A FGAMT-CIG de Vigo faise con dous representantes no comité de Iberconsa
A FGAMT-CIG de Vigo logrou dous representantes no comité de empresa de Iberconsa, compañía dedicada á pesca, transformación e distribución de produtos do mar conxelados. A central sindical sumou 23 votos entre o persoal de fábrica, polo que case duplicou os apoios obtidos pola UGT.
Tras o proceso de eleccións sindicais que se veñen de celebrar na empresa de Bouzas por primeira vez, o comité queda integrado por tres delegados/as da UGT e por dous da CIG. O sindicato estatal sumou dous representantes entre o persoal técnico e administrativo (no que a CIG non presentou candidatura) e un entre o persoal de fábrica (colexio de especialistas).
Neste colexio (no que podían votar 44 persoas) a CIG fíxose con dous delegados/as ao sumar 23 dos 35 votos emitidos, mentres que a UGT contabilizou 12, polo que obtivo un representante. No colexio de técnicos/as e administrativos/as, no que podían votar 22 persoas, a central estatal logrou 19 apoios.
Iberconsa conta cun cadro de persoal na fábrica de Bouzas (situada na antiga nave de Freiremar) de 66 traballadores/as, dos que 54 exerceron o seu dereito ao voto. Dende a FGAMT agradecen a confianza depositada no proxecto sindical que representa a CIG e adiantan que os representantes da central no comité defenderán os dereitos laborais do conxunto do persoal de Iberconsa.