A FGAMT-CIG do Salnés: “Podemos dicir case con total seguridade que Thenaisie non pecha”
A responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, amosouse hoxe convencida de que a conserveira Thenaisie Provoté, con centros de traballo no Grove e Mos, evitará o seu peche e manterá o emprego, unha vez que as dúas ofertas de compra existentes garanten a continuidade do proxecto industrial e dos postos de traballo.
A responsábel sindical compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto a representantes da CIG na empresa para anunciar a presentación dunha nova oferta de compra no día de onte, que se vén a sumar á xa existente. “A que se confirmou onte, dun grupo empresarial valenciano, contempla o mantemento do 50% do cadro de persoal, co compromiso de incorporar as persoas que queden fóra a medida que se incremente a produción”, explica Abuín.
Coa mobilización e co traballo sindical os conflitos poden resolverse
A outra, feita por un empresario murciano dedicado á compra-venta de maquinaria conserveira, sería máis a medio prazo: nun principio manterían 10 empregos, mentres se realizan obras de modernización da fábrica, pero despois recolocaría a todo o persoal. Con todo, a CIG está en conversas tamén -ao igual que coas empresas anteriores- con Conservas Rías Baixas, “que non presentou oferta porque solicita que o Igape avale a operación para poder lograr financiamento dos bancos”.
De feito, segundo subliña a responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, a última palabra en todo este proceso téñeno as entidades financeiras, polo que agarda que sexan conscientes da situación social e a da necesidade de manter un proxecto industrial que garanta o emprego “e non pensen só no beneficio económico”.
“Sen loita estaría pechada”
Abuín salientou que coa mobilización e co traballo sindical “os conflitos poden resolverse, como neste caso, que a loita das traballadoras/as coa CIG e do conxunto da veciñanza do Grove vai permitir a supervivencia da compañía e de máis dun cento de empregos”.
Por iso asegurou que “podemos dicir case con total seguridade que a conserveira Thenaisie non se pecha”, ao tempo que se amosou convencida de que sen loita a empresa estaría pechada hai tempo”.