A FGAMT-CIG promoverá mobilizacións na industria cárnica se a patronal insiste nunha proposta de convenio “insultante”

Tras 10 meses de xuntanzas o empresariado ofrece un acordo a dous anos cunha suba salarial insuficiente
Pontevedra/Lugo - 18 Out 2024

A FGAMT-CIG vén de anunciar a súa intención de promover protestas no sector da industria cárnica se a patronal insiste nunha proposta de convenio “insultante”, xa que tras 10 meses de xuntanzas o empresariado ofrece un acordo a dous anos cunha suba salarial insuficiente. De xeito que de continuar así a situación a central proporalle ao resto de sindicatos levar a cabo mobilizacións que rematen coa convocatoria dunha folga no sector que permita acadar unhas condicións laborais dignas.

Dende a central sindical explican que o pasado luns tivo lugar unha nova reunión do convenio das Industrias Cárnicas na que, unha vez máis, non houbo avances. “A proposta da patronal é insultante, despois de 10 meses de reunións perdidas ofertan un convenio de non máis de dous anos de duración, subidas salariais do 2,1% para o ano 2024, incluíndo xa o 0,6 % que se cobrou en xaneiro do 2024 debido a diferenza de IPC do ano 2023 (polo que a subida real sería do 1,5 %), cunha posible revisión ligada ao IPC cun tope do 1% e sen atrasos. Para o ano 2025 sería unha subida do 2% cunha posible revisión do 1% en xaneiro do 2026 que tampouco contemplaría atrasos. En canto á xornada, o empresariado ofrece unha rebaixa de 10 horas para o ano 2025, quedando en 1750 horas”. 

A CIG entende que as protestas terían que desembocar nunha folga para lograr un convenio digno

Tamén se ofrecen a facer unha redacción nova das licenzas sen soldo, da dispoñibilidade de tradutor para as persoas migrantes nos casos de entrega de documentación sensíbel ou “regular” as persoas fixas descontinuas. “Para rematar a súa ofensiva proposta pretenden reflexar no convenio que as horas extras se poidan gozar en tempo sen recargo algún; é dicir, unha hora extra equivale a unha hora de descanso. Pois ben, despois desta vergoñenta oferta da patronal, a asemblea de delegados/as da CIG contestou cun rotundo non”.

A única oferta válida para a CIG, “e entendemos que para todas as persoas traballadoras”, é unha subida salarial, como mínimo, do 5 e do 4% para estes dous anos, con revisión anual do IPC a partires do 3% e abono de atrasos dende o 1 de xaneiro do ano anterior para garantir recuperar o perdido nos convenios anteriores. E con cláusula de non absorción e compensación dos incrementos pactados.

Próxima xuntanza

Máis unha mellora no abono da incapacidade temporal por parte da Seguridade Social ou da mutua, mellora das licenzas, rebaixa na xornada anual (mellorando a xornada en frigoríficos), regulación exhaustiva das rotacións e dos descansos durante a xornada laboral, ascenso de categoría para o persoal que utilice coitelo, mellora do plus de penalidade incluíndo a toda a matanza, inclusión de todos os conceptos salariais na nómina das vacacións e, dunha vez por todas, mellorar a clasificación profesional tendo en conta os méritos e non o criterio ou capricho da empresa.

“Por estas razóns, se na vindeira reunión do día 8 a patronal segue na súa postura, a CIG fará un chamamento á mobilización ao resto de sindicatos e ao conxunto das persoas traballadoras, protestas que terían que desembocar nunha folga para acadar, por fin, o convenio da industria cárnica que as persoas traballadoras do sector merecen”.