A FGAMT-CIG demanda a equiparación salarial do persoal médico do ISM co do Sergas e iniciar as transferencias
A FGAMT-CIG considera de todo insatisfactoria a contestación dada polo Gobernos español no Congreso das e dos Deputados a respecto da cobertura da vacante do servizo médico do centro de sanidade marítima de Corcubión e sobre o mantemento no tempo de dito servizo.
No escrito, en reposta ás preguntas trasladadas polo BNG, non se garante en ningún momento a continuidade da atención médica no centro de Corcubión, nin que se vaia cubrir a vacante de xeito inmediato, nin se dan solucións acaídas ao problema da falta de cobertura tanto das prazas sanitarias como de persoal funcionario.
O secretario comarcal da FGAMT-CIG, Manuel Camiño, entende que existe unha estratexia tendente a deixar sen servizo efectivo a este centro de sanidade marítima para finalmente privatizalo ou acabalo pechando. Por iso, para facilitar a cobertura das vacantes pide que se equipare o salario dos médicos e médicas do ISM ao do persoal do SERGAS.
Tamén considera que non hai ningún interese por parte da Xunta de Galiza "por manter este servizo, entendemos que debía de ser a Xunta quen reclamara o traspaso de competencias nesta materia para dar un servizo axeitado aos mariñeiros e mariñeiras".