A FGAMT-CIG do Salnés intensifica os contactos na busca dun comprador para a conserveira Thenaisie
A FGAMT-CIG do Salnés está a intensificar os contactos con posíbeis compradores da conserveira Thenaisie Provote do Grove coa intención de que un grupo inversor galego adquira a empresa e evite deste xeito a súa liquidación. A central entende que este é o único xeito de manter a actividade industrial tanto na planta grovense como nas instalacións de loxística situadas en Mos.
Representantes da FGAMT-CIG e do cadro de persoal mantiveron hoxe unha xuntanza con responsábeis dunha compañía galega interesada na adquisición da conserveira, co obxectivo de que un grupo inversor galego se faga cargo da empresa e evitar así a súa liquidación, o que permitiría manter a actividade industrial e os 125 empregos actuais.
A responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, explica que a única saída para a fábrica é atopar un comprador, “e nós decantámonos porque sexa un grupo inversor galego porque apostamos polos nosos sectores produtivos”.
Abuín incide na delicada situación económica da empresa, que se vén acoller a concurso voluntario de acredores ante a falta de liquidez. “É certo que non manteñen débedas coas traballadoras/es, pero resúltalles imposíbel facerlle fronte aos pagos a provedores”.
Aval da Xunta
Neste contexto, a central, que conta con 8 delegadas/os na empresa fronte ás 4 de CCOO, aceptou a presentación dun ERTE “como medida provisional para garantir que se mantivese a actividade na fábrica, porque do contrario iría a liquidación”. De feito, para semana que vén está previsto que se reincorpore ao traballo outro grupo de empregadas/os para atender os pedidos de verán.
Finalmente, a representante sindical lémbralle á Xunta que a recuperación económica do noso país “pasa por manter os 125 empregos de Thenaisie, polo que agardamos que a Administración autonómica avale calquera saída de venda ou de compra que pase por negociar con Abanca, que é a entidade que posúe a maior débeda da empresa”.