE que nun primeiro momento contemplaba o despedimento de 45 dos 104 traballadores/as; durante as negociacións esta cifra rebaixouse até os 39, dos que 26 serían baixas voluntarias e 13 forzosas.
Con todo, a CIG opúxose en todo momento ao acordo ao entender que o ERE é resultado da “moi mala xestión” levada a cabo pola dirección da empresa e critica que “como sempre, os que pagan esta mala xestión son os traballadores/as”.
Ao mesmo tempo, denuncian que a presentación do ERE responde a un plan da dirección para cambiar o modelo produtivo da compañía “que pasa por deslocalizar produción a outros país onde o custe salarial é aínda máis baixo”.