A FGAMT-CIG gaña as eleccións na empresa de conxelados Procsa de Vigo a primeira vez que presenta candidatura
A FGAMT-CIG gañou as eleccións sindicais celebradas o pasado martes na empresa de produtos conxelados Procsa, con sede na parroquia viguesa de Sárdoma, ao obter 4 dos 9 representantes do comité. A central sindical sumou un total de 39 votos entre os 106 traballadores/as a primeira vez que presentou candidatura nesta compañía.
No proceso electoral a CIG obtivo 31 apoios no colexio de especialistas (3 delegados/as) e 8 entre o persoal técnico e administrativo (1 delegado/a). A representación sindical complétana outros 2 representantes da UGT, un por cada colexio, que contabilizou 22 votos (15 entre o persoal técnico e administrativo e 7 entre os especialistas); os 2 obtidos por CCOO no colexio de especialistas ao sumar 17 votos; e o único representante de CUT, que tamén logrou 17 votos.
Dende a FGAMT valoran moi positivamente o resultado das eleccións sindicais en Procsa, sobre todo cando era a primeira vez que a central sindical presentaba candidatura nesta empresa dedicada á elaboración e comercialización de produtos do mar conxelados é a preparación de pratos precociñados.
Por iso agradecen a confianza depositada polos/as traballadores/as no modelo sindical asembleario, combativo e de contrapoder que representa a CIG e adiantan o seu compromiso na defensa dos dereitos e das condicións de traballo do conxunto do cadro de persoal.