A FGAMT-CIG gaña as eleccións sindicais na empresa Cabomar de Marín
A FGAMT-CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas na empresa Cabomar de Marín, dedicada á fabricación e comercialización de produtos do mar conxelados, frescos e refrixerados, ao obter 5 dos 13 representantes que se escollían no comité.
A central sindical logrou 3 delegadas/os no colexio de especialistas e 2 entre o persoal técnico e administrativo. A representación sindical na compañía complétana 4 delegadas/os da UGT (2 en especialistas e 2 entre o persoal técnico e administrativo) e outras/os 4 de CCOO (todas/os no colexio de especialistas).
A pesar de tratarse dun excelente resultado nunha das maiores compañías do porto marinense, a FGAMT-CIG quedou a só tres votos de facerse co cuarto representante entre os especialistas, o que lle permitiría ter gañado nese colexio. No proceso participaron un total de 191 persoas traballadoras e contabilizáronse 5 votos en branco.
Nas anteriores elección sindicais, celebradas en 2019, a CIG obtivera 2 representantes dun comité de 9, mentres que UGT sumara 4 e CCOO 3. Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra agradecen a confianza depositada polas traballadoras/es no seu modelo sindical participativo e combativo e adiantan a súa disposición a loitar pola mellora das condición laborais do conxunto do cadro de persoal de Cabomar.