A FGAMT-CIG reúnese coa industria alimentaria do mar para abordar o impacto da Lei de Cambio Climático
Unha representación da FGAMT-CIG, coa secretaria nacional, Dores Martínez, á cabeza, mantivo unha xuntanza cos principais colectivos da industria alimentaria do mar de Galiza para abordar as consecuencias para o sector da Lei de Cambio Climático, que introducirá cambios substanciais no réxime de duración das concesións no dominio público marítimo terrestre.
A reunión, na que tamén participaron os responsábeis da FGAMT-CIG de Vigo, Pontevedra e Salnés, Suso García, Xavier Aboi e Rosa Abuín, celebrouse a petición das organizacións do sector mar alimentario para reclamar o apoio da CIG ás súas demandas e expresar a enorme preocupación desta industria ante a recente entrada no Congreso dos Deputados/as do proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética.
Dende os colectivos afectados explican que na tramitación da Lei intercalouse “fóra de contexto” un artigo, o 18, que modifica substancialmente o réxime de duración das concesións de ocupación do dominio público marítimo terrestre.
Segundo explican, trátase dun cambio normativo nun punto crucial, a duración das concesións, que con esta reforma quedarán reducidas ao mínimo, xa que desconta do prazo legalmente establecido para as prórrogas extraordinarias (actualmente ata 40 ou 50 anos máis dependendo do caso) o número de anos xa gozados durante o período de vixencia ordinario da concesión (normalmente 30 anos); “co que os establecementos destes sectores vense condenados á extinción dos seus títulos de ocupación nun horizonte moito máis próximo que no réxime xurídico vixente”.
Entenden, polo tanto, que se trata dunha reforma de enorme importancia e transcendencia para o tecido económico e social do noso litoral, que reactiva, “de novo sen previa consulta nin comunicación cos sectores afectados, o intento precedente de modificar nese sentido o Regulamento Xeral de Costas, do que desistiran ante á oposición entón suscitada”.
Posición da CIG
Polo súa banda, a FGAMT-CIG denuncia que o Goberno español teima en aplicar este tipo de leis sen consensuar cos axentes sociais galegos nin ter en conta as peculiaridades do noso país. “Non podemos esquecer que vivimos do mar, para o mar e co mar; para nós é unha relación que vai moito máis alá do turismo, é a nosa forma de vida”. Diante disto, alertan do impacto que a entrada en vigor desta normativa pode ter para un sector do que viven milleiros de familias e que constitúe unha parte esencial da economía do país.
O problema de Galiza é a falta de industria, sobre todo da limpa vinculada ao mar
Por iso censuran que agora o PSOE e Unidas Podemos, igual que antes o PP, en lugar de regular para rematar coa especulación e a “salvaxada urbanística” na zona do Mediterráneo e no sur peninsular “pretende crear aquí un problema que na maioría da nosa costa non existe”. Neste senso, sinalan que o problema en Galiza é precisamente a falta de industria, “sobre todo de industria limpa vinculada ao mar e á nosa historia”.
Pregúntanse como é posíbel que se poida pretender que empresas relacionadas co mar como cocedeiros ou depuradoras de marisco, ostras e mexillóns se trasladen a polígonos industriais. “A industria vencellada ao mar precisa non só do mar para extraer a materia prima, senón tamén da propia auga; é necesario protexer e poñer en valor esta industria”.
Deste xeito, critican que se queiran aplicar aquí “receitas dun turismo pseudoecoloxista que non se atreven a aplicar no 'todo vale' do Mar Menor” e esixen a inmediata retirada de calquera proxecto normativo que poña atrancos ás pequenas e medianas empresas vencelladas ao mar “utilizando artiluxios como a Lei de Cambio Climático; lei que consideramos moi necesaria, pero que non se pode aplicar neste contexto, xa que os principais interesados/as na conservación do mar son as persoas que viven del; os culpábeis do cambio climático non están nas nosas rías”.
Na reunión participaron representantes da Asociación de Depuradores, Expedidores y Comercializadores de Moluscos (AGADE), da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos – Centro Nacional de Conservación de Productos de la Pesca (ANFACO-CECOPESCA), da Asociación Empresarial de Acuicultura de España (APROMAR), do Centro Tecnológico de la Acuicultura (CETGA), do Cluster de la Acuicultura, da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e da Federación de Asociacións de Mexilloeiros (FEMEX).