A FGAMT-CIG incidirá nas melloras sociais na negociación do convenio estatal da industria cárnica
A FGAMT-CIG priorizará as melloras de tipo social (redución de xornada, tempos de descanso, prevención de riscos, etc) na negociación do convenio colectivo estatal de industrias cárnicas que comeza a próxima semana. Por outra banda, a central denuncia que a patronal do sector de matadoiros de aves e coellos négase a actualizar os salarios en base ao pactado, o que supón unha importante perda de poder adquisitivo.
Estas e outras cuestións foron abordadas na asemblea de delegados/as da FGAMT-CIG no sector dos matadoiros de aves e coellos e nas industrias cárnicas celebrada hoxe en Lalín, na que participaron representante sindicais do Deza, Lugo, Vigo, Pontevedra, O Porriño e Ourense. No encontro aproveitouse para analizar a situación do sector en Galiza, “onde moitas empresas están a pasar a mans foráneas” e algunhas atravesan situacións “moi complicadas”, como é o caso de Frigodeza.
A central sindical aproveitou tamén para elaborar a plataforma de convenio colectivo das industriais cárnicas que levará á mesa de negociación da vindeira semana. “Ademais da correspondente suba salarial, incidiremos nas melloras de tipo social, como a redución da xornada, os tempos de descanso durante a mesma ou as medidas de saúde laboral e de prevención de riscos”.
Ao mesmo tempo, a FGAMT-CIG denunciou que a patronal do sector dos matadoiros de aves e coellos -integrada en boa parte polas principais empresas da industria cárnica- négase a actualizar os soldos de 2023 en base ao IPC, tal e como recolle o convenio colectivo estatal, mais tamén a suba pactada para 2024, “incrementos que en total se sitúan no 12%, de xeito que o persoal do sector está a padecer unha importante perda de poder adquisitivo”. Diante disto, dende a central anunciaron a súa intención de reclamar pola vía xudicial o cumprimento do convenio colectivo.