A FGAMT-CIG faise coa maioría absoluta no comité de empresa de Mascato Salvaterra
A FGAMT-CIG acadou a maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na empresa de elaboración de peixe Mascato de Salvaterra de Miño ao lograr 5 dos 9 representantes que se escollían no comité, sendo a primeira vez que a central sindical se fai coa vitoria nesta compañía.
No proceso participaron 113 das 117 persoas que compoñen o cadro de persoal e non se contabilizaron nin votos en branco nin nulos. No colexio de especialistas a candidatura da CIG obtivo 49 apoios (4 delegados/as) e a CUT 33 votos (3 delegados/as).
Entre o persoal técnico e administrativo a CIG contabilizou 12 votos (1 delegado/a), UGT 13 (1 delegado/a) e CUT 6, ficando sen representación. É a primeira vez que a CIG se fai coa vitoria nesta compañía, xa que no anterior proceso sumara 3 representantes, por 5 da CUT e UGT da 1.
Dende a FGAMT-CIG trasládanlle o seu a agradecemento ás traballadoras/es de Mascato Salvaterra pola confianza depositada na súa candidatura e adiantan a disposición da representación da central sindical na empresa a loitar pola mellora das condicións de traballo e na defensa dos dereitos laborais do conxunto do persoal.