A CIG faise cos 2 delegados de persoal na empresa Viuda de J. Domínguez, de Monbus
A FGAMT-CIG fíxose cos dos delegados de persoal que se escollían na empresa de autobuses Viuda de J. Domínguez a pesar das intensas presións exercidas pola compañía do grupo Monbus, que mesmo chegou a impugnar o preaviso de eleccións sindicais.
No proceso exerceron o seu dereito a voto 35 das 38 persoas que integran o cadro de persoal da empresa con sede no Gandarón, en Vigo. Os candidatos da CIG sumaron 48 apoios, mentres que os sindicatos estatais CCOO e UGT contabilizaron 8 cada un.
Este resultado ten unha especial importancia tendo en conta as intensas presións exercidas polo grupo que preside Raúl López, tanto sobre os candidatos da CIG como sobre os traballadores/as, co obxectivo que dirixiran os seus votos cara as candidaturas de CCOO e UGT, promovidas pola propia empresa.
Con anterioridade, Viuda de J. Domínguez mesmo impugnara o preaviso de eleccións sindicais feito pola CIG, impugnación que foi desestimada en laudo arbitral. A empresa defendía a existencia de varios centros de traballo na provincia, cando a realidade é que unicamente existe un, o situado no Gandarón, en Vigo, tal e como defendía a central sindical.
Exemplo de valentía
A representación sindical era exercida até o de agora por un delegado da UGT, pero unha vez que a compañía superou os 31 traballadores/as a CIG promoveu a celebración de eleccións parciais para escoller dous delegados/as, proceso que a empresa intentou paralizar sen éxito.
Por iso dende a FGAMT-CIG salientan a valentía amosada tanto polos candidatos da CIG como polo cadro de persoal da empresa, que non se deixaron amedrentar polas presións. Ao mesmo tempo, agradecen o apoio recibido e a confianza depositada no proxecto sindical que representa a CIG e adiantan que os delegados da central sindical defenderán os dereitos laborais do conxunto dos traballadores/as de Viuda de J. Domínguez.