A CIG faise con 2 dos 5 representantes sindicais en Ambulancias As Burgas de Ourense

Este resultado permite que por primeira vez a provincia poida contar con representación da central nas mesas de negociación do transporte sanitario
Ourense - 18 Nov 2025

A FGAMT-CIG fíxose con 2 dos 5 representantes no comité de empresa de Ambulancias As Burgas de Ourense ao sumar o 46,2% dos votos (24) nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar. Este resultado afianza a maioría da central no sector a nivel nacional e supón un fito histórico en Ourense, xa que é a primeira ocasión na que a CIG foi quen de presentar candidatura ao proceso nesta compañía.

Este avance electoral é especialmente importante ao permitir que por primeira vez Ourense poida contar con representantes da CIG nas mesas de negociación do sector do transporte sanitario. 

A central sumou 24 votos, o 46,2% do apoio entre o cadro de persoal

Por iso dende a central sindical agradecen profundamente o apoio recibido e expresan a súa total dispoñibilidade para continuar loitando pola mellora das condicións laborais das persoas traballadoras do sector, apostando por un servizo público e profesional de calidade.

Ao tempo que salientan que este resultado supón tamén rematar coa maioría “abafante” que durante anos mantiveron primeiro a UGT e despois a USO. “A irrupción da CIG rompe finalmente ese equilibrio e abre unha nova etapa no sector en Ourense”.

Finalmente, anuncian que continuarán traballando para acadar a maior representatividade posíbel na provincia e para destapar as “incoherencias” e “prácticas desleais” dalgúns, sempre desde a defensa firme dos dereitos da clase traballadora.